Trail Galaica Santiago - Monte Pedroso

Como di o refrán: "A cabra sempre tira ao monte" polo que alí estaba de novo para disputar e desfrutar dun novo trail. Desta vez tocou correr o Trail Galaica Santiago - Monte Pedroso, a priori sería o trail máis longo e duro ao que me ía enfrontar xa que tería unha distancia de 24 Km, un desnivel positivo de 1200 metros e un desnivel acumulado de 2389 metros aínda que ata última hora non me inscribín porque tiven dúbidas se anotarme ao longo ou o curto xa que pasei toda a semana con gripe. Ata agora o trail máis duro que tiña feito era o Trail de Padrón Desafío Vértice.

Os obxectivos serían:
  • Tomando como referencia o Trail de Padrón, acabaría en 3:18:03 polo que intentarei facer menos tempo e quedar máis próximo as 3 horas.
  • Desfrutar todo o posible da proba e da natureza
Volvía cos amigos que se están enganchando a isto de correr polo monte. Chegamos a Granxa do Xesto no Monte Pedroso onde estaba situada a saída. En principio íamos ser 5 pero tivemos dúas baixas de última hora e aquí estábamos os 3 mosqueteiros para participar no trail. Eu na distancia longa mentres que os amigos que están comezando a botarse ao monte fixeron o curto cunha distancia de 16 Km. Acabamos de cambiarnos no coche e imos recoller o dorsal mentres íamos a trote para ir quecendo un pouco. A falta de 10 minutos imos cara a zona da saída onde xa estaban todos os corredores con ganas de comezar.


Desexeille sorte aos compañeiros e coloqueime na saída nunha cuarta fila aproximadamente, non quería saír moi rápido pero tampouco ir de paseo. A verdade é que non sabía moi ben onde poñerme porque ao saír os do trail longo e trail curto xuntos, tiña medo de seguir o ritmo forte que levarían os do curto e acabar rebentando a metade da proba.

Foto: María Flores
Dáse a saída e a proba comezou moi rápida, eu funme quedando atrás con moitos atrancos polo que fun perdendo moitos postos. O primeiro punto conflitivo atopámolo a 300 metros xa que se formou un embotellamento e tivemos que parar de todo e ir pasando de un en un, por iso a proba comezara tan rápido, había que coller sitio para non perder moito tempo. A min non me preocupaba moito, tiña pensado ir tranquilo sen forzar máis da conta xa que tiña medo da distancia e de non ser quen de rematar, aínda que só foran un par de km's máis dos que fixen en Padrón.

Pasado o embotellamento houbo un pequeno tramo no que tiñamos que ir en fila de un pero rápido se abriu o camiño e xa se podía recuperar postos. Pouco a pouco fun collendo ritmo de carreira co beneficio de que os primeiros 1,3 km's eran terreo favorable ata que de repente comezamos a subir.
A primeira subida non era difícil, íamos polo medio do monte e o camiño era fácil, claro que ao principio todo parece máis fácil do que é. Acabamos de subir e a pola primeira baixada non era moi técnica aínda que tiña algún cambio de xiro entre árbores.
Comezamos a subir de novo ata o km 3,4 onde emprendemos unha nova baixada, máis fácil que a anterior xa que eran por unha pista.

Foto: María Flores
Tras rematar esta baixada veu a primeira subida "dura", xa que tocaba facer cumio no Monte Pedroso e xa comezamos a atoparnos con pedras soltas. A subida non foi moi longa e tras chegar arriba km 4,4 veu unha zona complicada xa que tiñamos que baixar por unha pedras que estaban molladas e apiques estou de caer un par de veces. O peor foi que ía seguindo aos corredores que levaba por diante ata que se paran porque non sabían por onde seguir e alí estabamos un grupo de 6/7 atletas que non sabíamos cara onde ir ata que vimos unha cinta máis arriba. O problema foi que baixamos máis da conta pero por sorte non perdemos moito tempo.

