XIII Carreira Popular Mar de Boiro
- decembro 03, 2017
- Por: IglesiasAmores
- 0 Comentarios
Tras correr o día anterior a CorreSan Ponte Mantible - Vite, tocou a quenda da última proba do Circuíto ArousaNorte, a XIII Carreira Popular Mar de Boiro, sobre unha distancia de 10 Km e co trazado das últimas edicións.
Os obxectivos serían:
- Desfrutar da carreira e seguir coas boas sensacións das últimas carreiras
- Intentar gañar algún posto na clasificación xeral do circuíto aínda que vai estar moi complicado.
Unha vez cheguei a Boiro fun cara a saída para poñerme a quecer porque volvín chegar co tempo xusto. Tras un trote duns 10 minutos, somos chamados para a saída onde me coloquei bastante adiante e dáse a saída. Arranquei ben que non é moi normal, mantendo e incluso gañando posicións.
Como a saída era favorable nos primeiros metros iamos todos moi rápido, incluso por todo o paseo da Praia de Barraña, onde fun metido nun grupo mantendo ese ritmo alto e así foi como o primeiro km me saíu a 3:23 min/km, ritmo que non son capaz de aguantar durante toda a carreira pero todo chegará.
Deixando o paseo atrás viña a diversión da carreira un sube e baixa practicamente continuo, non moi forte pero que xa tiñas que ir modificando ritmos para non cargar moito as pernas.
Pouco a pouco fun deixando o grupo no que estaba atrás e dende o km 3 quedeime só, de vez en cando miraba cara atrás para ver a diferencia que tiña para saber se apertar máis ou menos porque por diante non era capaz de alcanzar a ninguén, ao levar un ritmo igual ao meu a distancia foise mantendo todo o tempo.
Ao paso polo km 7, tras rematar a subida do campo de fútbol de Abanqueiro foi cando comprobei as sensación que estaba tendo porque os últimos dous anos (2016 e 2015), entorno a ese punto foi cando rebentei e non puiden acabar a carreira como a min me gustaría pero este ano estaba sendo distinto, atopábame bastante ben, xa comezaba a notar o cansancio nas pernas pero o esforzo do ritmo que estaba levando tiña que notarse algo.
Quedaba a peor parte da carreira, xusto no km 9 comezaba unha dura subida de 300 metros aprox. onde se chegas xustos de forza o pasas mal. Este ano fun controlando que non me alcanzasen e ía subindo rápido e ben, non se me fixo moi dura.
Tras subir, sempre toca baixar e así foi, encaramos unha forte baixada para logo correr pola rúa peatonal ata chegar a meta onde gracias a toda a xente que había alí animando, chego sen perder forzas, nin posición.
O resultado final foi:
- Posición xeral: 22º de 291.
- Posición categoría: 6º.
- Tempo: 36:30 min.
- Ritmo: 3:39 min/km
Os obxectivos ao 50% xa que non conseguín gañar ningún posto na clasificación final do circuíto pero manteño a que tiña, un 6º que non está nada mal. Desfrutei moita da carreira da que despois de dous anos pasando mal púidena acabar tirando de principio a fin e como consecuencia mellorar o tempo que tiña nesta proba nuns 55 segundos, algo que non o tiña previsto despois de correr o día anterior.
🏆 Clasificación xeral homes 🏆
- Juan Antonio Gude Vila ...... 32:05
- Amador Pena Torreira ......... 32:53
- Jose Lojo ................................. 32:57
🏆 Clasificación xeral mulleres 🏆
- Rocio Alvite Ferreiro ............... 38:41
- Elena Matalobos Redondo ...... 41:42
- Teresa Carneiro Barroso ......... 42:15
PD: Clasificación xeral. Fotos cortesía de Marcos Creo (La Voz de Galicia) e José Navarro. Moitas gracias.
0 comments