Campionato Galego de Medio Maratón 2018 (Ribeira)
- xuño 03, 2018
- Por: IglesiasAmores
- 0 Comentarios
Despois de 7 meses, volvía a enfrontarme a esa distancia coa que levo pelexando tres anos, os 21,097 Km. Para iso despraceime ata Ribeira onde se disputaba o Campionato Galego de Medio Maratón, nun percorrido que sae dende Aguiño ata Ribeira, onde se dan dúas voltas ao circuíto e que xa corrín o ano pasado.
O obxectivo sería:
- Intentar mellorar a miña marca que posúo dende o 2015 de 1:20:54.
As sensacións antes da proba non eran nada boas, supoño que serían polos nervios pero levaba o estómago cerrado e con ganas de vomitar, a parte durmín mal pero había que correr de todas formas.
Unha vez cheguei a Ribeira, recollín o dorsal e fun para o autobús que nos levaría a Aguiño onde estaba situada a saída. As sensacións parecían que melloraban e en Aguiño xa estaba ben ou iso parecía. Mentres espero a que abrise a cámara de chamadas, vou saudando a amigos das carreiras. Paso por cámara de chamadas e póñome a quecer con Jorge Janeiro, ex compañeiro de equipo.
Chegada a hora, coloqueime na saída algo atrasado pero non quería cometer o erro do ano pasado onde posiblemente saíra moi forte e o pagara ao final. Deuse inicio a proba e arranco ben sen moitos atrancos.
Foto: Marcos Creo (La Voz de Galicia) |
A primeira parte da carreira pódese dicir que sería a máis dura xa que, dende o porto de Aguiño ata chegar a Ribeira tiñamos un par de costas que se apertabas moito ías acabar mal e digo porque o ano pasado pasoume. Este ano as subidas tomeinas máis tranquilo, tanto que sempre que chegaba unha me adiantaba alguén pero que despois na súa baixada correspondente o volvía a recuperar o posto.
Así fomos ata chegar a Ribeira, onde ía metido nun grupo e pasamos por meta en torno ao km 6,5 con un tempo de 24:20 min que equivale un ritmo de 3:45 min/km. De momento ía todo ben as sensacións eran boas aínda que había veces que seguir ao grupo me custaba un pouco.
Foto: Tere (Oleiros Running) |
Seguimos e viña unha das partes que menos me gusta deste percorrido, a zona urbana (Rúa de Galicia e Rúa Manzanares), a primeira parte levaba ben pero a segunda era un continuo sube baixa que non favorece nada o intento de facer marca. Intentei seguir o grupo no que estaba pero nesa última rúa comezo a perder contacto con eles.
Foto: Marcos Creo (La Voz de Galicia) |
Foto: Tere (Oleiros Running) |
Todo empeorou sobre o km 17 onde comecei a marcar ritmos medios de 4:00 min/km e non era capaz de baixalos, xa non tiña máis, estaba agotado fisicamente. Esperaba que de repente todo cambiase pero nada, os ritmos cada vez eran peores e os compañeiros que me adiantaban animábanme a seguir xa que non quedaba nada para meta.
Cando faltaban dous km mirei o campo de datos novo no reloxo e vin que para cumprir o obxectivo tiña que facer os últimos dous km's en 3:00 min/km e como me era imposible, decido afrouxar e deixarme levar ata meta xa que non tiña opción de conseguir baixar de 1:20:00, mentres seguía perdendo postos pero o resultado neste caso dábame igual.
Foto: Tere (Oleiros Running) |
- Posición xeral: 54º de 234.
- Posición categoría: 11º
- Tempo: 1:22:33
- Ritmo: 3:55 min/km
O obxectivo non se puido cumprir. Hai días bos e días malos, desta vez tocou ser un día malo xa dende que me levantei as sensacións non eran boas tendo o estómago pechado e comezando a carreira parecía que iso cambiaba pero finalmente non foi así e fun tocado bastante tempo. As pernas non responderon como me gustaría algo normal levando dous adestrando e comezando de cero por unha lesión. Igual podía facer un minuto menos se non me deixase levar os últimos dous km's pero xa non había moito máis que sacar.
A parte positiva que con dous meses de adestramento non me quedei moi lonxe do obxectivo polo que na próxima se todo segue así teño que conseguir a marca si ou si.
🏆 Clasificación xeral do campionato homes 🏆
- Manuel Hurtado Sanjurjo .......... 1:07:06
- Alejandro Fernández Rivera ..... 1:07:36
- Jorge Crespo Arias ....................... 1:09:28
🏆 Clasificación xeral do campionato mulleres 🏆
- Paula Mayobre González .......... 1:15:41
- Sofía Freaza Otero ....................... 1:23:35
- María Soledad Castro Soliño .... 1:26:15
🏆 Clasificación xeral da popular homes 🏆
- Sergio Sanchez Martínez .......... 1:06:59
- Manuel Hurtado Sanjurjo ......... 1:07:06
- Alejandro Fernández Rivera ..... 1:07:36
🏆 Clasificación xeral da popular mulleres 🏆
- Paula Mayobre González ........... 1:15:41
- Mª Jesús Gestido Rodríguez ..... 1:22:12
- Sofía Freaza Otero ........................ 1:23:35
PD: Clasificación completa. Fotos cortesía de: Marcos Creo (La Voz de Galicia), Tere (Oleiros Running). Moitas gracias.
0 comments