XVIII Carreira Nocturna de Vilagarcía
- xullo 30, 2022
- Por: IglesiasAmores
- 0 Comentarios
Despois de participar o día anterior na +10 Marín Manuel Rosales, tocou desprazarse ata Vilagarcía de Arousa para participar na XVIII Carreira Nocturna de Vilagarcía proba que disputei o ano pasado e que todo parecía indicar que ía ser o mesmo percorrido, tres voltas completamente chan ata completar unha distancia de 10Km.
O obxectivo sería:
- Facer un tempo entre 37 e 38 min. xa que non creo que tivese pernas para facer mellor tempo.
Cheguei a Vilagarcía sobre 2 horas antes coa idea de aparcar no lugar habilitado que poñía no regulamento pero cando cheguei a policía local xa tiña cortado o acceso e tiven que buscar onde aparcar. Por iso me gusta ir con tempo as probas, para evitar estes imprevistos pero non entendín como cerraron o acceso tan pronto cando seguía habendo sitio para aparcar alí e era o estacionamento que che dicían que ía haber para a carreira.
Tras recoller o dorsal estiven dando unha volta por Vilagarcía e vendo as carreiras das categorías de menores xa que a proba absoluta era a última en disputarse. Chegado o momento acabei de prepararme e púxenme a quecer. As sensacións non eran moi boas e notaba as pernas un pouco cansas, claramente non estaban recuperadas do esforzo do día anterior.
Restaban 5 minutos para a saída e achegueime a liña de saída, a diferenza do día anterior onde buscaba estar o máis adiante posible, desta vez quedeime un pouco máis atrasado xa que sabía que non ía ter as pernas para moita festa e como eran 3 voltas ía tomar a primeira das voltas con "calma" e despois xa iría vendo se apertar ou manter o ritmo. Así case sen darme de conta comezou a proba.
Arranquei tranquilo e intentando non deixarme levar polo ritmo que se soe facer na saída onde todos imos máis fortes. Así practicamente mantiña o posto e levaba un ritmo que me estaba resultado cómodo. De feito estiven intentado que me seguise un compañeiro de carreiras co que estiven falando ao comezo pero ao final da primeira volta empecei a sentirme mellor e comecei a tirar un pouco máis forte. O percorrido era o mesmo que o último ano totalmente chan. Así completo a primeira volta de 3,3Km nun tempo de 12:31 min.
Durante a segunda volta comecei a ir máis rápido, era a última proba antes do descanso de agosto polo que pensei para min que había que dar o que tiñan as pernas e xa tería tempo de recuperar. Así comecei a gañar postos e a verdade é que me estaba sentindo ben, apenas notaba o cansancio do día anterior e remato a segunda das voltas nun tempo de 12:27 min, uns segundos máis rápido que na primeira volta polo que nada mal.
Quedaba a terceira é última volta, seguía tirando pero agora si que comecei a notar que as pernas non ían tan ben como antes e xa non conseguía gañar postos pero si que era capaz de manter a posición que tiña. A pesar de facer os últimos metros a tope perdo un posto na recta de meta e remato esta última volta facendo un tempo de 12:44 min polo o cansancio xa era notable pero satisfeito coa carreira realizada.
- Posto xeral: 20º de 201.
- Posto categoría: 10º.
- Tempo: 37:42 min
- Ritmo: 3:46 min/km
O obxectivo cumprido, rematei a proba dentro do tempo que pensaba que o ía facer. Ir máis rápido creo que era complicado polo cansancio acumulado pero non está nada mal. Agora toca descanso e adestrar para retomar as proba a finais de agosto/principios de setembro.
En canto a organización estivo ben pero co fallo grave que comentei ao principio do estacionamento, de feito antes da carreira xa escoitei a outros corredores queixarse do mesmo. Avituallamento intermedio con auga, avituallamento final con auga, isotónico, froita e barrita enerxética e camiseta técnica de agasallo. Descoñezo se había duchas xa que tras mirar o resultado xa marchei.
🏆 Clasificación xeral homes 🏆
- Pablo Otero Fariña ... 32:39
- Alejandro Pesado Fernández ... 33:29
- Sergio Hermelo Gomez ... 33:41
🏆 Clasificación xeral mulleres 🏆
- Inés Docampo Gamarra ... 40:14
- Cora Saburido Represa ... 40:30
- Ararat Pazos Meixus ... 43:42
Pd.: Clasificación completa. Moitas grazas.
0 comments