III Trail de A Baña

Despois de correr o día anterior a Carreira Pinga Pinga con un gran resultado pese a correr con gripe. Tocou volver ao monte para disputar o III Trail de A Baña sobre unha distancia que en principio ían ser 25 Km pero tras uns cambios de última hora pasaban a ser 27 Km con un desnivel + de 800 metros aprox.
Este sería o trail máis longo ao que me ía enfrontar e a segunda distancia máis longa que de momento corrín, só superado polos 32,31 Km que conseguín facer na Wings For Life World Run en Valencia.

O obxectivo sería:
  • Chegar a meta enteiro, xa que non sabía como ían responder as pernas despois da carreira do día anterior. 
Mañá fría en A Baña xa que tras recoller o dorsal e ir cambiarme, xa me puxen a quecer porque non había que parase quieto. Cando fomos chamados a liña de saída, coloqueime nunha zona media xa que non sabía como ían estar as pernas nin como ían responder a tantos Km's. Tras unha conta atrás deu comezo a proba.

Foto: Concello de A Baña
Practicamente o primeiro dos Km's era por asfalto, íamos seguindo o coche da organización e cada un collendo sitio para a entrada no monte. Quedeime no grupo perseguidor do grupo de cabeza e xusto antes de chegar a pista de terra ía nunha boa posición, segundo puiden contar debía ir entorno ao 9º / 10º posto.

Foto: Concello de A Baña
Polo camiño de terra gañei algún posto máis, ata que sobre o km 3, a piques estou de coller un camiño equivocado xa que ía seguir recto en vez de xirar a dereita. Por sorte os compañeiros que viñan por detrás avisáronme e puiden rectificar.

A partir de aí a carreira foi rápida e ía en persecución de outro corredor mentres por detrás cada vez ían quedando máis afastados de min polo que estaba consolidando a posición. Xa adentrados en monte puro, houbo unha zona zigzagueante na que íamos collendo unha árbore pola dereita e a seguinte pola esquerda, unha zona moi chula e sabendo o percorrido sería máis entretida porque se podería facer máis rápido e non ter que ir fixándote nas cintas, aínda así, o compañeiro que ía seguindo e eu tivemos que parar porque non víamos a seguinte cinta para continuar o camiño.

Así pouco a pouco fomos chegando ao Km 7 onde estaba situado o primeiro avituallamento, como ía seguindo ao compañeiro que levaba por diante, xa que levaba un bo ritmo e a priori estaba sendo cómodo seguilo, fago unha parada rápida para comer laranxa e continúo, auga xa levaba eu e ademais probei a levar té polo que de bebida ía servido.

Deixando o avituallamento atrás, parece que non me veu moi ben parar xa que pouco a pouco ía perdendo de vista ao corredor de adiante. Un pouco máis adiante collo unha das gominolas que levaba para ir meténdolle azucre ao corpo e ir reducindo a aparición da fatiga muscular. Recorto distancia sobre o Km 10,5, onde había unha subida de asfalto, o meu terreo e el subiu andando. Continuamos e volve a pasar coma antes xa que o vou perdendo de vista. Todo aparentaba ir ben, tanto en sensación como no ritmo que estaba levando ata que no Km 12 saltando un muro notei como me quixo dar un tirón no xemelgo polo esforzo, aí xa collín medo e comecei a estirar para relaxar un pouco e a ir máis despacio.

Chegamos a zona dun rego no que había que ir de un en un e mirando moi ben onde se pisaba por "mala sorte" nesa zona atopeime cos que estaban facendo a andaina e fun pasando como puiden e perdendo tempo aínda que xa non me importaba moito porque non podía forzar máis da conta. E así fun adiantando a todos os da andaina, onde un dos rapaces me dixo que ía 8º. Cheguei ao segundo avituallamento no km 14,5 onde vexo ao corredor que levaba por diante e non ía moi lonxe polo que rápido collo medio plátano (pensando para min, se Rafa Nadal os come para evitar os calambres pois eu tamén) e continuo correndo e comendo pero comecei unha rutina na que cada certos metros tiña que parar a estirar porque o xemelgo protestaba seguido e dábame calambres.

