VII Trail de Vilatuxe

Só participei neste trail unha vez no 2017 polo que tocaba volver ao Trail de Vilatuxe, un trail duro de 17,5 Km e 850 m+ percorrendo a Serra do Candán.

O obxectivo sería:
  • Mellorar o tempo que teño nesta proba que é de 1:47:17 acadado no 2017.
Cheguei a Praia Fluvial de Pozo do Boi onde estaba situada a saída co tempo xusto para recoller o dorsal e cambiarme. Logo xa tocou poñerse a quecer un pouco para non arrancar en frío.

Cando restaban 5 min. para o comezo, fomos chamados para ir entrando a zona da saída xa que había que pasar por un control de dorsais. Coloqueime bastante adiante, a diferencia coa primeira vez que fixen esta proba que saín máis atrasado, este ano quería saír mellor. Tras unha conta atrás deu comezo a proba.

Nada máis comezar xa empezabamos a subir, unha subida de preto de 1 Km na que na parte final xa tiven que botarme a andar porque non debín quentar moi ben e non notaba as pernas moi cómodas. Tras esta primeira subida veu unha baixada non moi técnica pero si que había algunha zona con pedras soltas nas que te tiñas que fixar ben onde ías pisar.

Rápido rematamos con esa baixada e comezamos a subir sin descanso ata o km 3,5. Esta subida foi dura con algunha zona máis empinada que outra pero ao estar no principio da proba máis rápido ou máis lento se ía subindo. Non quero imaxinar se esta subida estivera na parte final... seguramente subiría a gatas!

Facemos cumio e novamente a baixar. Unha baixada técnica onde houbo algún momento onde non sabía como ía frear e nalgunha pisada o nocello quixo dobrar de máis pero por sorte fun baixando bastante ben e sen moitos máis problemas. Rematada a baixada outra vez a subir, a proba non estaba dando ningún respiro. O bo é que esta subida xa nos levaría ata o avituallamento.

Chegamos a Bustelos sobre o km 5,2 onde estaba situado o primeiro dos avituallamento. Fago unha pequena parada para coller un pedazo de laranxa para tomar un pouco de azucre e continúo rapidamente para non perder tempo.

O camiño continuaba subindo un pouco pero podíase correr ata chegar ao punto máis alto km 6,4 e así comezar a que para min foi a parte máis entretida. Tras pasar polo punto de control no miradoiro de Pedroselo, onde había tamén un gaiteiro, adentrámonos nunha zona boscosa onde se baixaba en zig-zag esquivando as arbores. Que ben o pasei nesa zona esquivando as arbores e controlando a pisada aínda que houbo momentos nos que non daba freado e dábame a sensación de que estaba máis rápido do que debería.

Foto: GZ Trail
Esta baixada rematou cerca do km 8 a partir de aí novamente a subir sin tregua ata o segundo avituallamento situado no km 9,7. Neste avituallamento non parei xa que o que quedaba da proba era bastante favorable agás algunhas zonas de subida pero máis pequenas que ata o de agora.

A partir do avituallamento comecei a ir bastante rápido claramente íamos baixando pero non era técnico polo que me sentía máis cómodo así fun ata o km 11,5 que remataba a baixada e veu un pequeno repeito técnico xa que non había moito sitio onde pisar e tiñas que estar atento a onde pisabas. Só foron 300m pero bastante duros, a partir de aí novamente a baixar un pequeno tramo.

Tras a baixada comezamos a subir pero era unha especie de falso chan porque non era unha subida como tal pero o terreo si que ía picando levemente cara arriba. Intentei seguir correndo para manter o posto xa que non quedaba moito para chegar a meta e o corredor que levaba por detrás estaba preto. Tamén tiña preto o corredor por diante pero non tiña moitas forzas como para intentar darlle caza polo que só me centrei en manter o ritmo e conservar o posto.

Xa se escoitaba a música e ao speaker polo que estabamos preto. Eu recordaba que para chegar a meta había que facer unha longa baixada por asfalto ata encarar a recta de meta pero esta ano tras uns xiros por un prado chegamos a zona de meta polo que se modificara o percorrido en comparación co ano que eu correra igual o ano pasado xa foi así pero non o sabía. Así tras unha última mirada cara atrás e ver que o posto no corría perigo entro en meta tranquilo e satisfeito co rendemento.

Foto: Captura de video de ChampionChip Norte
O resultado final foi:
  • Posto xeral: 15º de 155.
  • Posto categoría: 14º.
  • Tempo: 1:39:13.
  • Ritmo: 5:40 min/km
O obxectivo cumprido mellorei o tempo en 8:04 min. aínda que o percorrido de cando eu o fixera non foi o mesmo na parte final, o resto penso que foi igual polo que moi contento coa mellora e o rendemento acadado. Tamén dicir que cheguei desfeito a meta, e con sobrecarga nos cuadríceps algo que non me pasara ata agora xa que polo normal tendo a petar de xemelgos ou nocellos. Así foi como me custaba camiñar incluso tres días despois...

Para o ano se todo vai ben estarei novamente nesta proba e quen sabe si me animo a facer a distancia longa de 34Km e 2200 m+. 

🏆 Clasificación xeral homes 🏆
  1. Jose Canda Louzao ............... 1:21:20
  2. Sergio Requeijo Requeijo ... 1:25:05
  3. David Alonso Nogueira ....... 1:28:56
🏆 Clasificación xeral mulleres 🏆
  1. Mar Delgado González ... 1:54:25
  2. Natalia Leal Ferradas ...... 1:54:59
  3. Natalia Martínez Arias .... 1:57:30
PD: Clasificación completa. Fotos cortesía de: Trail Galicia - GZ Trail e Championchip Norte. Moitas gracias.

Tamén che pode gustar:

0 comments