VI Trail de Vitres

Tras correr hai dous días a Carreira Solidaria das Festas de Lalín e o día anterior o CorreSan Nocturna Cidade Vella, Tocou desprazarse ata Boiro para disputar o VI Trail de Vitres organizado polo Tribu Trail. O percorrido tería uns 26 Km e un desnivel duns 1600 m+, todo isto aproximado.

O obxectivo sería:
  • Desfrutar e rematar en boas condicións xa que non estou afeito a estas distancias polo monte.
Cheguei a Boiro co tempo xusto para ir recoller o dorsal, cambiarme e quentar uns 10 min. e xa era hora de colocarse na saída. Púxenme nunha zona media xa que a idea era saír tranquilo e segundo fora transcorrendo a proba decidir se apertar máis ou seguir igual. Tras as indicacións sobre o que nos íamos atopar durante a carreira e unha conta atrás, deu comezo a proba.

Foto: Voluntarios Tribu Trail
Arranquei tranquilo, ía perdendo postos pero sabía que había moita carreira por adiante e que os podía recuperar se todo ía ben. Pasamos por un paseo de madeira que estaba bastante esvaradío polas chuvias dos últimos días e de repente cando chegamos ao carón dun río transcorridos 400 m. houbo que parar de todo porque por onde había que pasar só se collía de un en un e houbo colapso para pasar.

Foto: Marcos Creo
Pasada esta zona e deixando unhas casas atrás comezamos a adentrarnos no monte, de momento eran sendeiros corribles pero para ir entrando en materia estaban perfectos. Así fomos ata chegar ao Km 1,7 onde nun pequeno tramo de asfalto comezamos a subir. Eu xa ía recuperando postos pouco a pouco xa que intentaba manter un ritmo tranquilo e non forzar máis da conta. Esta primeira subida levaríanos ata o Km 3,6 onde comezamos unha pequena baixada ata chegar a unha aldea, aí tocou a primeira subida interesante xa con algún detalle técnico e algo máis dura ata o Km 5,2. Logo unha pequena baixada duns 200 m onde xa sufrín un pouco, non por ser moi técnica senón porque me comezou a doer o dedo do pé que aínda non está recuperado de todo.

Rematada a baixada de novo a subir, xa sin descanso facendo cumio no Km 6,9. Alí estaba o primeiro dos avituallamento pero do cal pasei, de momento non necesitaba nada. Comezamos a baixar por pistas que se podía manter un bo ritmo e nada técnico, agás unha zona de pedras que xa avisaban que estaban perigosas pola posibilidade de esvarar. Esta baixada remataba no 9,3 e tras tanto descenso un dos xemelgos comezou a protestar, non o notaba moi ben e nese punto decidín tomar unha ampola de glucosa que levaba.

Comezamos a subir rumbo Castelo de Vitres pero no Km 9,7 atopámonos con un segundo avituallamento no cal si que paro para tomar unha pouca froita e rapidamente continúo subindo.

Foto: Suso Balado
Sin descanso, xa rumbo ao Castelo de Vitres, dinme de conta que estaba facendo o percorrido ao revés xa que fixera este trail no 2017 e recordaba o calzada empedrada pola que estabamos a subir. Que dura se me fixo esta subida, pensei que non acababamos de subir nunca pero finalmente facemos cumio entre rochas no Km 11,3. Comezamos unha baixada de preto de 2 Km pero das máis técnicas que fixen nunca, entre pedras e sin saber moi ben por onde ir, todos os camiño que vía non me parecían óptimos, así pouco a pouco fun descendendo e claramente perdendo postos, aí notouse moito que o meu é o asfalto.

Entorno ao Km 13 remata esta baixada e antes de poñernos de novo a subir había outro avituallamento do cal estaba desexando chegar, non sei cal foi o motivo pero levaba unha fame... Nada máis cheguei o primeiro que collín foi medio sándwich de crema de cacao, plátano e outro pedazo de laranxa. Nunca me parara así para comer pero o corpo estábao pedindo.

