I Media Maratón - O Gran Camiño

Tras conseguir mellorar a miña marca nos 5 Km no Campionato Galego de Curtis, xa só me queda desfrutar das últimas probas deste mes sen buscar grandes obxectivos pero sempre intentando dar o mellor de min. 
Por iso este finde toca disputar o I Medio Maratón "O Gran Camiño" que transcorrería integramente polo Camiño de Santiago unindo Arzúa con Arca (O Pino).

Os obxectivos serían:
  • Intentar facer unha boa carreira como me saíu nunha media similar como é Os 21 do Camiño.
  • Seguir coas boas sensacións e rendemento das últimas carreiras.
  • Desfrutar dunha nova etapa do Camiño a Santiago.
Como xa recollera o dorsal os días previos a carreira, unha vez que chego a O Pino, vou directamente ao autobús que nos leva ata Arzúa onde está situada a saída. De camiño a Arzúa produciuse unha situación curiosa e é que por diante nosa ía a Policía Local e varios coches de Protección Civil coas luces acesas polo que parecía que íamos custodiados, como se estivera chegando alguén importante.

Chegamos a Arzúa e tras unha visual a como era a saída póñome a quecer mentres buscaba a os outros compañeiros de equipo que ían disputar a proba. Atópoos a falta de 10 minutos para a saída, sacamos a foto de equipo, últimos sprints para acabar de quecer e para a liña de saída.


Colócome bastante adiante para ser unha media maratón, non ir a buscar un tempo e chegar alí coa sensación de que ía ser moi posible de que petase polo camiño, xa que os días previos, tiven malas sensacións adestrando con dor pola zona abdominal. Aínda así a estratexia será tirar dende o principio e ata onde o corpo aguante, despois a desfrutar o que se poida.

Dáse a saída e menos mal que estaba colocado adiante porque os primeiros metros era un embotellamento con un par de curvas pechadas e zonas estreitas.


Tras pasar esa zona de precaución comezo a coller ritmo de competición e a gañar postos, esas malas sensacións que tiña antes da carreira desapareceron e atopábame moi ben polo que empecei a tirar forte.

Un aliciente co que nos íamos atopar durante todo o percorrido serían os peregrinos, xa que todos nos animaban e cada un nos seu idioma. Como non, cando recibía eses ánimos había que agradecerllo e como non daba falado para manter ben a respiración, polgar para arriba e aplauso cada vez que recibía ánimos.

Entorno ao km 2 ou 3 alcanzo aos compañeiros de equipo que saíron mellor ca min e pouco a pouco os vou deixando atrás, sempre coa idea de intentar alcanzar ao seguinte corredor aínda que baixando sempre había quen me adiantase, xa que as baixadas non son o meu forte.


Antes de chegar a metade de carreira, sufro un "ataque", e é que ao pasar polo lado dun can este ven cara min ladrándome, menos mal que non botou o dente... Isto fixo que incrementase un pouco máis o ritmo e ao pasar polo control no km 10 marco un tempo de 38:24 minutos que equivale un ritmo de 3:50 min/km, bastante ben para ser unha media e na que non estou a buscar tempo, ademais as sensacións eran perfectas ata ese momento, con ganas de apertar máis pero como tiña medo de petar había que controlar un pouco.


Sufro un par de cortes de ritmo e é que non daba pasado por mor dos peregrinos que ocupaban todo o camiño pero eles estaban no seu dereito, pódese dicir que o camiño e deles e nos estabamos de paso.

Sigo mantendo un ritmo forte, aínda que nas pendentes comezo a notar algo de cansancio e de que as pernas xa non estaban tan cómodas. Cada certo tempo botaba unha mirada cara atrás para ver como ía e de momento ninguén polo horizonte.


A falta de 5 Km para o final intento forzar máis xa que me adiantan dous corredores, aguanto un pouco o seu ritmo pero son incapaz de seguilos xa que comezo a ter dor no estómago, como se me fora dar flato polo que desisto na súa persecución e intento ter controlado ao corredor que viña por detrás.


Os 2 últimos km's fixéronseme eternos, xa ía coas forzas xustas e o corredor que viña por detrás cada vez estaba máis preto, a parte non contaba con ter que dar unha volta por Arca ata chegar a meta. O ter que apertar un pouco para que o corredor que viña por detrás non me collese, achégome aos dous corredores que tiña por diante pero sen ser capaz de darlles caza e chegar a meta por detrás deles.

Nada máis entrar en meta xa estaba Terio Carrera anunciando a miña chegada e dicindo no posto que quedara, algo que me sorprendeu ao igual que cando vin o tempo co que crucei a meta.


O resultado final foi:
  • Posición xeral: 11º de 231.
  • Posición categoría: 4º
  • Tempo: 1:21:37
  • Ritmo: 3:52 min/km

Os obxectivos cumpridos, xa que a carreira saíume moi ben, as sensacións e rendemento foron incribles, incluso eu me sorprendín cando vin o tempo cando cheguei a meta e desfrutei moitísimo correndo entre os peregrinos xa que todos te animaban a seguir.
Mágoa que me volve pasar como na media Os 21 do Camiño que tras ir un bo rato 3º da categoría volvo perder o posto a escasos km's da meta, quedándome a 38'' do podio e é que o 3º, 4º e 5º clasificados senior entramos en 60''.

En canto a carreira, dura con constantes subidas e baixadas pero que eran ben de levar predominando a baixada, algo que a min non me ven ben pero cos ánimos dos peregrinos levábase moito mellor. Espero que se manteña no calendario esta media maratón porque ten moito potencial para ser unha das grandes. 

🏆 Clasificación xeral homes 🏆
  1. Pedro Nimo del Oro ....................... 1:12:10
  2. Roberto R. Jiménez Gallego .......... 1:14:55
  3. Javier Paredes González ................ 1:15:10
🏆 Clasificación xeral mulleres 🏆
  1. Rocio Alvite Ferreiro ...................... 1:24:48
  2. Esther Rodríguez Díez .................... 1:25:14
  3. Ariana González Verde ................... 1:27:37

Tamén che pode gustar:

0 comments