V Trail de Vilatuxe

Despois de un fin de semana de descanso, volvemos a competición antes do parón de verán. Regreso para o V Trail de Vilatuxe sobre unha distancia de 17,5 km e 850 metros de desnivel positivo no que todos me advirten que é moi duro, sobre todo a primeira parte da carreira.

Os obxectivos serán:
  • Chegar enteiro, levo tempo sen tocar o monte polo que a ver se non se me esqueceu correr por el.
  • Desfrutar da proba, ambiente e sobre todo da natureza.
Toca despertarse pronto xa que a saída era as 9:30 am e as 8:30 am cerraba a entrega de dorsais. Unha vez chego a praia fluvial Pozo do Boi en Vilatuxe, lugar onde está a saída, recollo o dorsal, mentres me vou atopando con compañeiros, onde me van explicando un pouco como é a carreira e todos coinciden no mesmo, na súa dureza.
Como aínda faltaba para a nosa saída, vou ver o comezo da carreira de 34 km xa que saían media hora antes ca nos.
Tras ver a saída, voume cambiar e pasar polo control de chip para colocarme na saída.


Colócome na zona media xa que como todos me dicían que era unha carreira dura sobre todo ao comezo, ía ir tranquilo.

Dáse a saída e como dixen, arranco bastante tranquilo, por diante quedaban 17,5 km para poder correr.
Tal como me dixeron o comezo era duro, nada máis comezar xa empezabamos a subir entorno a 1 km, logo viña un descanso duns 800 metros de baixada para comezar a subir outra vez en torno a 2 km.
Nesta parte da carreira ao ser o comezo non notei moito esforzo ademais ao ir tranquilo e poñerme a andar xa dende o km 2 para non castigar moito as pernas o cansancio era mínimo aínda que acabando de subir polo km 3,5 comecei a notar os xemelgos algo tensos pero é que apenas quentei e algo se tiña que notar...

Tras acabar esta subida, llaneamos un pouco e comezamos a baixar, onde me deixan pasar polo visto estaba baixando bastante ben para gañar postos en baixa que é o que peor se me da. Tras acabar esta baixada volvemos a subir dirección Bustelos onde estaba o primeiro avituallamento ao que cheguei andando e onde collo auga para beber e tirarma pola cabeza que aínda que non facía moita calor había que limpar a suor.


Deixamos o avituallamento atrás e chegamos ao cruce onde separaba aos do trail corto co longo. Era unha zona rápida aínda que picaba cara arriba levemente era fácil de correr ata que se empezou a baixar entorno ao km 7, posiblemente esta sexa a baixada máis técnica xa que tivemos que baixar saltando de pedra en pedra (nunha zona tiven que quedar parado porque non atopaba o camiño a seguir ata que vin unha marca no chan) e por zonas boscosas onde tiña que ir poñendo a man en todas as árbores que me quedaban preto para frear e non pasarme nos xiros, aínda así houbo quen me adiantou nesa zona (claramente o meu non son as baixadas) pero foi o máis entretido da carreira e onde mellor o pasei.

Tras acabar esa baixada tiñamos que cruzar un pequeno rio pero con forte caudal, aí tamén me parei a desfrutar das vistas a saber cando vou volver por aí... seguimos e comezamos a subir de novo dirección Moa onde estaba o seguinte é último avituallamento xa sobre o km 10. A subida como as anteriores practicamente todo o tempo andando e cando podía levantaba a cabeza e desfrutaba das vista da Serra do Candán.

Cando vexo que a 100 metros está o avituallamento tomo unha das gominolas enerxéticas que levei, párome a beber auga e a refrescarme un pouco para afrontar a última parte que era a zona máis fácil e que practicamente se podía facer correndo rápido pero como xa levaba un ritmo tranquilo decido non forzar e desfrutar do percorrido e das vistas.

Cando paso polo cartel de 4 km para a meta, pásame algo curioso e é que un insecto decide adentrarse na miña boca e chegar ata o fondo producíndome unha arcada que non chegou a máis e que por sorte puiden botar o insecto fora de min sen tragalo.

Cando restaban dous km's non sei porque pero decido apertar e intentar chegar ao corredor que levaba por diante, por detrás non había ninguén así que non perdía nada por intentalo. Consigo acercarme pero non o adiante e unha vez que chegamos ao asfalto xa dirección a meta déixome levar e saúdo aos gañadores e compañeiros José Canda e Sergio Requeijo que xa se ían duchar e a min aínda me quedaban uns 500 metros para chegar.


O resultado final foi:
  • Posto xeral: 21º de 147.
  • Posto categoría: 20º
  • Tempo: 1:47:17
  • Ritmo: 6:08 min/km
Os obxectivos cumpridos, conseguín chegar enteiro e iso que houbo momentos nos que me pasei de freada e non daba xirado e houbo varias veces nas que case caigo pero por sorte remato este trail sen problemas e desfrutando moito tanto do percorrido como das paisaxes que se podían ver, ademais a organización estivo perfecta e con ganas de volver a disputar esta proba.
Agora que xa sei como é, non tan dura como me fixeron pensar, para o ano xa podo ir a apertar máis e buscar quedar nun mellor posto.

Información técnica:
  • Distancia: 17,5 km
  • Desnivel +: 850 m

Clasificación xeral homes
  1. Jose Canda Louzao ...................... 1:24:32
  2. Sergio Requeijo Requeijo ............ 1:27:18
  3. Pablo Miragaya López ................. 1:32:49
Clasificación xeral mulleres
  1. Lydia Rodríguez Carracedo .......... 1:50:43
  2. Veronica Mon Seijas ..................... 1:53:32
  3. Beatriz Barroso Pérez ................... 2:02:13
PD: Clasificación completa. Fotos cortesía de Laura Nercellas. Moitas gracias.

Tamén che pode gustar:

0 comments