IV CMP Trail da Baña

Ultimamente non salgo do monte, tras competir a semana pasada no Trail de Vitres, esta semana tocou correr o IV CMP Trail da Baña sobre unha distancia de 27Km e uns 800 m+ aprox. Aínda que tamén había a modalidade de trail curto, tiña asuntos pendentes coa distancia longa xa que o ano pasado tamén participei e fixen unha da miñas peores carreiras polos moitos problemas que tiven: corrín con gripe, calambres nos xemelgos parando cada pouco para estirar, flato e cheguei a meta sangrando polo nariz. Este ano tocaba desquitarse de todos eses problemas.

Os obxectivos serían:
  • Intentar facelo en menos de 3h xa que o ano pasado con todos os problemas que tiven, conseguino.
  • Chegar a meta sen ningún contratempo importante.
Cheguei a Baña moi xusto de tempo, tanto que tras cambiarme e recoller o dorsal so tiven uns 10 min. para quecer un pouco e xa houbo que poñerse na saída. Tampouco é que fora quecer moito mais tempo pero foi todo moi apurado. Así tras a pequena charla técnica sobre o que nos íamos atopar e as precaucións que debiamos ter, deu comezo a proba.

Foto: Concello de A Baña
A saída foi moi rápida, ao arrancar os do trail longo cos do curto todos saímos forte para ir collendo sitio, o terreo tamén axudaba e fomos por asfalto durante os primeiros 500 m. Pola miña parte, non me estaba sentindo moi cómodo con ese ritmo alto, posiblemente por non quecer o suficiente pero xa era tarde para remedialo e non quedaba outra que seguir dando zapatilla. Pouco a pouco fun gañando un par de postos ata quedarme detrás de outro corredor do Barbantia Roda, onde ao cabo de 2 Km xa non se vía a ninguén por detrás.

Os primeiros Km's eran bastante propicios para min xa que transcorrían por pistas e sendeiros sen moita dificultade e podíase correr moi rápido. No Km 1,7 aprox. estaba a separación do trail longo co do curto. Polo Km 4,5 atopamos o primeiro dos avituallamento do cal pasei xa que de momento non precisaba nada. Ao chegar ao Km 5 aprox. polo medio dun bosque comezaron os "problemas" xa que nos tivemos que parar de todo porque non sabíamos cara onde tirar, non viamos a seguinte cinta que marcaba o camiño a seguir, por sorte o compañeiro do Barbantia Roda, veuna e continúamos a paróns porque nesa zona as cintas dende o meu punto de vista estaban moi separadas e era complicado seguir o camiño, parecía un labirinto.

Puiden seguir co compañeiro ata que chegamos a primeira zona técnica do rio, Km 7 aprox. Pouco a pouco fun perdendo contacto con él xa que estas zonas son as que peor levo cando me enfronto a un trail e non consigo ir rápido. Isto provocou que todo a vantaxe que lle levaba aos perseguidores se fose reducindo ata que entorno ao Km 9 comecei a perder postos. Estabamos nun continúo sube e baixa non con subidas durisimas pero non tiñas un respiro e as pernas comezárono a notar xa que levaba un dos xemelgos que non o notaba moi ben. Así xa case no Km 10 nunha zona onde se ía máis tranquilo, tomei unha das ampolas de glucosa que levaba.

Logo continuamos con outra zona favorable onde se podía correr con algún tramo máis técnico pero nada salientable. A falta duns metros para o segundo dos avituallamentos tivemos que pasar por unhas pedras que estaban moi esvaradías tanto que practicamente funme deslizando por unha corda que puxeron para axudarnos e non caer. Pasada esa zona, dimos un rodeo a un muíño e aí estaba o segundo avituallamento, Km 13,6 aprox. Deste avituallamento tamén pasei, aínda tiña outra ampola de glucosa e auga polo que decidín seguir. Xusto ao pasar ao avituallamento víase unha lameira no chan pero cando metín o pé chegoume o barro case ata o xeonllo, pensei que non saía de alí... (xa en meta un compañeiro comentoume que nese punto tivo que volver atrás porque lle quedaron as zapas alí enterradas).

