XVII Carreira Pedestre de Lestrobe
- outubro 12, 2022
- Por: IglesiasAmores
- 0 Comentarios
Primeira vez que ía participar nesta proba e tamén neste concello. Tocou desprazarse ata o Concello de Dodro, concretamente a Lestrobe onde se ía celebrar a XVII Carreira Pedestre de Lestrobe sobre unha distancia de 10Km dando dúas voltas ao percorrido.
O obxectivo sería:
- Simplemente desfrutar xa que non tiña nin idea de como sería o percorrido e ademais era a última proba antes do Campionato de Media Maratón.
Cheguei bastante cedo xa que estiven mirando o regulamento e poñía que case había que aparcar en Padrón polo que decidín ir con tempo. Aparquei onde estaban as duchas en Padrón de dende alí fun a pé ata Lestrobe sobre 1km. Xa en Lestrobe recollín o dorsal e púxenme a dar volta por alí xa que ao final sobroume tempo... chegada a hora cambieime, deixei a roupa no gardarroupas e púxenme a quentar. Cando restaban uns minutos para a saída funme acercando ao arco de saída/meta pero houbo que esperar a que terminase un corredor de outra categoría que faltaba por chegar. Así con un pequeno atraso deu comezo a proba.
Arranquei ben coa idea de facer a primeira volta "tranquilo" para ver como era o percorrido e xa na segunda intentar apertar un pouco máis. Nos primeiros metros xa comezo a gañar postos e o terreo parecía bastante favorable o que fixo que todos fóramos moi rápidos. Non podo saber máis ou menos como íamos porque pasados un 500/600 metros mirei o reloxo e dinme de conta que me esquecera darlle a comezar polo que xa non sabía ben en que km íamos.
Cando pasamos por debaixo da autovía e nos puxemos a correr ao seu carón por un camiño de terra xa comezaba a quedarme só e pouco a pouco achegándome a algún corredor dos que ían por adiante. Este tramo de terra remataba nunha pequena subida de asfalto para volver a baixar e encarar unha longa recta onde pegaba o vento de cara non moito pero viña a refachos.
Tras a recta, volviamos a terra e a correr ao carón da autovía ata chegar ao Rio Sar onde dabamos volta e volviamos tamén pegados a autovía pero xa por asfalto e poñendo xa rumbo ao lugar de saída pero antes había un par de sorpresas. A primeira foi un dura subida que nada máis a empecei a subir a miña cabeza foise directamente a segunda das voltas e a pensar que tiña que gardar algo de forzas para ese tramo. A segunda sorpresa foi que rematada a subida entrabamos dentro do Pazo de Lestrobe para correr polos exteriores e non contaba para nada con ir por aí pero seguramente era o tramo máis bonito da proba.
Saímos do Pazo de Lestrobe e xa encaramos a longa recta de meta que tiña tendencia a subir e así rematar a primeira volta. As sensacións eran bastante boas pero decidín non forzar moito e seguir co ritmo mantido ao que estaba indo entorno a 3:45/3:50 min/km xa que seguía gañando algún que outro posto.
Durante a segunda volta foi máis do mesmo, aínda que na recta onde máis sopraba o aire agora notouse máis e foi algo máis molesto. Ao chegar a subida notouse e aí si que tiven que apertar un pouco os dentes para manter o ritmo porque xa me estaba chegando. Así chegamos a recta de meta onde perdo un posto de un corredor que adiantara uns Km's atrás pero para min a carreira xa estaba feita e nin intento sprintar contra el.
O resultado final foi:
- Posto xeral: 18º de 160
- Posto categoría: 7º
- Tempo: 38:17 min
- Ritmo: 3:49 min/km
O obxectivo cumprido e boas sensacións que era o máis importante de cara a próxima proba.
En canto a carreira ben, voluntarios nos cruces, avituallamento intermedio, avituallamento final completo, servizo de gardarroupas e de agasallo unha camiseta técnica. O que menos me gustou foi que estean tan lonxe as duchas e creo que igual tratar de habilitar unha zona para aparcar máis preto nalgunha finca ou así...
O percorrido a priori rápido con dúas subidas importantes unha pequena de escasos metros e outra un pouco máis dura. A mellor parte sen dubida a zona do Pazo de Lestrobe e a que menos me gustou ir tanto tempo pegado a autovía.
🏆 Clasificación xeral homes 🏆
- Alejandro Pesado Fernández ... 34:46
- Abel Barros González ... 34:54
- Alan Sardinero González ... 35:29
🏆 Clasificación xeral mulleres 🏆
- Ainoa Gontán Iglesias ... 42:59
- Paula Rosales Rosales ... 44:43
- Verónica Calvo Dopazo ... 44:58
Pd.: Clasificación completa. Moitas grazas.
0 comments