VI Media Maratón Palas-Melide Os 21 do Camiño

Tocaba volver a unha desas probas nas que a organización se volca cara o corredor, facéndote sentir como se estiveras na casa, por algo será que está catalogada como unha das mellores media maratón de España con tan só VI edicións que se celebraban este ano, a Media Maratón "Os 21 do Camiño" Palas - Melide. O trazado percorre parte do Camiño de Santiago, un percorrido duro con constantes subidas e baixadas polo que para os corredores é un bo reto e que conta con gran beleza paisaxística.


Os obxectivos serían:
  • Mellorar o tempo que teño nesta proba acadado o ano pasado (con 35ºC) de 1:34:41.
  • Sendo ambicioso, intentar chegar ao podio xa que o último ano quedei 5º da cat.
Unha vez cheguei a Melide onde estaba situada a meta, fun entregar dúas bolsas cheas de tapóns para o proxecto "Tapones para una nueva vida" da Fundación SEUR.

Este ano a temperatura era moito máis idónea para correr, uns 18ºC. Collo o bus que nos levaría a saída situada en Palas de Rei, onde tamén recollería o dorsal e como fun dos primeiros en chegar tocou esperar bastante ata a hora para poñerse a quecer. Mentres estiven con Javi, compañeiro do Atletismo Deza ata que fomos quecer. Chegada a hora poñémonos na saída para que de comezo a proba. Coloqueime bastante adiante, quizais debín poñerme un pouco máis atrás pero había que ir polo obxectivo do tempo. 

Foto: O Duro
Deuse a saída e arranco ben, perdo algunha posición pero porque desde o meu punto de vista, a saída foi moi rápida. Había xente que saíra como se fóra a correr 5Km e fora a por marca en vez de unha media maratón das que son moi duras. Non me preocupou moito perdes eses postos no comezo, xa tería tempo de recuperar.

A primeira parte da proba sería unha volta duns 5 Km's aprox. por Palas de Rei con un continuo sube baixa que para entrar en calor e na dinámica da proba era perfecto. A partir do km 1 comecei a marcar un ritmo forte e a gañar moitos postos. Póñome a perseguir a outro corredor intentando aguantarlle o ritmo, isto fixo que comezase a pensar que a este ritmo non ía dar chegado a meta sabendo que sempre acabei sufrindo para rematar.

Cando estamos volvendo cara Palas de Rei para coller o Camiño de Santiago, alcanzo un grupo no que se atopaba Javi.

Foto: Francisco Villamisar Calviño
Pouco a pouco fun deixando ese grupo atrás, mentres íamos por unha das zonas que máis me gusta da proba, o Paseo do Colesterol, a carón do Rego de Roxán. Un paseo serpeante no que se pode ir moi rápido no cal comezo a perseguir a un corredor do Atletismo Arenteiro que levaba moi bo ritmo.

Chegamos ao primeiro avituallamento en torno ao km 7,5 onde collo unha botella de auga porque xa me estaba facendo falta, tanto para hidratarme un pouco como para refrescar a cabeza e limpar a suor. Algo que me fixo moito ben porque a partir de aí comecei a ter mellores sensacións, non era que antes fora tocado pero dábame a sensación de que estaba indo ao límite. 

Foto: O Duro
Deixando o avituallamento atrás, veu unha subida importante onde me sorprendeu o ben que fun subindo e gañando un par de postos. Rematamos a subida e o compañeiro do Arenteiro me anima a seguilo polo que alí fun. Comezamos a marcar moi bos ritmos e sumando que o terreo era favorable houbo algún km que fixen a 3:30 min/km

Foto: Where Is The Chandal?
Así fun ata o km 11 onde estaba o primeiro punto de control, polo cal pasei no posto 17º e con un ritmo de 3:45 min/km. Estaba indo a ritmo para conseguir marca na distancia pero quedaba o peor. Neste punto de control comezaba a cronoescalada, na que pouco a pouco me vou quedando e perdendo a estela do compañeiro do Arenteiro. A subida tiña unha distancia de 1,6 Km's e complicábase na parte final, pensei en botarme en andar porque o ritmo co que ía era moi lento pero pasiño a pasiño fun subindo. Chego ao remate da cronoescalada con un tempo de 8:25 min. que supuxo subir a un ritmo de 5:15 min/km e quedei no posto 36º de 665. Ultimamente si que estou notando que nas subidas xa non era o de antes, nas que polo normal, subía moi ben e gañaba postos. Agora estame custando máis, non sei se é polo trail onde nas subidas vou andando pero toca comezar a mellorar nese apartado.


