VII Media Maratón Palas-Melide Os 21 do Camiño

Tras correr a semana pasada o Trail de Vilatuxe e quedar coas pernas desfeitas xa que tardei tres días en recuperar. Tocou desprazarse para disputar a que é considerada a mellor media maratón de España, a Media Maratón Palas - Melide 'Os 21 do Camiño'. Proba que xa vai pola súa 7ª edición das cales con esta, participei en catro. Percorrendo un tramo do Camiño de Santiago.

Os obxectivos serían:
  • Intentar mellorar o tempo que teño nesta proba acadado o ano pasado e que é de 1:25:51.
  • Intentar mellorar o posto da categoría xa que nos dous últimos anos acabei sendo o 5º da cat.
Cheguei cedo a Melide onde estaba situada a meta para coller o bus, no meu caso foi o segundo deles. Este bus levaríanos ata Palas de Rei onde estaba a saída e onde se recollían os dorsais. Unha vez cheguei a Palas, fun polo dorsal e como aínda faltaba moito tempo para poñerse a quecer, púxenme a saudar ao gran números de corredores coñecidos que estaban alí. Xusto antes de poñernos a quecer fixemos a foto de equipo.


Feita a foto, quedaban 30 min. polo que a quecer un pouco xa que había que ir preparándose para o esforzo que había que facer. Tras un trote duns 25 minutos, fun para a saída onde xa había moitos corredores colocados e xa me quedei nas primeiras filas para saír con un bo ritmo dende o comezo e despois dunha conta atrás comezou a proba.

Foto: FotoCarlosGrafias
Arranquei ben, sen moitos problemas e con un ritmo bastante forte, tanto que nos primeiros metros gañei moitos postos e quedei no grupo coa primeira das mulleres.

Foto: Koala36 Retratografía
Durante os primeiros 5 Km dimos unha volta polos arredores de Palas de Rei ata volver case ao mesmo punto. Nesta volta o percorrido é un continuo sube baixa no que estaba indo a un ritmo bastante forte tanto que cando pasamos polo km 5 tiña a sensación de que xa non podía máis e que a proba se me ía facer moi longa pero había que seguir tirando xa que estabamos chegando a unha zona máis cómoda para correr.

Foto: Koala36 Retratografía
Comezamos a deixar Palas de Rei polo Paseo do Colesterol, ao carón do Rio Roxán, sobre o km 5,8. Esta é unha das partes que máis me gusta desta proba xa que pódese ir moi rápido por un camiño zigzagueante. Este paseo remataba no km 7,6 onde estaba situado o primeiro dos avituallamentos do cal pasei. De momento ía ben e indo moi por debaixo do ritmo obxectivo polo que todo apuntaba a que ía facer un bo tempo, aínda que quedaba a parte máis complicada da proba.

Deixando o avituallamento atrás comezamos unha subida bastante dura duns 400 metros para comezar a baixar durante un gran tramo onde comecei a perder algún posto pero non me importaba moito xa que o ritmo de momento era moi bo. Este longo treito de terreo favorable remataba no primeiro punto de control situado no km 11 e que marcaba o inicio da cronoescalada, a Subida ao Mato. Polo paso de control marquei un tempo de 42:01 min. o que supoñía ir a un ritmo medio de 3:49 min/km.

A cronoescalada Subida ao Mato é unha subida de 1,5 Km cos últimos metros con maior pendente. Recordo que o primeiro ano que fixera esta proba tiven que acabar de subir andando porque xa non podía coas pernas. Este ano fun pouco a pouco e perdendo postos, non quería esforzarme moito na subida porque aínda quedaba moita carreira. Así cheguei arriba onde estaba outro punto de control e o segundo avituallamento. Neste collín un botellín de auga para refrescarme un pouco, quitar o suor da cara e darlle un trago. Neste punto de control do km 12,5 marquei un tempo de 49:21 min. o que supoñía un ritmo de 3:57 min/km.

