IV Carreira Solidaria Festas de Lalín

Tras un descanso obrigado por unha "pequena lesión" ocorrida no Desafío Vértice onde lle din unha patada a unha pedra, o dedo do pé non quedou moi ben, pasando uns días nos que non daba camiñado con normalidade pero pouco a pouco foi pasando e tocou probarse a pesar de ter aínda molestias. 
Despraceime ata Lalín onde se celebraba a IV Carreira Solidaria Festas de Lalín, a favor de Cruz Roja Lalín, nunha distancia de 6 Km dando dúas voltas ao percorrido.
Xa fixen esta proba en varias ocasións, onde o ano pasado fixen un tempo 20:56 min. sendo este o mellor tras o cambio no percorrido.

O obxectivo sería:
  • Simplemente desfrutar e comprobar o estado no que teño o dedo do pé.
Cheguei a Lalín ben de tempo pero fun coa idea de poder aparcar no Lalín Arena pero o parking esta habilitado para caravanas e non se podía aparcar alí, polo que tiven que dar unha volta por Lalín ata que atopei onde poder aparcar. Por sorte non me levou moito tempo e non quedou moi lonxe da saída. Acabei de cambiarme e fun recoller o dorsal, logo tiven que volver ata o coche para poder deixar o agasallo que daban pero de paso xa comezaba a quecer. Un trote suave para ir probando que tal sentía o dedo do pé e aínda que o sentía comprimido dentro da zapatilla e con un pouco de dor nalgún xesto, permitíame correr con normalidade.

Cando restaban 5 min. para o comezo da proba, funme achegando a liña de saída, quedando nunha segunda fila. A verdade é que tiña a intención de saír un pouco máis atrás pero ao final quedei colocado nunha boa posición para intentar mellorar o tempo. Tras unha conta atrás arrancou a proba.

Foto: Atletismo Deza
Saín bastante ben, metido no grupo de cabeza pero tras o primeiro xiro que estaba a uns 200m. xa me fun quedando atrasado, perseguindo ao grupo de cabeza e mantendo un ritmo forte. Durante o primeiro km gañei algún posto pero despois pouco se ían mover as posicións. Fun a un ritmo moi forte durante a primeira volta, non pensei que tería ese ritmo tras case dúas semanas sen adestrar e co dedo un pouco tocado pero aí estaba, facendo unha boa carreira.
Así fixen a primeira volta nun tempo de 10:26 min. que supoñía un ritmo de 3:29 min/km (sempre que cada volta foran os 3Km que se anunciaron) e pasando no 7º lugar.

Foto: Atletismo Deza
A segunda volta comeceina intentado alcanzar ao corredor que levaba por diante do Atletismo Arenteiro. Conseguino adiantar antes da subida forte (Km 3,6) e durante toda a subida fun diante pero unha vez rematada xa no Km 4,3 volveume a adiantar e animoume a seguir con el, eu xa ía xusto de forzas pero intentei seguilo sin ser capaz e uns metros máis adiante comecei a mirar cara atrás para comprobar se viñan rivais, por alí non se vía a ninguén e comecei a afrouxar ritmo. Así durante o último km fun perdendo contacto co corredor que levaba por adiante pero satisfeito co rendemento e sensacións que tiven en carreira. Así cheguei a meta xa soltando pernas e acadando un bo resultado co que non contaba.
Esta última volta fíxena en 11:01 min. que supoñía un ritmo de 3:40 min/km, máis lento pero xa contaba con iso.

Foto: Atletismo Deza
O resultado final foi:
  • Posto xeral: 7º de 129.
  • Posto categoría: 7º.
  • Tempo: 21:27 min.
  • Ritmo: 3:34 min/km
O obxectivo cumprido, só me quedei a 31 seg. do tempo acadado o ano pasado polo que nada mal e quedando en mellor posto. As molestias do dedo, aínda que nalgún momento da proba tiven dor parece que me permite correr bastante ben e a un bo ritmo polo que xa podo volver a adestrar con normalidade.

🏆 Clasificación xeral homes 🏆
  1. Jose Canda Louzao ............... 19:26
  2. Sergio Requeijo Requeijo ... 19:51
  3. Xosé Pérez Blanco ................ 20:11
🏆 Clasificación xeral mulleres 🏆
  1. Lucía Peón Santomé .............. 25:04
  2. Alina Cimpean ........................ 25:15
  3. Tamara García Rodríguez ... 25:24
PD: Clasificación completa. Fotos cortesía de: Clube Escola Atletismo Deza. Moitas gracias.

Tamén che pode gustar:

0 comments