VII Nocturna Estradense
- xuño 22, 2018
- Por: IglesiasAmores
- 0 Comentarios
Desta vez tocou desprazarse ata A Estrada para disputar a VII Nocturna Estradense e que dende o meu punto de vista, unha das mellores nocturnas polo ambiente xa que o pobo está en festas. O percorrido urbano sería de dúas voltas a un circuíto de 4 Km completando así 8 Km.
Os obxectivos serían:
- Intentar mellorar o mellor tempo que teño nesta proba acadado o ano pasado que é de 29:10 min.
- Desfrutar dunha proba que sempre ten un gran ambiente ao estar o pobo en festas.
Cheguei cedo a Estrada e deume tempo de ver algunha das probas das categorías inferiores mentres vou recoller o dorsal. Chegado o momento, púxenme a quentar, xa que a idea era saír rápido dende o principio. Cando faltaban 15 min. para dar comezo a proba entrei dentro da recta de meta e como vin que aínda non había ninguén para a saída fun quentar un pouco máis. Cando volvo para colocarme na saída xa estaban todos os corredores colocados e a pesar de intentar avanzar quedeime no medio do pelotón, polo que frustrado comigo mesmo, ía tocar remontar moito, xa que a saída é estreita e ata pasar os 200/300 metros inicias ía ter moi complicado remontar.
Deuse a saída e como pensaba arranquei con moitos atrancos, xa facía tempo que non saía os primeiros metros andando e con tantos atrancos durante os primeiros metros sen ter por onde adiantar.
Foto: Koala36 Retratografía |
Así comecei a correr algo máis cómodo pasados os 250 metros iniciais e a recuperar moitos postos. Ao ir enfadado comigo mesmo polo erro que cometín, comecei a tirar moi forte coa idea de recuperar todo o terreo perdido. Pouco a pouco o ía conseguindo, as sensacións eran moi boas e xa me ía atopando cos corredores que máis ou menos están ao meu nivel polo que xa estaba en carreira. Todo isto levoume a primeira das voltas e forzando máis da conta, sobre todo nas subidas xa que era onde máis posicións recuperaba.
Así a primeira volta fágoa en 14:44 min. que supoñía un ritmo de 3:41 min/km e pasando no posto 25. O ritmo estaba moi ben pero o problema agora sería aguantar xa que o esforzo de recuperar seguramente me ía pasar factura.
Foto: RunPhotos Galicia |
Comecei a segunda volta e de momento seguía aguantando, xa non me sentía tan fresco pero parecía que podía aguantar a ese ritmo axudado do terreo favorable. Todo cambia sobre o km 5,5 xa que as forzas comezan a fallar e xa non era quen de seguir recuperando. O esforzo da primeira volta estaba comezando a pagalo. Intento seguir tirando para conservar posición xa que ía con outro corredor. Vou con el ata o km 7 onde as forzas me abandonan e decido relaxarme un pouco xa que o obxectivo do tempo non o ía dar conseguido. Comecei a mirar cara atrás para ver a diferencia e en principio tiña unha boa vantaxe pero xa na longa recta de meta que picaba levemente cara arriba, xireime e vin que viña un grupo tirando moi forte polo que sen pensalo moito, aumentei o ritmo gastando as poucas forzas que tiña e entrar en meta conservando a posición. Así remato esta segunda volta nun tempo de 15:12 min. que supoñía un ritmo de 3:48 min/km.
Foto: RunPhotos Galicia |
- Posición xeral: 26º de 274.
- Posición categoría: 9º.
- Tempo: 30:05 min.
- Ritmo: 3:44 min/km
Os obxectivos non foron cumpridos por un erro meu xa que a pesar de saír no medio do pelotón só me quedei a 55 segundos do tempo do ano pasado. Se saíra onde tiña que saír posiblemente puidese mellorar o tempo ou quedarme moi preto. En canto o ambiente moi ben aínda que creo que houbo anos mellores e a organización tamén moi ben aínda que no avituallamento final tiñamos que sacar as augas da caixa e coller os plátanos noutra caixa do chan, creo que non custaba nada poñelos sobre unha mesa. Polo resto dende o meu punto de vista todo perfecto.
🏆 Clasificación xeral homes 🏆
- Uxío Abuín Ares ............. 25:28
- Luis Iglesias Raña ........... 26:07
- Jose M. Corral Justo ..... 26:15
🏆 Clasificación xeral mulleres 🏆
- Isabel Sáez Batallan ...................... 32:29
- Vanesa Insaurralde Ramírez ..... 33:58
- Sofía Sueiro Iglesias ...................... 34:02
PD: Clasificación completa. Fotos cortesía de Koala36 Retratografía e RunPhotos Galicia. Moitas gracias.
0 comments