Foto: Alfonso Rodríguez
Retomamos o camiño e coas ganas de correr e recuperar o terreo perdido a piques estamos de pasarnos de novo xa que había que xirar a dereita para volver subir e case seguimos rectos. Foi unha pequena subida que nos levaba ata o primeiro avituallamento km 4,9 no cal non paro, xa que estabamos aínda comezando e como levaba auga e gominolas, preferín pasar do primeiro dos avituallamentos.

A partir do avituallamento veu unha baixada moi divertida de 1 km aprox. xa que collemos por onde fan o descenso de bicicletas e creo que nunca estiven tanto tempo no aire, practicamente íamos voando de salto en salto menos na última parte que era unha zona perigosa con cambios de sentido, pedras soltas e molladas. Que ben o pasei nese tramo.

Tras esta baixada veu unha zona rápida, favorable para min que o meu forte é o asfalto xa que aínda que non era llano é picaba un pouco para arriba era bastante propicia para correr. De repente unha nova subida, eu ía algo desconcertado xa que non sabía se ía ben, aínda non atopara ningunha indicación na que indicara que nos tiñamos que separar os do trail longo e os do curto pero eu seguía co meu ritmo e gañando moitos postos nesa zona ata que me atopo coa separación km 7,5. Por adiante vexo que todos van collendo a distancia curta, chego ao xiro onde collo a longa e vou mirando cara atrás a ver se viña alguén pero ían pasando corredores e todos ían para a curta. Por diante un corredor ao lonxe que pouco a pouco ía alcanzando pero por detrás ninguén preto.

De repente temos que xirar a esquerda e menuda baixada, só eran uns 500 metros de baixada pero comeceino a pasar mal xa que por momentos embalaba demais e non daba freado. Había moitas pedras soltas e non sabía onde pisar.

Remata a baixada e veu unha pequena subida para recuperar o alento e novamente a baixar pero xa unha baixada moito menos técnica que nos levaría ata o segundo avituallamento km 8,7 neste dubido si parar ou non pero finalmente fago unha parada rápida, collo un pedazo de laranxa para recuperar un pouco e refrescarme. A verdade é que non son de coller moito nos avituallamento xa que non me gusta nada a sensación de despois cando se vai batendo todo no estómago.

Foto: María Flores
A proba continuaba por unha zona de subida de formigón pero de repente a subida máis dura da proba. Era mellor non mirar cara arriba porque case non se vía o final pero pouco a pouco ía subindo, daban ganas de subir as catro patas, era un verdadeiro muro. Cheguei arriba e precisaba recuperar un pouco o alento polo que me xiro miro a distancia do perseguidor e de paso deléitome coas vistas que dende alí arriba se podían observar. Unha das cousas que máis me gustan dos trails son as incribles vistas que temos o privilexio de ver tras un pequeno sufrimento...

Tras esta subida viñeron uns 500 metros aprox. nos que era máis fácil correr e poder recuperarme de todo. Logo tocou outra baixada técnica ata chegar a un pequeno riachuelo onde había un muíño, km 10,6. A verdade é que aí tiven que pararme porque non sabía por onde pasar ata que vin que pegado ao muíño había unhas pedras por onde pasar de lado porque senón era moi fácil acabar na auga, seguimos pasando o riachuelo de un lado ao outro mentres na miña cabeza non sei o motivo véuseme a canción de "los animales de dos en dos ua, ua" e así ía en solitario polo monte asubiando a canción. Quen me vise seguro que pensaba que estaba delirando.