Ata agora tivemos subidas e baixadas pero non moi complicadas pero a partir do Km 14 o conto cambiaba. Comezamos a subir e a subir, tamén tiñas algún descenso pero pouca cousa asi foi como polo Km 16 tiven que sacar os manguitos porque xa non tiña frío ningún, tamén hai que dicir que a néboa que había estaba a desaparecer e como consecuencia deixando un día despexado e con moi boa temperatura. Un pouco antes do Km 18 tomei a última ampola de glucosa que levaba, a verdade é que xa ía desfeito, creo que ía subindo medio zombi.

As últimas subidas entre toxos eran as máis duras ata que chegamos ao cumio, Km 19, onde estaba o terceiro e último avituallamento, neste si que parei. A pesar de que non facía moito que tomara a ampola, preferín parar e recuperar un pouco o alento mentres tomaba un anaco de plátano e outro de laranxa.

Tras alimentar un pouco o corpo tocaba baixar. A baixada non foi moi técnica pero tiña o seu puntiño, así fomos durante un Km, logo tocou subir 1,5 Km entre eucaliptos ata que volvemos a encarar outra baixada por pistas forestais. Volvía o meu forte, moi pouco de técnica e a correr, conseguín recuperar algún posto e estaba indo bastante rápido ata que chegamos ao Km 24,7 e outra vez a ir pegado ao rio. Desta vez non é que fose moi técnico pero tras o esforzo que estaba a facer para ir recuperando postos este último tramo fíxoseme eterno. Menos mal que recordaba do ano pasado que había que subir unhas escaleiras que este ano tocou baixar e foi máis fácil.

Por fin saímos a estrada polo que a meta xa estaba moi preto pero aínda me quedaba un pequeno susto máis. Había que pasar por debaixo da estrada, por onde pasaba un pequeno rio moi pegadiño a parede xa que había unha especie de beirarrúa. Pois cando ía polo medio, intentando non mollarme moito e non caer no rio, o corredor que ía por diante case cae e agarrouse da corda que había para axudarnos. Ao tirar da corda fixo que me levase contra o río e a la vou ca auga polos xeonllos. Como xa estaba mollado o tramo que me quedaba por pasar xa fun pola auga. Polo menos lavei un pouco as zapas que viñan cheas de barro...

Uns metros máis adiante o corredor que provocara o meu chapuzón case se engana nun cruce por onde pasamos cando comezamos a proba, foi cando cheguei a sua altura e xa fun con el o último tramo por asfalto que quedaba, cruzando a meta os dous a vez.

Foto: Koala36 Retratografia
O resultado final foi:
  • Posto xeral: 14º de 39.
  • Posto categoría: 6º
  • Tempo: 3:08:47
  • Ritmo: 7:07 min/km
Os obxectivos ao 50% pero moi satisfeito xa que conseguín rematar o trail sen ningún contratempo. Non conseguín mellorar o tempo pero era moi complicado xa que houbo cambios no percorrido que o fixeron un pouco máis duro e técnico polo que xa fun perdendo tempo sobre todo durante os tramos ao carón dos rios que non foron poucos.
Para o ano posiblemente volva pero igual xa na modalidade do trail curto que aínda non o fixen.

Foto: Concello de A Baña
🏆 Clasificación xeral homes 🏆
  1. Daniel Paz Pardo ... 2:28:48
  2. Roberto Tuñas González ... 2:32:13
  3. Rubén Martínez Mayo ... 2:35:26
🏆 Clasificación xeral mulleres 🏆
  1. María Ferreiro Pérez ... 3:10:15
  2. Noly Casal Olveira ... 4:13:12
  3. Johana Torres Torres ... 4:43:43
PD: Clasificación completa. Fotos cortesía de: Concello de A Baña e Koala36 RetratoGrafia. Moitas gracias.

Tamén che pode gustar:

0 comments