III Trail Desafío Vértice

Tras un descanso necesario en verán, hai que ir volvendo a senda da competición. Aínda que a mediados de Agosto participei na Carreira do Demo en Artes (Riveira) despois tomeime outro pequeno descanso pero agora xa acabaron e toca competir como antes. 

Para a primeira proba despois do descanso, despraceime ata Padrón para participar no III Trail Desafío Vértice. Proba na que había dúas distancias nas que participar, unha de 21 Km con 1400 m+ e outra de 13 Km con 700 m+. Como estou volvendo a competición decidín participar na curta sabendo que este é un trail duro que xa disputei no 2017, ademais cheguei con molestias na zona lumbar.

O obxectivo sería:
  • Desfrutar e comprobar o estado no que me atopo para ir afinando e establecer novos obxectivos.
Chegamos a Padrón, desta vez acompañado por un amigo que se ía estrear nisto de correr polo monte. Unha vez aparcamos, imos recoller o dorsal e volvemos para o coche para cambiarnos e prepararnos para coller o autobús que nos levaría ao lugar da saída, situada na Capela de Santa Ana, na aldea da Grela.

Deron as 16:00h e comezamos a subir ao autobús, durante o traxecto fomos escoitando a outros corredores como ía ser o percorrido e eu dándolle algún consello ao amigo para a súa estrea. Cando chegamos a saída esperamos a que faltasen uns 30 min. para quecer un pouco. Durante o quecemento as molestias que tiña na zona lumbar estaban remitindo, había unha leve dor pero parecía que me ía deixar correr con normalidade. Cando restaban 10 min. imos cara a saída e quedamos colocados bastante adiante aínda que a miña idea era saír tranquilo e pouco a pouco ir apertando. Así tras unha conta atrás deu comezo a proba.

Foto: Club Vértice
Saín como tiña pensado, tranquilo. Isto provocou que perdera moitos postos pero sabía que ía haber tempo de recuperar, a carreira era moi longa e ao ser saída conxunta (os do trail curto e os do trail longo) non sabía se eses postos que perdía eran rivais ou non.

Os primeiros metros permitían correr un pouco pero rapidamente comezamos a subir o Monte da Grela, ao ser o principio intentei subir correndo. Isto fixo que comezara a recuperar algún posto de corredores que xa se estaban poñendo a andar. Durante a subida tiven que facer unha parada técnica xa que me enredei cunha silveira e non era capaz de sacala das pernas. A subida remata para os do trail curto no Km 0,8 onde comezabamos a baixar mentres os do trail longo seguían subindo.

Foto: Club Vértice
A baixada non era moi técnica, si que tiñas que estar atendo a onde pisabas porque había zonas con pedras pero permitía correr ben. Aquí comecei aumentar o ritmo xa que ao lonxe vía un grupo de corredores e ía intentar alcanzalos durante os 700m. que duraba esta baixada.

Rematada a baixada, subimos un pouco, mellor dito, escalamos un pouco por unha pedras e de novo a baixar. Esta nova baixada xa era máis técnica e notouse porque tiven que deixarlle pasar a un corredor que viña por detrás xa que eu, ía mirando ben onde pisar. A pesar diso neste punto complicouseme a carreira, non sei como fixen, dinlle unha patada a unha pedra e que maneira de doerme o dedo gordo do pé... pensei que co paso dos km's me ía pasar pero como ides ver, non foi así.

Foto: Adrián Núñez
Acabou a baixada e veu unha zona onde se podía correr xa poñendo rumbo ao primeiro dos avituallamento ao que chegamos tras atravesar unha zona boscosa no km 2,6. Para min que este avituallamento estaba moi preto. Non parei no avituallamento como é habitual e tras uns metros por asfalto. Volvemos cara o monte xa nun grupo duns 4 corredores no que me mantiña a cola.

Dende o avituallamento ata o km 4,5 íamos estar en subida constante a pesar diso adianteille ao grupo no que estaba e pouco a pouco funlles sacando vantaxe e iso que seguía tendo bastante dor no dedo do pé.

