XII Carreira Reto Pinga Pinga

Un ano máis despraceime ata Marín, concretamente ata Santomé de Piñeiro onde se ía celebrar a XII Carreira Reto Pinga Pinga. Proba especial xa que está organizaba polo meu anterior club. A carreira ten unha distancia de 7,5Km dando 3 voltas a un circuíto moi esixente. Este ano como novidade na segunda das voltas íase facer unha cronoescalada.

Como cada ano traen a un deportista para facerlle unha homenaxe que desta vez foi Antía Jácome piragüista olímpica, subcampioa mundial e campioa europea.

O obxectivo será:
  • Intentar mellorar o tempo de 27:11 min. acadados o ano pasado.
Cheguei cedo ao lugar da carreira porque sabía que ía ser complicado para aparcar e así foi. Cando cheguei a zona do parking xa estaba chea e tiven que buscar sitio pola estrada e arrimarme ben a cuneta. Tras recoller o dorsal volvín para cambiarme e estar listo para comezar a quecer aínda faltaba tempo pero mellor estar listo. Comezamos a quentar cando restaban 30 min. e xa para dentro do campo de fútbol onde estaba situado o arco de saída/meta pero antes unha foto con antigos compañeiros de equipo.

Foto: Maribel
Aínda tivemos que esperar a que acabasen algunha proba de carreiras de menores. Chegado o momento ímonos colocando e quedei bastante ben situado e tras unha conta atrás, o disparo ao aire realizado por Antía Jácome deu comezo a proba.


Arranquei con máis atrancos dos que pensaba e durante a volta ao campo de fútbol ía algo encerrado e non podía avanzar pero xusto antes de saír xa comecei a atopar sitio e comecei a marcar o meu ritmo e a gañar postos. 

Foto: Maribel
Tiña a idea de facer a primeira volta con calma pero as ganas de correr non me deixaron ata chegar ao grupo da primeira das mulleres onde intento quedarme aí. Non porque ía cómodo senón porque máis rápido ía ser difícil... Así fun durante a primeira volta e xusto antes de rematar xa me din de conta que o percorrido non era o do ano pasado senón que nesta ocasión en cada volta volvíamos a entrar no campo de fútbol polo que o obxectivo de tempo xa non me valía.

Foto: FotoCarlosGrafías
Na segunda volta viña a cronoescalada pero xa non me notaba tan fresco como na primeira volta e aínda que intentei apertar na subida xa me notaba bastante canso. De feito tiven que deixar de seguir a primeira muller porque estaba impoñendo un ritmo que eu non daba seguido e de facelo seguramente na terceira volta tivera que facela andando... Comecei a mirar cara atrás e estaba bastante só, ao lonxe seguíame a segunda das mulleres. Intento manter un ritmo xa máis "tranquilo" e estable para conservar posto e así termino a segunda das voltas.

Foto: José Luis García Portela
Xa na terceira volta a subida fíxoseme eterna parecía que non ía rematar pero o bo era que por adiante tampouco ían moi ben e consigo gañar algún posto. Xa baixando case antes de chegar a meta tiven que afrouxar moito o ritmo porque non me estaba sentindo ben como se estivese pagando o esforzo realizado ademais que estaba facendo calor e igual ía un pouco deshidratado. Xa durante a volta do campo de fútbol mirei cara atrás e vin que un dos corredores que adiantara na subida viña apertando. Intentei subir o ritmo e sprintar ao final pero xa non había máis forzas e desisto cando o corredor me alcanza perdendo así un posto pero satisfeito coa carreira realizada.

Foto: José Luis García Portela
O resultado final foi
  • Posto xeral: 16º de 152.
  • Posto categoría: 3º 🥉
  • Tempo: 30:40 min.
  • Ritmo: 3:52 min/km
Os obxectivos non os conseguín aínda que o percorrido era distinto ao do ano pasado, era o mesmo que no 2019 e nese caso fixera un tempo de 29:56 min polo que este ano fun case 1 min. máis lento. As sensación foron boas sobre todo a primeira volta pero despois vinme abaixo moi rápido igual pola calor que estaba facendo. Polo menos conseguín chegar ao podio que non contaba xa que nesta proba soe haber bastante nivel.

Foto: FotoCarlosGrafias
En canto a carreira moi ben, había voluntarios nos cruces, avituallamento intermedio en todas as voltas, o avituallamento final moi completo (froita, auga, isotónico, iogur...) e de agasallo unha camiseta técnica. O percorrido duro como sempre e coa calor que fixo aínda se notou máis pero son máis partidario do recorrido sen entrar a dar a volta ao campo de fútbol en cada volta.


🏆 Clasificación xeral homes 🏆
  1. Jorge Puig Malvar ... 25:38
  2. Manuel Lorenzo López ... 26:02
  3. Akka Essaadaoui ... 26:57
🏆 Clasificación xeral mulleres 🏆
  1. Ester Navarrete Santana ... 29:06
  2. Sandra Mosquera Losada ... 30:52
  3. Beatriz Fernández Gil ... 32:06

Tamén che pode gustar:

2 comments

  1. gracias por voltar a Santomé, Miguel. Boa carreira. Estás collendo un bo estado de forma. Aproveitao compañeiro!!!

    ResponderEliminar
    Respostas
    1. Moitas grazas e parabéns pola organización da proba! 👏👏

      Eliminar