Ao rematar a cronoescalada estaba o segundo posto de avituallamento km 12,6, no que ao igual que no primeiro bebo un pouco e o resto tíromo pola cabeza para refrescarme. As sensacións xa non eran tan boas, esta última subida desfíxome as pernas e estábame custando recuperar. Por sorte tocaba unha baixada de 1 km aprox. onde intentar recuperar as sensacións. No km 14,5 Javi deume caza e anímame a seguir con el. Eu xa ía moi xusto de forzas pero intento seguilo porque sabía que se non, cada vez ía ir peor.

Chegamos ao terceiro avituallamento no km 17,5 do cal paso, estábamos a 3,5 km de chegar a meta e non precisaba refrescarme máis o que realmente quería era chegar rápido para comezar a descansar. Mentres seguía aguantando o ritmo de Javi, sobre todo nas subidas onde me quedaba un pouco pero nos llanos e baixadas aguantaba ben.

Foto: O Duro
Chegamos ao pobo de Furelos sobre o km 19,4 onde seguía con Javi. Este ano ao pasar polo pobo sorprendeu que non houbese a feira de época. A pesar diso había moita xente animando. 

Foto: Tere (Running Oleiros)
Tocaba o peor da proba para min, todo o que quedaba era subir. Tras deixar o pobo de Furelos atrás viña a subida ata Melide, onde estaba a meta. Comezou a subida e pouco a pouco Javi vaime deixando, eu comecei a mirar para atrás para intentar conservar o posto e non as tiña todas comigo xa que viñan apertando, polo que tocou apertar os dentes.

Foto: Francisco Villamisar Calviño
Durante os últimos 500 metros non facía máis que mirar cara atrás para comprobar a distancia que tiña. A pesar de que finalmente tiña unha distancia "cómoda", non deixei de apertar ata cruzar a liña de meta e moi contento ao ver o tempo final. 

Foto: Turismo Melide
O resultado final foi:
  • Posición xeral: 20º de 672.
  • Posición categoría: 5º.
  • Tempo: 1:25:51
  • Ritmo: 4:05 min/km


A pesar de non conseguir o podio, os obxectivos cumpridos, igualei o posto do ano pasado pero facendo 8:50 minutos menos polo que a mellora no tempo foi importante. As sensacións e o rendemento foi moi bo gracias ao compañeiro do Arenteiro e a Javi que tiraron por min e me marcaron un ritmo forte. Quedoume claro que as subidas xa non son o meu e hai que poñerse a adestrar para mellorar nese punto.

En canto a proba, como era de esperar un 10 para a organización e voluntarios. Durante o percorrido moita xente animando pero botei en falta os veciños coas mangueiras, aínda que non facían falla xa era como unha tradición... jajaja A bolsa da corredor moi completa (Gymsack de tela, camiseta, calcetíns...), o avituallamento final perfecto (auga, froita, isotónico, melindres, xamón serrano, bolo preñado, cervexa, sidra...) e medalla finisher. Para o ano intentarei volver ser da partida a ver se consigo chegar ao podio que se me está resistindo.

🏆 Clasificación xeral homes 🏆
  1. Nuno Pinto da Costa ..... 1:09:54
  2. Akka Essaadaoui ............. 1:14:27
  3. Anxo Castro Varela ........ 1:16:04
🏆 Clasificación xeral mulleres 🏆
  1. Paula Mayobre González .................. 1:18:44
  2. María Jesús Gestido Rodríguez ..... 1:27:36
  3. Yolanda Campos Rivas ....................... 1:40:32

Tamén che pode gustar:

0 comments