Continuamos a carreira subindo rumbo a antena, o que sería o cumio máis alto. Pensei que non ía chegar nunca. Subida constante, sin descanso ata chegar ao Km 15,2. Unha vez arriba tomei outra das ampolas de glucosa que levaba, había que darlle alimento ao corpo. Tras 100 m. paseando pola antena, tocou baixar e menuda baixada... estiven apiques de caer dúas veces, gustaríame ver como baixaban por aí os primeiros clasificados porque tivo que ser espectacular. Eu recordaba esa zona de hai dous anos que o fixeramos subindo e con un pouco que te despistaras esvarabas pero baixando era unha pasada. As zapatillas non me agarraban en ningunha zona, era mellor sentarse e baixar arrastras. Cando rematamos esa baixada duns 300 m. tiven que estirar un pouco as pernas porque cheguei cos cuadríceps como pedras da forza que fun facendo para ir freando.

A proba seguía baixando pero xa algo máis normal, con un pequeno repeito no Km 16,1 e despois seguir baixando ata o km 19,3 onde había algunha zona técnica entre pedras soltas pero ao que estou máis acostumado de outros trails realizados. Na metade desta baixada entorno ao Km 17,2 había outro avituallamento no cal tamén me parei pero neste só había liquido polo que un pouco isotónico e a seguir baixando.

Rematada a baixada, chegamos a unha aldea no cal había outro avituallamento, neste volvo a coller froita e a seguir subindo. Xa non eran subidas durisimas pero para o punto no que íamos de carreira calquera pequeno desnivel xa me estaba custando, como se atopase un muro no camiño.

Foto: Voluntarios Tribu Trail
Estivemos con un sube e baixa onde predominaba a subida ata o Km 21,8, a partir de aí xa foi todo baixar pero aínda me quedaba unha sorpresa no camiño. Nunha das últimas baixadas técnicas pola cal, ao comeza da proba subimos, engancheime cunha rama entre os pé e non lle faltou nada para deixar os dentes no chan. Por sorte non sei como librei da caída pero o esforzo para evitala provocoume que me quixera dar un tirón do abdutor e rematada a baixada tiven que parar a estirar.

Puiden continuar sen molestias os 3 Km que me quedaban pero xa a un ritmo tranquilo, non quería forzar máis o corpo e así xa percorrendo os últimos metros, apiques estou de perderme xa que como levaba na cabeza cando corrín esta proba no 2017, vin uns pasos de pedra sobre o rio que naquel ano había que pasar eu fun directo a eles sin darme de conta das marcas da proba, por sorte viña un compañeiro detrás que me avisou que a proba non era por aí e continúo os 2 Km que me quedaban xa sen ningún evento que salientar e chegar a meta desfeito pero satisfeito de chegar enteiro.

O resultado final foi:
  • Posto xeral: 46º de 71.
  • Posto categoría: 25º.
  • Tempo: 3:51:49
  • Ritmo: 8:55 min/km.
Obxectivo cumprido, puiden rematar este trail enteiro e sen ningún contratempo grave que xa é moito porque posiblemente sexa o trail máis duro e técnico ao que me teño enfrontado pero cunha organización e trato aos corredores de 10, dos mellores que corrín e que espero volver correr a ver se para entón xa podo apertar un pouco máis e que non me resulte tan duro.

🏆 Clasificación xeral homes 🏆
  1. Elpidio Gomez Sousa .......... 2:37:07
  2. Samuel Saborido Soñora ... 2:38:46
  3. Emilio Montilla Alvarez ..... 2:38:46
🏆 Clasificación xeral mulleres 🏆
  1. Fátima Sanmartín .................. 3:13:00
  2. María Fabeiro Romero ........ 3:19:43
  3. Tamara García Rodríguez ... 4:01:10

Tamén che pode gustar:

0 comments