XI Carreira Reto Pinga Pinga

Tocou regresar a que no seu tempo foi a carreira do clube ao que pertencía. Despraceime ata o Concello de Marín, concretamente a San Tomé de Piñeiro onde se ía celebrar a XI Carreira Reto Pinga Pinga, organizada polo Club Deportivo Pinarium sobre unha distancia de 7,2 Km dando 3 voltas a un duro percorrido.

Como todos os anos a esta proba sempre teñen un invitado sorpresa que nesta ocasión foi Susana Rodríguez Gacio que viña de acadar o ouro nos xogos paralímpicos de Tokio.

O obxectivo sería:

  • Se o percorrido é o mesmo o do último ano intentar mellorar os 29:56 min.
Intentei chegar cedo pero ao final non foi así e dado a gran cantidade de inscritos tanto para as carreiras como para a andaina case teño que ir a aparcar a Bueu... 

Recollo o dorsal, acabo de cambiarme e xa me poño a quecer porque a hora de comezar a proba xa estaba preto. Mentres quecía fun saudando a todos os ex compañeiros de equipo. Chegada a hora adéntrome no campo de fútbol onde estaba situado o arco de saída para ver como ía ser o proceso de saída xa que agora co Covid en cada proba hai un protocolo distinto e hai que estar atento. Nesta ocasión saída de 10 en 10 en intervalos de 20 seg.

Foto: Roberto Fraga
Tocoume o terceiro grupo e tras a orde dos xuíces da proba, arrancamos. Saín forte anque con algo de precaución nos xiros dentro do campo de fútbol non vai ser que esvarase no céspede artificial.

Foto: Roberto Fraga
As ganas de correr e as forzas que estaban intactas fixeron que comezase a apertar dende o principio e pouco a pouco púxenme a liderar o grupo no que saía e mentalizado e dar caza aos corredores que saíron por adiante. A subida na primeira volta foi como si non existise apenas sen esforzo entorno a un ritmo medio de 4:10 min/km, tras a subida todo o tempo para abaixo chegando a marcar picos de ritmos de 3:05 min/km. Rematando a primeira volta ía pendente de como ía ser o percorrido xa que aínda non sabía se ía ser o do ano pasado onde en cada volta pasabamos ao interior do campo de fútbol para dar unha volta por alí pero este ano eliminouse ese tramo polo que o tempo obxectivo xa non me valía.

Foto: Maribel
Seguín apertando porque sabía que hai uns anos tamén se fixera o percorrido con esta modificación polo que había que intentar melloralo aínda que non sabía que tempo tiña que mellorar. 
Estábame sentindo bastante cómodo incluso subía con ganas e sen esa sensación de que non avanzaba. Costa abaixo tamén ía bastante rápido e non me deixaba levar senón que ía apertando para ir máis rápido. Isto fixo que estivese continuamente gañando postos aínda que tamén perdían algún de outros corredores que ían como avións.

Foto: Roberto Fraga
Todo o esforzo que fixen nas dúas primeiras volta notouse na terceira, pensei que non daba subido, xa lanzaba máis os brazos para impulsarme. Tiña que seguir apertando porque por adiante tiña un corredor que pensei que era da miña categoría e había que chegar preto para quedar por adiante polo que non me puiden relaxar en ningún momento aínda que finalmente ese corredor era master e non me influía no meu posto...

Foto: Roberto Fraga
O resultado final foi:

  • Posto xeral: 16º de 196.
  • Posto categoría: 5º.
  • Tempo: 27:11 min.
  • Ritmo: 3:44 min/km.
O obxectivo como cambiou o percorrido, a marca que levaba para mellorar non valía pero no 2018 tamén se fixera este percorrido e aí si que mellorei a miña marca que estaba en 27:41 min. recortando así 30 seg. e dándome de conta que este ano había máis nivel porque no 2018 con ese tempo conseguira chegar ao podio e este ano non houbo sorte.

🏆 Clasificación xeral homes 🏆

  1. Alejandro Fernández Rivera ... 22:40
  2. Pablo Bocelo Bellas ... 23:40
  3. Manuel Lorenzo López ... 23:45
🏆 Clasificación xeral mulleres 🏆

  1. Edymar Brea Abreu ... 27:15
  2. Sandra Mosquera Losada ... 27:27
  3. Tina Fernández Barreiros ... 28:24

Pd: Clasificación completa. Fotos cortesía de: Roberto Fraga e Maribel. Moitas grazas.

Tamén che pode gustar:

0 comments