Tomo a primeira das gominolas que levaba porque creo que xa me ía facendo falta azucre no corpo e comezamos unha nova subida dividida en dous con unha leve baixada onde apiques me paso do cruce por onde tiñamos que volver a subir. A primeira parte da subida fácil pero a segunda foi mortal, subimos literalmente por penedos onde eu ía practicamente as catro patas para axudarme a subir, as forzas xa comezaban a escasear e aínda quedaba a metade da proba. Fixemos cumio entre toxos polo km 11,4 onde emprendemos outra baixada de 400 metros para comezar unha nova subida ata o km 12,4. Alí collemos unha pista de terra e comezaría o que sería unha das zonas máis favorables para min xa que o terreo era propicio para correr, o problema é que xa non había moitas forzas. Nunha pequena pendente sobre o km 13 bótome a andar porque non podía máis, tendo forzas podía facela tranquilamente correndo, nese momento adiántame un corredor que me anima a seguir, fágolle caso e póñome a perseguilo e aínda que en momentos penso que non lle dou seguido máis, fixen un esforzo e intentaba non distanciarme moito del para levar un bo ritmo. Así fun ata o km 14,5 onde comezou unha nova subida e pouco a pouco o fun perdendo de vista. A metade desta subida no km 15,3 xuntámonos de novo os da ruta longa cos da ruta curta.

Cheguei ao km 15,7 onde estaba situado o terceiro e último avituallamento o cal si que me tardou en chegar e do que tiñas ganas, tanto de comer como de beber algo pero volvo facer unha parada como no segundo avituallamento, primeiro uns poucos de froitos secos, collo rápido outro pedazo de laranxa e continúo o camiño.

Foto: Trail Galaica
A proba seguía cunha baixada que remataba en torno ao km 18,3, creo que foi nesta baixada na que tamén o pasei moi ben porque collemos outra ruta do descenso de bicicletas e tocou voar de novo. Uns metros despois e tras facer números decido tomar a última gominola que levaba e así afrontar mellor a parte final da proba.

A anterior baixada levábanos ata un riachuelo que temos que ir pasando de un lado a outro varias veces, o terreo era moi esvaradoiro e patinei un par de veces sen chegar a caer. Xa estaba gañando postos aos do trail curto e comecei a incrementar o ritmo coa intención de dar caza aos amigos a ver se era quen de pillalos. Deixamos o riachuelo atrás e comeza unha subida polo monte, non era moi técnica e de repente as sensacións estaban mellorando parecía como se as forzas estivesen aparecendo da nada. Chegamos a un pista en baixada coa sorpresa que xa estaba na recta final da proba eu mirei o reloxo e marcaba 21 km pero alí estaba a meta polo que fago un último esforzo para chegar.

Foto: Koala36 Retratografia
O resultado final foi:
  • Posición xeral: 18º de 47.
  • Posición categoría: 5º.
  • Tempo: 2:28:48
  • Ritmo: 6:56 min/km
Os obxectivos cumpridos, conseguín levar mellor ritmo que no trail de Padrón e desfrutei moito da proba aínda que a distancia segundo o reloxo foron 21 Km e non 24 Km como estaba anunciado, o ritmo co que cheguei a meta foi moito mellor que en Padrón.

Ao rematar como non puxeron a clasificación do trail longo quedámonos ata o final por se conseguira chegar ao podio xa que un dos amigos me dixo que tiña moitas opcións pero finalmente estivemos esperando para nada...

Foto: Trail Galicia - GZ Trail
En canto a proba gustoume moito e desfruteina moitísimo sobre todo nesas dúas baixadas do descenso de bicicletas. É unha carreira rápida con un par de zonas moi técnicas e algunha que outra subida que quitan o hipo pero que pouco a pouco se pode ir facendo. A organización perfecta e avituallamento moi completos. Esta foi a primeira proba que fixen do circuíto Trail Galaica e quedei moi satisfeito para a próxima terei que forzar un pouco máis a ver se pillamos podio...

De momento o Trail de Padrón Desafío Vértice seguirá sendo o máis duro o que me enfrontei, o Monte Meda é mortal.

🏆 Clasificación xeral homes 🏆
  1. Daniel Paz Pardo ............. 1:57:38
  2. Alberto Carou Carril ...... 2:00:42
  3. Manuel Ces Cristobo ..... 2:03:35
🏆 Clasificación xeral mulleres 🏆
  1. Tina Formoso Noceda ............ 2:54:32
  2. Eva de la Fuente Iglesias ....... 3:15:38
  3. Ana Beatriz Blanco López ..... 3:15:59

Tamén che pode gustar:

0 comments