II Media Maratón - O Gran Camiño

Desta vez tocou facer novamente outra 'etapa' do Camiño de Santiago, ía participar na II Media Maratón "O Gran Camiño" que une as localidade de Arzúa con O Pedrouzo (O Pino). Proba que vai practicamente integra polo Camiño de Santiago na ruta do Camiño Francés un dos que máis peregrinos fan.

Os obxectivos serían:
  • Intentar mellorar o tempo conseguido o ano pasado que é de 1:21:37.
  • Desfrutar do percorrido animado pola gran cantidade de peregrinos que van por este Camiño.
Cheguei cedo a O Pedrouzo onde estaba a meta e onde tíñamos que coller o autobús que nos levaría ata Arzúa. O primeiro dos buses xa estaba case completo polo que espero a coller o segundo. Había tempo de sobra para chegar e poñerse a quecer. Collín o segundo dos buses e que largo se me fixo o traxecto, non lembraba que estivera tan lonxe. Chegamos e primeira sorpresa, a saída cambiaba de lugar, xa non era na praza senón nun calle paralela pola que vai o Camiño de Santiago. Dende o meu punto de vista un gran acerto xa que coa anterior saída había que facer dous xiros e producíanse moitos embotellamentos, agora era todo recto.

Púxenme a quecer un pouco, aínda que moito non facía falta xa que o sol estaba quentando con ganas. A falta de 5 min. para a saída fun cara a liña de saída e coloqueime nunha segunda/terceira fila polo que practicamente estaba adiante de todo. Tras unhas indicacións das sinais que nos íamos atopar, de que nos mantivésemos hidratados pola calor que facía e de que tiveramos tino cos peregrinos, deuse inicio a proba.

Foto: Concello de O Pino
Os primeiros metros por Arzúa co cambio de ubicación da saída foron moito máis fácil, de todas formas houbo que ir con precaución de onde pisar xa que no empedrado faltaba algunha pedra. A saída foi rápida xa que comezaba cuns 800 metros de baixada constante e xa me puxen a recuperar algún posto que perdín na saída.
Comecei a marcar un ritmo forte xa que tería que ir así todo o tempo se quería mellorar o tempo do ano pasado.

Foto: Concello de O Pino
Chegamos ao primeiro dos avituallamentos en torno ao Km 5 onde sen pensalo, collín unha botella de auga para refrescarme. A calor estaba apertando e iso que a maior parte do camiño se ía a sombra. Un detalle que notei foi que os contedores para botar as botellas, estaban moi preto de onde as repartían xa que cando conseguín abrir a botella xa estaba neses contedores polo que tiven que ir coa botella na man ata que atopei onde tirala.

Ía só, ao lonxe vía outro corredor pero non me vía capaz de darlle caza xa que si o intentaba posiblemente petase e por detrás non se vía a ninguén preto polo que sigo tirando e mantendo o ritmo que estaba levando, as sensacións eran boas e mentres todo seguira igual non había motivo para cambiar.

Chegamos a control do Km 10 onde o ano pasado pasaba con un tempo de 38:24 min. este ano pasei con un tempo de 38:35 min. 11 segs. máis lento pero con opcións de mellorar o tempo sempre e cando as pernas seguiran ao mesmo nivel. Creo que un pouco máis adiante do punto de control estaba o segundo avituallamento, do cal fago a mesma xogada que no primeiro dos avituallamento e me volve a pasar o mesmo coa botella.

Foto: Tere (Running Oleiros)
Seguía só, animado polos peregrinos. Non recordaba que o percorrido fora tan duro, practicamente todo o tempo subindo ou baixando, non tíñamos descanso para recuperar o alento e a calor non daba tregua, o único que nos salvaba eran as sombras que íamos atopando e que moito se agradecían.

Foto: Tere (Running Oleiros)
Todo ía ben ata cerca do Km 13 xa que comecei a notarme bastante canso de pernas e xa non respondían ben. Isto fixo que pouco a pouco os ritmos comezasen a baixar, eu miraba o reloxo e non daba baixado o ritmo, estaba indo a tope e os ritmos non saían. 
Tocaba unha das partes máis duras da proba dende o Km 13 ata o 14,5 aprox. todo o tempo subindo e acentuándose na parte final. Eu xa estaba mirando cara atrás porque agora si que vía como pouco a pouco me estaban alcanzando. Que duro se me fixo este tramo e onde acabei coas forzas que tiña, por sorte agora viña unha longa baixada practicamente ata a subida a O Pedrouzo Km 18.

Xusto a altura do Camping Peregrino O Castiñeiro, Km 17,7, dáme caza Alex, que últimamente andamos os dous aos mesmos ritmos e pelexando polos podios. Intento seguilo pero cando comeza a subida a O Pedrouzo, Km 18,2, impón o seu ritmo e so podo ver como pouco a pouco se vai alonxando. Esta subida fíxoseme eterna, non tiña nada nas pernas e so pensaba en chegar a meta. 

Xa no Pedrouzo comecei a mirar constantemente cara atrás, xa que non quería perder máis postos. Nun pequeno respiro de 600 metros con terreo favorable, intentei recuperar o ritmo e chegar forte pero non houbo maneira.

Foto: O Duro
Tras ese tramo de terreo favorable, practicamente todo o que quedaba ata meta era unha subida non moi tendida pero constante, na que só pensaba en botarme a andar. Xa había moito tempo que non petaba nunha carreira tan forte, as pernas non respondían e ía sen forzas. Miraba constantemente cara atrás e por sorte tiña unha gran diferencia cos perseguidores para poder chegar a meta mantendo a posición pero completamente sen forzas.

Foto: Tere (Running Oleiros)
O resultado final foi:
  • Posición xeral: 9º de 187.
  • Posición categoría: 3º de 25. 🏆
  • Tempo: 1:25:14
  • Ritmo: 4:02 min/km
Foto: Concello de O Pino
Non cumprín o obxectivo de mellorar o tempo do ano pasado e fixen 3:34 min. máis xa que non contei coa calor que ía facer, algo que parece ser que lle afectou a gran maioría de corredores facendo peores tempos que o ano pasado. A parte positiva, tiven a recompensa de poder ser 3º da miña categoría e subir ao podio algo co que non contaba moito e desfrutei moito da proba animado por todos os peregrinos que me fun atopando e que non foron poucos, algúns ata me fixeron rir. 

En canto a proba o único detalle que non me agradou foi o tema dos contedores xa que estaban moi preto do avituallamento. Polo demais todo perfecto, voluntarios nos cruces, bolsa do corredor con camiseta, buff e gymsack; avituallamentos intermedios e final con agua, froita, isotónico e brownie; medalla finisher; duchas ao carón da meta e incluso a posibilidade de meterte na piscina, ¡para o ano levo o bañador!

🏆 Clasificación xeral homes 🏆
  1. Nuno Costa ....................... 1:09:31
  2. Pedro Nimo del Oro ...... 1:11:29
  3. Manuel Penas Blanco .... 1:15:31
🏆 Clasificación xeral mulleres 🏆
  1. María Jesús Gestido Rodríguez .... 1:27:16
  2. Tina Fernández Barreiros ................ 1:30:48
  3. Berta Pan Veiras .................................. 1:34:49
PD: Clasificación completa. Fotos cortesía de: Concello de O Pino, Tere (Running Oleiros) e O Duro. Moitas gracias.

Tamén che pode gustar:

0 comments