Rematada a subida, unha forte baixada duns 300m que non era técnica de por sí xa que era moi propicia para coller velocidade e baixar como si non existise un mañá pero o terreo estaba cheo das follas dos pinos e esvarábase bastante polo que tiven que baixar con algo máis de calma.

Volvemos a subir, neste punto xa comecei a notar cansancio nas pernas e só íamos polo km 5... Eu seguín tirando porque, aínda que tiña unha vantaxe, con un pouco que me relaxase volvíanme a pasar. Esta nova subida remataba no Km 5,5, a partir de aí unha baixada técnica con moita pedra solta onde claramente ao non ser o meu forte perdo un par de postos. Xa rematando esta baixada a piques estiven de irme ao chan xa que había un tramo con area e pedras que esvaraba moito e case baixo arrastras.

Cheguei a unha das mellores zonas para min, un camiño en bo estado propio para correr o malo é que picaba un pouco cara arriba xa que estabamos percorrendo as ladeiras do Monte Meda, a última subida que nos quedaba e que chegaría no Km 6,5 ata o 7,7, con un descanso no medio onde estaban os da federación facendo control. Nese punto un compañeiro da organización díxome que ía 6º, posto que non contaba para nada polo que comecei a pensar en intentar chegar ao podio xa que tiña dous corredores a escasos metros.

Facemos cumio no Monte Meda e alcanzo aos dous corredores, nese punto tamén estaba o segundo dos avituallamento do cal paso novamente. Comezamos a baixada saltando de penedo en penedo ata que seguimos baixando xa por pedras soltas. Que mal o pasei nesta baixada porque eu quería e sabía que podía ir un pouco máis rápido pero o dedo do pé ía protestando moito e non aguantaba case pisar... A baixada máis técnica remataba no Km 8,6 aínda que había que seguir baixando.

Nesta parte da baixada era máis propicia para min e consigo adiantar aos dous corredores pero nunha pequena subida pegados a autoestrada polo Km 10,3, un dos corredores consigue pasarme, realmente eu estaba desfeito e xa non tiña forza nas pernas.

A pesar diso intento seguir tirando porque imaxinaba que así iriamos todos e non quería perder máis postos xa que nese momento ía 5º pero o tramo percorrendo Padrón fíxoseme eterno e cando chegamos a unha zona empedrada a escasos 300 metros da meta adiántame un corredor do Vértice sin ser quen de seguilo porque por esa zona empedrada levaba o dedo do pé que xa non o sentía e as pernas igual. Así cheguei a meta con un bo golpe no pé e as pernas moi esnaquizadas do esforzo como se notou que estou comezando...

Foto: Club Vértice
O resultado final foi:
  • Posto xeral: 6º de 57.
  • Posto categoría: 4º
  • Tempo: 1:30:58
  • Ritmo: 7:00 min/km
O obxectivo pódese considerar como cumprido xa que a pesar de perder o podio nos últimos 200 metros realmente cheguei a carreira pensando que ía quedar moito peor e ao final, estiven pelexando ata o final que si non fora pola patada a pedra posiblemente podía mellorar o resultado. 
Se todo sigue así parece que pronto van chegar bos resultados e así podo establecer uns obxectivos máis ambiciosos.

En canto a proba, un trail bastante duro para ser só 13 Km con moitas zonas técnicas nas que tiñas que estar moi atento. Dous avituallamento intermedios, co primeiro para min moi preto da saída. Avituallamento final completo. Duchas e zona para aparcar preto. Agasallo técnico e espectáculo musical ao que non me puiden quedar.

🏆 Clasificación xeral homes 🏆
  1. Jose M. Fontán Arnejo .................. 1:15:30
  2. Javier López Domínguez .............. 1:20:30
  3. Xose Mª. Rodríguez Fernández ... 1:22:48
🏆 Clasificación xeral mulleres 🏆
  1. Silvia Casal Domínguez .... 1:36:19
  2. Reyes Boveda González ... 1:49:32
  3. Elena Torea Torea ............... 1:50:19
PD: Clasificación completa. Fotos cortesía de: Vértice Club de Montaña e Adrián Núñez Photo. Moitas gracias.

Tamén che pode gustar:

0 comments