IX Memorial Manuel Bergueiro

Tras correr o día anterior a Carreira Reto Pinga Pinga, tocou desprazarse ata A Estrada onde se celebraba o IX Memorial Manuel Bergueiro, sobre unha distancia de 10 Km (aínda que ao ser o percorrido de sempre ao final serán uns 9,3 Km aprox.), dando 3 voltas ao percorrido marcado.

Os obxectivos serían:
  • Intentar mellorar o tempo que teño nesta proba que é de 34:11 min acadados o ano pasado.
  • Quedar o máis adiante posible para a clasificación por equipos xa que esta é a última proba do circuíto Corre A Estrada Corre e estamos a poucos puntos de poder ser os segundos.
Despertara moi cedo porque ese día había carreira de F1 de madrugada e levanteime para vela. Cando rematou, prepareime e xa me fun para A Estrada. Cheguei bastante cedo polo que fun con calma a recoller o dorsal e volvín para o coche mentres chegaba a hora de acabar de cambiarse e poñerse a quecer. Cando faltaban 20 min. para o comezo, arranquei co quecemento case dando unha volta ao percorrido, comprobando se había algo novo e que tal estaba o terreo despois das chuvias da noite.
Restaban 5 min. e funme achegando a zona de saída onde, primeiro gardamos un minuto de silencio pola lembranza de Manuel Bergueiro e logo tras unha conta atrás deu comezo a proba.

Foto: A Estrada Deporte
Non arranquei moi ben pola precaución da primeira curva e fun perdendo bastantes postos pero unha vez pasado ese xiro comecei a remontar.
Estaba rodando a ritmos por debaixo de 3:40 min/km e a verdade é que me sentía moi cómodo, algo que me sorprendeu despois de correr o día anterior unha proba que non é que sexa moi fácil de facer pola súa dureza.
Durante a primeira volta, fun recuperando postos ata que practicamente me quedei só, tiña preto a outro corredor por adiante e por detrás era moi pronto para mirar pero non tiña a sensación de que tivese a ninguén preto.
Así completei a primeira volta nun tempo aprox. de 11:09 min que supoñía un ritmo medio de 3:36 min/km. Bastante ben xa que case ía a ritmo do meu mellor 10K.

Foto: RunPhotos Galicia
Na segunda volta comecei a notar un pouco a falta de forzas sobre todo nunha das subidas na que me deu a sensación de facérseme eterna pero como aínda estaba gañando postos o ritmo non caeu e seguía tirando para gañar postos que axudasen ao equipo para puntuar menos.
Así completei a segunda volta nun tempo aprox. de 11:19 min que supoñía un ritmo medio de 3:39 min/km. 10 seg. máis lento que na primeira volta pero seguía rodando por debaixo dos 3:40 min/km.

Foto: RunPhotos Galicia
A terceira é última volta xa fun tirando máis por intentar non perder postos que por gañar algún xa que por adiante non vía a ninguén. Así fun a metade da volta ata que me alcanzou un corredor do Celta Atletismo, intentei seguilo e aguanteille uns metros pero foime imposible seguir o seu ritmo e perdín un posto. De todas formas non me din por vencido e seguín apertando forte para non perdelo moito de vista por se tiña algunha opción a recuperar o posto pero finalmente todo quedou así.
Completei a terceira volta nun tempo aprox. de 11:21 min que supoñía un ritmo medio de 3:40 min/km. Perdendo un par de segundos respecto a segunda volta que non está nada mal xa que contaba de perder moitos máis.

Foto: RunPhotos Galicia
O resultado final foi:
  • Posto xeral: 11º de 122.
  • Posto categoría: 3º. 🏆
  • Tempo: 33:49 min.
  • Ritmo: 3:39 min/km.
Os obxectivos cumpridos xa que conseguín mellorar o tempo que tiña nesta proba en 22 seg. e quedar nunha boa posición para sumar os menos puntos posibles ao equipo. Ademais un podio co que non contaba xa que polo normal nesta proba sempre hai moito nivel.


🏆 Clasificación xeral homes 🏆
  1. Manuel A. Penas Blanco .... 29:00
  2. Nuno Costa ............................. 29:05
  3. Youssef Benkert Elalaoui ... 30:44
🏆 Clasificación xeral mulleres 🏆
  1. Ester Navarrete Santana .... 34:26
  2. Tina Fernández ...................... 35:31
  3. Sandra Mosquera Losada ... 36:53
PD: Clasificación completa. Fotos cortesía de: A Estrada Deporte e RunPhotos Galicia. Moitas gracias.

Tamén che pode gustar:

0 comments