I Trail Comarca do Ulla - Tambre

Tocaba regresar ao monte para participar na primeira edición do Trail Comarca do Ulla - Tambre que percorrería os montes dos concellos de Touro e O Pino cubrindo unha distancia duns 20 Km aprox. e un desnivel acumulado duns 1450m.

O obxectivo sería:

  • Seguir sumando km's para ir afinando para futuras probas e desfrutar dos montes.
Cheguei cedo xa que non coñecía ben o lugar da saída, xa que a diferenza da Carreira do Concello de O Pino, esta tiña ubicación noutro lugar de O Pedrouzo. Tras recoller o dorsal, volvín para o coche poñer os manguitos xa que o día estaba bastante frío, tanto que cando vin que había gardarroupas no lugar da saída non o dubidei e decidín cambiarme alí. Menos mal que preguntei pola ubicación dos autobuses que nos levaban a saída porque tras dar varias voltas pola zona de meta non atopaba os buses e pensei que ía quedar en terra.

Nada máis chegamos a zona de saída situada na Carballeira de Brandelo (Touro), baixando do autobús non sei que fixen pero debín pisar mal ou algo estraño porque quíxome dar un tirón nun xemelgo. Nese momento cambiei toda a estratexia de carreira porque a verdade e que xa nin sabía se ía ser capaz de rematar a proba. ¿Pode ser que sexa o primeiro que se lesiona antes de empezar unha proba?

Parecía que xa non facía tanto frío aínda que decido correr coa térmica, manguitos e buff, levo a roupa ao gardarroupas e intento realizar o quecemento para ver se o xemelgo ía volvendo a normalidade, parecía que me ía deixar correr pero sen forzar moito por si acaso e decido saír máis atrasado. Ademais ía ir coa GoPro gravando xa que sigo facendo probas de gravación en carreira. Así tras unha conta atrás deu comezo a proba.


Arranquei tranquilo, seguindo ao grupo de corredores e sen ir a gañar postos xa que ademais de ir tocado a última vez que me enfrontei a un trail de 20Km (Campionato Galego de Trail 2021) acabei esnaquizado e andando gran parte da proba. Aos 350m de comezar xa temos que pararnos todos porque había atasco para pasar por un punto. Pasado ese punto o percorrido levábanos ao carón do rego das Pucheiras pasando pola Fervenza de Batán, Km 1.


Dende a Fervenza seguiríamos indo ao carón do Pucheiras por unha zona bastante rápida entre árbores que me recordou un pouco ao comezo do Trail Ribeiras do Tambre ata o Km 2,3. A partir de aí deixabamos o rego momentaneamente para comezar a primeira das subidas onde xa houbo que botarse a andar pola cantidade de pedras soltas. A subida remataría no Km 3,3.


Logo tocou baixar, uns metros técnicos para volver a pistas onde se podía correr perfectamente de feito ía baixando como se fora en asfalto. Tras esta baixada volviamos ao rego das Pucheiras e a correr entre as arbores ata o Km 5 onde nos despedimos del. Nese punto decido meterlle unha das gominolas que levaba.

Dende aí comezamos a percorrer unha pista de terra e logo de asfalto ata chegar ao Km 5,9 onde hai un pequeno repeito duns 250m. Despois saímos novamente ao asfalto ata volver ao monte no Km 6,8 con unha nova subida ata o Km 7.

Comezamos un tramo rápido por pistas ata que nos meteron pon unha zona máis técnica baixando onde sufrín un pouco pola miña integridade física pero superada con éxito. Seguimos por zona rápida ata unha subida que parecía un muro dende o Km 8,3 ata o 8,6. Posiblemente foi o punto máis duro da carreira.


Tras esa subida saquei os manguitos porque o sol xa estaba quentando e tocou baixar con algunha baixada máis técnica pero nada salientable ata o km 10 onde o terreo pouco a pouco ía subindo xa que íamos rumbo ao Mirador de O Picón que agora mentres escribo a crónica doume de conta porque me soaba ese sitio e é que xa correra por aí no 2017 no Trail Senda do Picón incluso a meta era no mesmo lugar pero aí si que non me soaba para nada, moitas carreiras na cabeza...

Para chegar ao Mirador de O Picón había algunha que outra subida dura pero que se ían levando ben. No mirador estaba o avituallamento Km 11,3 onde desta vez si que me detiven para meterlle algo sólido ao corpo que neste caso foi medio plátano e sen perder máis tempo continuo a carreira mentres ía comendo.


Baixada rápida dende o mirador e volvemos as pistas practicamente todo o que quedaba de percorrido algunha na que había que ir con precaución pola cantidade de barro que había pero esa segunda metade de carreira era moi favorable para correr ata chegar ao km 17,2 onde a organización nos tiña unha última sorpresa meténdonos ao carón do Rego do Burgo e o Rego de Xeimar. Unha zona onde subía o nivel de técnica e tiñas que estar máis alerta de onde pisabas ata o Km 18,9.

Dende aí xa pista primeiro de terra e logo de asfalto ata chegar a meta facendo uns 19,4 Km.


O resultado final foi:
  • Posto xeral: 38º de 90.
  • Posto categoría: 3º 🏆
  • Tempo: 2:09:20.
  • Ritmo: 6:40 min/km
O obxectivo cumprido xa que foron bos Km's para as pernas e tendo en conta que nada máis chegar a saída non sabía se ía ser capaz de chegar a meta por culpa do xemelgo a proba non me saíu nada mal con sorprendente resultado xa que cando estaba na casa, duchado e tirado no sofá, chamáronme para dicirme que fun 3º da categoría. Recolléronme o "trofeo" que neste caso foi un queixo, prefería un trofeo xa que o queixo non me gusta... Mágoa non saber antes que tiña premio pero é que non contaba para nada con ter algo.

En canto a proba, trail para a xente que se estea iniciando e aguante correr 20Km xa que por técnica bastante fácil e moita pista e sendeiros por onde correr fácil. Avituallamentos intermedios con auga en varios puntos e o do mirador moi completo ao igual que o de meta. Servizo de masaxe e duchas un pouco lonxe para ir a pé. Ademais de callos e cervexa para todos ao rematar a proba que sempre ven ben meterlle algo quente ao corpo.

🏆 Clasificación xeral homes 🏆
  1. Daniel Paz Pardo ... 1:34:45
  2. Rubén Insua Díaz ... 1:35:38
  3. Alberto Villamor Roibás ... 1:38:39
🏆 Clasificación xeral mulleres 🏆
  1. Beatriz Barroso Pérez ... 2:01:23
  2. Eva de la Fuente Iglesias ... 2:10:55
  3. Cristina Carril Boo ... 2:15:42

Tamén che pode gustar:

0 comments