Agora viña a peor parte xa que viñan as subidas máis importantes da proba, dende o Km 14,5 ata o 19,5 onde estaba o punto máis alto da carreira. A verdade é que fun subindo como puiden e parando cada dous por tres para estirar pero se por iso non fose pouco sobre o Km 17,6 aprox. soneime o nariz como viña facendo anteriormente xa que estaba correndo con gripe e coa mala sorte de que me puxen a sangrar... intentei aguantar apertando o nariz pero non paraba polo que cando cheguei a un llano antes de comezar unha baixada no Km 17,8 collín un dos pañuelos que levaba e fixen un tapón para parar a hemorraxia. Menos mal que sobre todo antes, agora xa menos, sempre sangraba polo nariz e estaba acostumado a facer tapóns pero correndo creo que é a primeira vez que me pasaba e aínda quedaban case 10 Km...

Continúo como podo, xa desmotivado e vendo como toda a vantaxe que tiña cos perseguidores se vai reducindo e comézanme a adiantar a gran maioría me anima a seguilo pero eu xa estaba roto completamente. Así cheguei ao punto máis alto que como dixen anteriormente esta no km 19,5 e ademais estaba situado o último dos avituallamentos. Comín laranxa mentres seguía estirando e continúo. Agora tocaba baixar aínda que non era moi técnica si que era unha baixada rápida. Como non hai dous sen tres, aos problemas nos xemelgos e a sangrar polo nariz sumóuselle o flato e ademais o que máis molesta xa que era entre as costelas e non me deixaba coller aire. Pequenas subidas que podía facer tranquilamente correndo a tope, eu ía andando con todos os problemas que tiña. Incluso as baixadas as facía andando, xa estaba desmotivado de todo e só pensaba en chegar a meta e acabar pero ao ir tan desmotivado os Km's non pasaban.

De agradecer que moitos dos corredores que me estaban adiantando se preocupasen polo meu estado e me ofrecían auga e xeles pero diso eu tiña o que me facía falta eran uns xemelgos novos jajaja. Isto por exemplo en carreiras de asfalto é moi complicado que pase pero no monte hai outro ambiente.

Pouco a pouco foron pasando os km's e aí seguía eu co meu trote burriquero e andando a maioría das veces ata que sobre o km 25,5 volvo a adiantar a xente da andaina polo que a meta estaba preto. Antes de encarar a recta de meta aínda tivemos que dar un pequeno rodeo pola contorna de A Baña ata que collemos de novo o asfalto e imos cara meta onde chego completamente esnaquizado, sen moito ánimo pero con moita fame.


O resultado final foi:
  • Posto xeral: 27º de 57.
  • Posto categoría: 11º
  • Tempo: 2:57:32
  • Ritmo: 6:35 min/km
O obxectivo cumprido porque só me propuxen chegar a meta sen ningunha lesión pero non quedei satisfeito co resultado xa que despois de ir 8º e perder 19 postos non se pode estar contento. Carreira de máis a menos polas cousas que me foron pasando, primeiro os xemelgos, tiña que parar cada dous por tres para estirar porque me daban calambres, despois a sangrar polo nariz, si xa levaba a respiración como podía así peor... e por último flato, xa menos mal que durou pouco porque senón ía chegar a meta andando ou arrastras.

En canto a proba, un trail rápido e sen moita dificultade técnica igual só foi a min pero cheguei a meta coas pernas ensanguentadas da cantidade de toxos e silvas que pillei, sobre todo silvas que che "abrazaban" a perna e ao ir correndo che facían cortes. A zonas máis técnicas posiblemente as que ían pegadas ao rio polo tema de mirar ben onde pisas e non esvarar. Os avituallamentos moi completos todos, sobre todo o final onde puidemos comer xamón asado. Das duchas non podo falar porque me dixeron que había auga fría e preferín abrigarme e ducharme na casa con auga quente por se a gripe me ía a máis.

Seguramente volva a correr esta proba e esta distancia porque a pesar de acabar desanimado de todo teño que desquitarme desta proba e marcareina como asuntos pendentes.

🏆 Clasificación xeral homes 🏆
  1. Victor Cousillas Dieguez .... 2:10:25
  2. Hamza Belhadj Benziane ... 2:12:28
  3. Roberto Tuñas González ... 2:12:49
🏆 Clasificación xeral mulleres 🏆
  1. María Fabeiro Romero ........ 3:00:29
  2. María Mareque Martínez ... 3:07:15
  3. Sonia Botana González ........ 3:08:12
PD: Clasificación completa. Fotos cortesía de: Concello de A Baña. Moitas gracias.

Tamén che pode gustar:

0 comments