XLI Carreira da Pascua

Despois de conseguir o primeiro podio do ano no Trail Comarca do Ulla - Tambre, tocou regresar ao hábitat no que mellor me atopo, o asfalto. Nesta ocasión despraceime ata Padrón onde se ía celebrar a XLI Carreira Popular da Pascua con un percorrido que volvía aos seus orixes xa que tocaba correr os 13,3 Km e non os 10,5Km que nos últimos anos se estaban facendo.

O obxectivo sería:

  • Apertar o que dera a ver ata onde daba chegado xa que ía estar estreando zapas e hai que mirar como responden.
Fun cedo coma sempre e tiven sorte xa que nada máis cheguei atopei un sitio onde aparcar. Dirixinme a recoller o dorsal con calma mentres ía comprobando o ambiente que había, os menores xa estaban correndo. Volvín para o coche cambiarme e o sol xa comezaba a apertar, parecía que estabamos xa en verán...

Tras cambiarme, púxenme a quecer un pouco ata que restaban uns minutos para a saída e funme achegando a Praza de Macías onde estaba ubicado o arco de saída e meta. Estábamos todos os corredores alí e a calor xa era notable. Estábamos esperando a que rematase unha das carreiras dos menores para poder comezar nos, algo que se retrasou uns 10 min aprox. Quedei colocado algo atrasado pero como eran 13,3 Km había tempo de recuperar os postos. Así tras unha conta atrás deu comezo a proba.

Arranquei con calma e precaución xa que o primeiro tramo ía polo casco vello de Padrón, moi semellante ao de Santiago de Compostela e ao ir no medio dos corredores había risco a tropezar con outro corredor. Así foron os primeiros 300m. xa que a partir de aí xa viña o asfalto e a estrada máis ancha.

Foto: Alicentis
Comecei a marcar o meu ritmo e a verdade é que me estaba sentindo bastante ben e cómodo rodando a ritmos entorno aos 3:40 min/km, xa facía tempo que non me sentía así a eses ritmos. Estaba recuperando moitos postos e centrado sempre en dar caza ao seguinte corredor. Ata o Km 3,5 onde alcanzo a un grupo numeroso que practicamente era o perseguidor dos corredores que marchaban en cabeza. Nese momento non sabía que facer se quedarme no grupo ou seguir co meu ritmo. A decisión foi rápida e decidín seguir tirando, ía tirar ata que rebentase non é a mellor estratexia para unha carreira pero necesitaba comprobar como estaba fisicamente.

Así, comecei a deixar pouco a pouco o grupo atrás agás un corredor que se puxo a seguirme o ritmo e así fun con el un par de Km's.

Foto: Alicentis
Todas esas boas sensación comezaron a chegar ao seu fin entorno ao Km 6,5. Pouco a pouco fóiseme escapando o corredor que me ía acompañando e aínda que me animou a que o seguise eu xa non era capaz e nunha das moitas subidas cortas que tiña a proba, descólgome definitivamente.

Corredores daquel grupo comezaron a pasarme aos poucos, xa non era quen de seguir a ningún. Eu intentaba seguir forzando pero cada vez que viña unha subida era como se fora un autentico muro para as miñas pernas e non avanzaba. Sentíame como se fora un coche con poucos cabalos que cando chega unha pendente vai perdendo forza e ten que cambiar de marcha pois eu estaba igual...

Así foron pasando os Km's, sufrindo nas subidas pero en llano e costa abaixo era capaz de manter un ritmo que me permitía manter unha distancia cos perseguidores. Así cando restaban case 2Km para meta comezo a forzar a maquinaria para poder conservar o posto xa que, o que quedaba practicamente era todo favorable e había que dar o que tiña. Cando xa pensaba que tiña o posto asegurado, no último xiro perdo un novo posto e así chego a meta moi satisfeito pero sabendo que hai cousas que mellorar.

Foto: Alicentis
O resultado final foi:

  • Posto xeral: 21º de 190.
  • Posto categoría: 3º. 🏆
  • Tempo: 49:45 min.
  • Ritmo: 3:47 min/km
O obxectivo cumprido xa que me sentín bastante ben durante esa primeira metade da carreira, falta seguir adestrando para ir gañando máis fondo e sobre todo, adestrar costas xa que perdía moito tempo aí pero polo resto perfecto. Conseguín mellorar o tempo que tiña nesta proba (con este percorrido) en 1:43 min. e ademais primeiro podio individual que consigo nesta carreira.

En canto a proba xa non recordaba a dureza que tiña xa que vas continuamente nun sube e baixa que non ten pendentes moi duras pero que te van castigando durante os 13Km e se lle sumamos que tocou un día cunha calor que non era normal para o día que era o esforzo foi maior. Avituallamento liquido intermedio, avituallamento final completo e bolsa de agasallo.

Foto: Alicentis
🏆 Clasificación xeral homes 🏆
  1. Pablo Carnero Rodríguez ... 44:15
  2. Alejandro Pesado Fernández ... 44:21
  3. Rubén Caamaño Nieto ... 45:03
🏆 Clasificación xeral mulleres 🏆
  1. Vanesa Blanco Rey ... 55:00
  2. Paula Rosales Rosales ... 59:18
  3. María Iglesias Area ... 59:39
Pd.: Clasificación completa. Fotos cortesía de: Alicentis. Moitas grazas.

Tamén che pode gustar:

0 comments