XI Carreira do Cocido
- outubro 10, 2021
- Por: IglesiasAmores
- 0 Comentarios
Volvemos a percorrer as rúas de Lalín, desta vez tocou participar na XI Carreira do Cocido sobre unha distancia de 10K e organizada polo Clube Escola Atletismo Deza. Estaban anunciados cambios no percorrido polo que non podería intentar mellorar o tempo que teño na proba pero iso non quere dicir que vaia de paseo, había que apertar igual porque ía a participar na clasificación por equipos.
O obxectivo sería:
- Intentar quedar o mellor posible para a clasificación por equipos.
Cheguei a Lalín bastante cedo porque quería aparcar comodamente, tanto foi así que cando cheguei ao parking do Lalín Arena practicamente estaba eu só... Fun recoller o dorsal e facía bastante frío polo que unha vez co dorsal e bolsa do corredor volvín para o coche esperar a que chegase a hora de cambiarse e poñerse a quecer. Cando recollín o dorsal, fixeime nos percorridos e dinme de conta que este ano íamos ir en sentido contrario aos últimos anos.
Chegada a hora cambieime e púxenme a quecer con compañeiros de equipo e das carreiras que tamén ían participar. Acerqueime ao arco de saída xa que me tocou saír na primeira quenda e quedei situado na primeira liña. Non me gusta moito saír adiante porque prefiro ir dende atrás recuperando postos e atopando o ritmo.
Foto: Atletismo Deza |
Tras unha conta atrás deu comezo a proba e como imaxinaba todos saíron moi rápido e perdo eses postos que despois pouco a pouco tendo a recuperar. Os primeiros 500m eran por asfalto ata que nos adentramos no Paseo do Pontiñas.
Durante o primeiro tramo deste paseo tende a ser costa abaixo aínda que non te das de conta, consegues uns ritmos bastante bos e desta forma fun recuperando eses postos que perdera. Estaba sentíndome bastante ben, mellor do esperado agás polo aire frío que facía.
Pasamos o punto de control no km 3,2 e toca volver cara Lalín todo o que antes era costa abaixo agora tocaba subilo. Así pasei de correr os primeiros 4Km nunha media 3:32 min/km a facelo a 4:00 min/km pero tiña que seguir tirando, se a min me estaba pasando factura os demais corredores tiñan que ir igual ou iso pensaba.
Foto: Atletismo Deza |
Polo Km 6 chegando a onde nun principio nos adentramos no paseo, recordoume a estar nunha proba de trail porque tiñas que ir fixándote por onde xirar para facer ben o percorrido, así foi como durante o seguinte km ía mirando seguido para atrás a ver se alguén viña seguíndome porque non sabía se ía ben ou estaba perdido xa que por adiante non vía a ninguén e tampouco atopaba moita sinal ou marca que me dixera se ía ben.
Cheguei o Km 7 onde tiñamos que cruzar a xeral e onde había un axente da Policía Local para parar o tráfico pero en vez de facer iso, estaba de conto con un conductor dun coche... Continuamos polo paseo e facemos un tramo novo que polo menos eu non fixera ata o de agora xa que tivemos que dar volta ao lago do Auditorio.
Tras dar a volta regresamos ao asfalto, unha pequena subida forte para deixar o auditorio atrás e seguimos para adentrarnos polo centro de Lalín durante estes dous últimos km's e que nos levaría de novo ata a Praza de Galicia onde estaba situada a meta.
Foto: Atletismo Deza |
O resultado final foi:
- Posto xeral: 14º de 129.
- Posto categoría: 6º
- Tempo: 36:51 min.
- Ritmo: 3:47 min/km
O obxectivo cumprido xa que conseguimos ser os primeiros por equipos e gañar un lote de produtos elaborados na zona. Non sei ben que levaba o lote que marchei antes de que se entregara o premio pero traballo cumprido. En canto as sensación foron boas a pesar de que a segunda parte ía a remolque e non conseguía manter un mellor ritmo. Toca seguir adestrando para ir mellorando e a pola próxima.
En canto a carreira ben, avituallamento intermedio, final e bolsa do corredor completa. Voluntarios nos cruces e bastante información pre carreira. Tamén é certo que houbo fallos que non sei ben de quen foi culpa pero houbo xente que en vez de facer os 10Km fixeron 7Km e algún máis de 10Km polo que hai puntos que mellorar no percorrido o cal para o meu gusto, mellor no outro sentido.
🏆 Clasificación xeral homes 🏆
- José Canda Louzao ... 31:42
- Amadeo Abal Chaves ... 32:16
- Ricardo Vázquez Vaamonde ... 33:05
🏆 Clasificación xeral mulleres 🏆
- Laura Pérez Trabazo ... 40:24
- Patricia Varela Santiso ... 40:41
- Ana González Margaride ... 40:47
Pd: Clasificación completa. Fotos cortesía de: Clube Escola Atletismo Deza. Moitas grazas.
0 comments