A partir da cronoescalada novamente a baixar sobre un km ata que volvemos a subir xa no km 13,5. Foi neste punto onde notei que as pernas empezaban a fallar, xa non me notaba ben e seguía perdendo postos sin conseguir coller o ritmo de ningún dos corredores que me estaban adiantando. Chegando ao km 15 onde remata a subida, adiántame un grupo numeroso ao cal fago todo o posible por seguilo xa que eran moitos postos os que estaba perdendo.

Foto: Beatriz
A partir de aí o terreo era favorable e con baixadas polo que conseguín seguir enganchado ao grupo ata que no km 16 veu unha nova subido e xa me fun quedando atrasado.

Non estaba indo nada cómodo e pola cabeza so pensaba neses corredores que chegan a meta sen forza ningunha nas pernas e que practicamente entran a gatas. Eu sentía esa sensación nas pernas como se estivese chegando ao límite. O ritmo cada vez era máis lento e o obxectivo de mellorar o tempo comezaba a velo imposible.

Chegamos ao km 17,5 onde estaba situado o terceiro e último avituallamento do cal non collín nada, so restaban 3 km e o único que quería era chegar a meta.

Foto: Sígueme si puedes
Pasado o avituallamento o terreo seguía subindo non era unha subida moi forte pero ía pouco a pouco picando cara arriba. Logo unha curta baixada pegado a estrada nacional e outra vez a subir, neste tramo de subida xa non facía máis que mirar o reloxo, de momento ía dentro do obxectivo pero sabía que no último tramo desta proba ía perder máis tempo. Chegamos a aldea de Furelos, Km 19,5, onde sempre hai un gran ambiente e animación.

Foto: Tere
Deixamos a aldea de Furelos atrás e o ritmo xa non estaba dentro do obxectivo polo que non ía conseguir mellorar o tempo porque o que quedaba ata meta era en subida. Non facía máis que mirar cara atrás para ver cantos postos máis ía perder, tiña a sensación de que as pernas ían entrar en colapso. Pouco a pouco fun subindo e chegando a Melide, xa só restaban uns metros para meta e eu seguín co ritmo tranquilo co que fun subindo, non tiña ganas de correr nin de forzar máis e así crucei a meta.

Foto: Organización
O resultado final foi:
  • Posto xeral: 52º de 688.
  • Posto categoría: 16º
  • Tempo: 1:27:35
  • Ritmo: 4:09 min/km
  • Cronoescalada: 88º
Os obxectivos non se cumpriron xa que fixen 1:44 min. máis que o ano pasado e o posto moito peor que outros anos aínda que co tempo que tiña o ano pasado tamén ía quedar peor polo que o nivel este ano foi máis alto tamén axudado pola temperatura. Posiblemente un ritmo elevado ao principio e as pernas cansas da proba da semana pasada fixeron que a última parte da proba fora exhausto pero tomo nota e para o ano xa sei onde fallei e a volver intentalo para seguir mellorando nesta dura proba.

En canto a organización seguen a superarse, dende que cheguei a zona dos buses os voluntarios e a organización estaban pendentes dos corredores. Durante o percorrido moita animación en practicamente todo o percorrido. 3 avituallamento intermedios, un final súper completo dos mellores que hai en Galicia quitando probas de trail con cervexa, sidra, auga, isotónicos, melindres, bolos preñados, xamón serrano, medalla finisher e este ano como novidade ata unha árbore daban. A bolsa do corredor que se recollía en Palas de Rei con dúas camisetas e uns calcetíns.
Para o ano para mellorar xa case será mellor que fagan unha pulpada ou un churrasco para todos... jajaja

🏆 Clasificación xeral homes 🏆
  1. Nuno Costa ....... 1:08:14
  2. Manuel Penas ... 1:12:25
  3. Anxo Castro ...... 1:14:04
🏆 Clasificación xeral mulleres 🏆
  1. Paula Mayobre .......... 1:25:26
  2. Beatriz Fernández ... 1:27:44
  3. María Gestido ........... 1:29:31

Tamén che pode gustar:

0 comments