X Carreira Reto Pinga Pinga
- outubro 12, 2019
- Por: IglesiasAmores
- 0 Comentarios
Despois de dúas semanas de monte (Trail de Vitres e Trail de A Baña), tocaba volver ao meu terreo, o asfalto. Tocou desprazarse ata Marín, concretamente ata Santomé de Piñeiro onde se ía celebrar a X Carreira Reto Pinga Pinga, proba organizada polo Club Deportivo Pinarium (equipo no que estou). O percorrido serían 3 voltas ata completar unha distancia de 7,3 Km no cal non tes moito descanso.
Este ano a homenaxeada sería a regatista Tamara Echegoyen, campioa olímpica en Londres 2012 e 5 veces campioa do mundo.
Os obxectivos serían:
- Intentar mellorar o mellor tempo que teño nesta proba que é de 27:40 min. acadados o ano pasado.
- Intentar igualar o posto acadado o ano pasado onde conseguín ser 1º da categoría.
Cheguei pronto a Marín, xa que meus pais e miña tía ían participar na andaina e saían un 30 min. antes da carreira. Así despois de que dera comezo a andaina, fun cambiarme e poñerme a quecer. Durante o quecemento oín por megafonía que este ano o percorrido sufría un cambio e en cada volta que había que dar, tiñamos que entrar no campo de fútbol. Os outros anos non había que entrar polo que aparte de incrementarse a distancia, xa non podía mellorar o tempo e como consecuencia un obxectivo menos a cumprir.
Cando faltaban 5 min. para a o comezo da proba fun entrando no campo de fútbol, onde estaba situada a saída e meta pero antes de colocarnos, sacamos unha foto de equipo.
Cando faltaban 5 min. para a o comezo da proba fun entrando no campo de fútbol, onde estaba situada a saída e meta pero antes de colocarnos, sacamos unha foto de equipo.
Foto: FotoCarlosGrafias |
Tras a foto xa me dirixín cara a saída, onde me coloquei nunha cuarta fila máis ou menos e así tras unha conta atrás, Tamara Echegoyen deu o pistoletazo de saída.
Foto: FotoCarlosGrafias |
Arranquei regular, con moita precaución de non tropezar polo que durante os primeiros metros fun perdendo posto. Tras os dous primeiros xiros no campo de fútbol e segundo se ía estirando o grupo de corredores comecei a remontar e a marcar o meu ritmo. As sensacións eran moi boas, claramente era a primeira volta pero todo ía ben. Fun remontando durante toda a primeira volta, marcando moi bos ritmos igual demasiado rápido pero se daba aguantado podía ser que tivera opcións ao podio.
Foto: Maribel |
Na segunda volta, na subida dura xa comecei a notar o esforzo da primeira pero tampouco moito, notábame con forza para seguir tirando aínda que xa non ao nivel da primeira volta. Conseguín sacar unha diferencia cos perseguidores e por adiante tampouco vía que puidese chegar polo que durante esta segunda volta estiven rodando só.
Foto: Maribel |
A terceira e última volta paguei o esforzo da primeira volta, xa comecei a mirar cara atrás para ver que distancia tiña cos perseguidores, durante a subida non me faltou nada para botarme a andar, como me custou subir... Tras a subida viña unha pequena zona onde recuperar antes de encarar a baixada, eu intentaba apertar para manter distancias pero ía afogado. Durante a baixada escoitaba os pasos dos perseguidores que cada vez estaban máis preto e xusto cando comezamos de novo a subir xa rumbo ao campo de fútbol para entrar en meta perdo un posto con un compañeiro de equipo, puiden apertar un pouco máis durante a volta ao campo pero preferín non facelo dado que ao día seguinte tiña outra proba importante e por hoxe xa estaba ben.
Foto: Maribel |
Así crucei a meta satisfeito co resultado obtido pero con unha sensación de que me falta un punto de forza e resistencia de cara os últimos km's.
O resultado final foi:
O resultado final foi:
- Posto xeral: 14º de 116.
- Posto categoría: 2º. 🏆
- Tempo: 29:56 min.
- Ritmo: 3:59 min/km
Foto: FotoCarlosGrafias |
Os obxectivos non os cumprín pero ao a ver a modificación no percorrido xa non podía mellorar o tempo e aínda que non subín ao máis alto do podio si que conseguín ser segundo (o posto que perdera na subida antes do campo de fútbol foi o compañeiro que quedou primeiro na categoría) polo que satisfeito co resultado.
Por outra parte este ano na competición interna do equipo, o Km Pinarium conseguín ser o primeiro despois de que os dous últimos anos fora segundo.
Por outra parte este ano na competición interna do equipo, o Km Pinarium conseguín ser o primeiro despois de que os dous últimos anos fora segundo.
🏆 Clasificación xeral homes 🏆
- Nuno Costa ......................... 25:29
- Jorge Puig Malvar ............. 26:17
- Manuel Lorenzo López ... 26:23
🏆 Clasificación xeral mulleres 🏆
- Leticia Fernández Barbosa ... 31:08
- Beatriz Fernández Gil ............ 31:59
- Iria Campos Trabazo ............... 33:47
0 comments