VII CorreSan - Ruta da Prata Angrois

Xa recuperado da gripe, tocou disputar a segunda proba do Circuíto CorreSan, a Ruta da Prata en Angrois sobre unha distancia de 5,2 Km dando dúas voltas ao percorrido marcado, o cal é rápido a pesar de ser un continuo sube e baixa.

Os obxectivos serían:
  • Intentar mellorar o tempo acadado o ano pasado que é de 18:41 min.
  • Intentar quedar o mellor posible para seguir con opcións de pelexar por un podio ao final do circuíto.
Cheguei con tempo aínda que non tiña que recoller o dorsal ao participar xa na primeira das probas, a Nocturna Cidade Vella. Así deume tempo a ver unha das carreiras da categoría de escolares mentres non chegaba a hora de poñerse a quecer. Cando faltaban 30 min para o comezo da proba, acabei de cambiarme e púxenme a quecer. Somos chamados a saída a falta de 5 min. e xa había moitos corredores colocados por diante polo que teño que saír un pouco máis atrasado do que a min me gustaría.
Deuse a saída de repente, ou polo menos eu non oín nada de que fora dar comezo, e con moitos atrancos nos primeiros metros vou perdendo postos.

Foto: RunPhotos Galicia
Pasadas as dúas primeiras curvas como podo, comezo a coller as seguinte por fora e a ter moito máis espazo para marcar o meu ritmo e así foi. Empecei a gañar moitos postos pero para iso tiven que esprimirme máis do que tiña pensado na primeira volta. Aínda así os dous primeiros km's non me notaba moi cómodo, como se non quentase ben pero a partir de aí e tendo xa terreo favorable fun gañando boas sensacións e de como as pernas xa respondían mellor. 
Así fixen a primeira volta en 9:16 min. que supoñía ir a un ritmo de 3:26 min/km e xa estando nunha boa posición pero agora xa custaba máis recuperar distancias.

Foto: RunPhotos Galicia
Comecei a segunda volta con forza e enganchado a outros dous corredores cos que fun alternando posición a metade da segunda volta, ata que un deles comezou a tirar forte e pouco a pouco se foi escapando. Gañei algún posto máis mentres perseguía a o outro corredor co que comecei a segunda volta e incluso comezamos a dobrar a outros corredores.
Xa na longa recta de meta e con terreo favorable seguía detrás do outro corredor e non era capaz de alcanzalo e deume tempo a pensar de todo, primeiro vinme a baixo por que non conseguía recortar a distancia e xa me ía conformar coa posición pero pensei na clasificación do circuíto e ataquei ata o final onde tras sprintar nos últimos metros consigo gañar unha posición máis e chegar canso e sen alento.
Ao final esta última volta a pesar de ter a sensación de ir máis rápido, fixen peor tempo e funme ata os 9:31 min que equivalen un ritmo de 3:31 min/km.

Foto: RunPhotos Galicia
O resultado final foi:
  • Posto xeral: 27º de 328.
  • Posto categoría: 8º.
  • Tempo: 18:47 min.
  • Ritmo: 3:29 min/km
Os obxectivos para min non foron conseguidos aínda que fixen unha boa carreira e só me quedei a 6 segundos do tempo que fixen o ano pasado, seguramente paguei o esforzo da semana pasada no Trail de A Baña, a posición para a clasificación do circuíto vai estar moi complicado xa que volvo ser 8º da categoría ao igual que fixen na Nocturna... De todas formas nas dúas probas que restan irei a tope porque a verdade é, que non sei correr doutra forma.

🏆 Clasificación xeral homes 🏆
  1. Nuno Costa ............................ 16:57
  2. Fernando Vales Ferreira ... 17:03
  3. Amador Pena Torreira ....... 17:05
🏆 Clasificación xeral mulleres 🏆
  1. Mónica Álvarez Alonso ... 21:03
  2. María Pérez Boente .......... 21:53
  3. Johana Torres Torres ....... 22:36
PD: Clasificación completa. Fotos cortesía de: RunPhotos Galicia. Moitas gracias.

Tamén che pode gustar:

0 comments