VIII Nocturna Estradense

Tras un mal rendemento a semana anterior na Media Maratón Palas - Melide, tocou desprazarse ata A Estrada para disputar a VIII Nocturna Estradense sobre un percorrido de dúas voltas ata completar a distancia de 8 Km. Este ano estou inscrito no VII Circuíto Corre A Estrada Corre con dúas probas, esta nocturna e outra en Outubro.

Os obxectivos serían:
  • Intentar mellorar o tempo que teño nesta proba que é de 29:10 min. acadados no 2017.
  • Intentar quedar o mellor posible para a clasificación do circuíto.
Cheguei a Estrada unha hora antes do comezo da proba para recoller o dorsal, quentar e ver o gran ambiente que había. Este ano a uns metros do arco de saída e sobre o percorrido, montaron unha estrutura onde había un grupo tocando.

A falta de 20 min. púxenme a quentar cos compañeiros de equipo cos que estou anotado no circuíto e cando xa só faltaban 5 min. ímonos colocando para a saída. Xa había moitos corredores colocados polo que tiven que ir facéndome sitio para saír máis ou menos onde debería xa que o ano pasado quedeime moi atrasado. 
Tras unha conta atrás deu comezo a proba co xa habitual espectáculo de fogos e animación durante os primeiros metros.

Foto: Difusión ProSport
Non saín moi ben, había moitos corredores por diante e era moi fácil tropezar porque puxeron unha luz intermitente moi potente cara os corredores que cegaba un pouco e sumado ao lanzamento de tiras de papel creo que fixeron unha saída un pouco perigosa que por sorte non pasou nada.

Cando se empezou a estirar todo, comecei a marcar un ritmo forte para ir recuperando postos. Estaban indo moi rápido ou iso era a miña sensación pero ía cómodo. Así fun durante toda a primeira volta, gañando posto e centrándome sempre en ir a polo seguinte corredor. No paso pola primeira volta marquei un tempo de 14:35 min. aprox. polo que estaba indo a un ritmo medio de 3:39 min/km e de facer o mesmo tempo na segunda volta iríame ata os 29:10 min. polo que igualaría o tempo obxectivo.

Foto: Difusión ProSport
Durante a segunda volta paguei un pouco o esforzo que fixen durante a primeira volta aínda así consigo gañar un posto máis e seguía tirando forte pero xa non ía tan cómodo. Cando xa só faltaban 2 Km para meta empecei a mirar cara atrás porque por adiante non tiña a ninguén. O corredor que tiña por detrás tamén estaba moi lonxe, parecía que estaba só en carreira e comecei a administrar a distancia que tiña sobre o perseguidor e decidín afrouxar un pouco o ritmo para non forzar máis e poder chegar a meta máis relaxado. Como consecuencia deste cambio de plans o obxectivo de intentar mellorar o tempo seguramente non o ía dar conseguido pero preferín asegurar o posto para a clasificación do circuíto.

Foto: Difusión ProSport
O resultado final foi:
  • Posto xeral: 12º de 161.
  • Posto categoría: 4º.
  • Tempo: 29:27 min.
  • Ritmo: 3:40 min/km
Os obxectivos aínda que non conseguín mellorar o tempo e me quedei a 17 seg. creo que si chego a facer a longa recta de meta ao ritmo que estaba facendo durante a primeira volta, podía quedar moi preto do tempo polo que satisfeito co resultado. 

🏆 Clasificación xeral homes 🏆
  1. José Canda Louzao .................. 26:42
  2. Abel Barros González ............ 26:54
  3. Vicente Pombal Cortegoso ... 26:59
🏆 Clasificación xeral mulleres 🏆
  1. Begoña Domínguez Montes ... 33:07
  2. Iria Fernández ............................. 33:16
  3. Mª del Mar Arzúa Barrazas .... 33:27
PD: Clasificación completa. Fotos cortesía de: Difusión ProSport para a Organización. Moitas gracias.

Tamén che pode gustar:

0 comments