Campionato Galego de Media Maratón 2022 (Pontevedra)
- outubro 16, 2022
- Por: IglesiasAmores
- 0 Comentarios
Chegou o momento duns dos grandes obxectivos da tempada, intentar mellorar o tempo nos 21,097 Km. Para iso tocou desprazarse ata Pontevedra onde este ano era a sede do Campionato Galego de Media Maratón. Lugar onde fixen a miña mellor marca e que máis tarde igualei en Vilagarcía. O percorrido respecto a última vez que fixen esta proba tiña algunha modificación pero a gran parte era o mesmo.
O obxectivo sería:
- Intentar mellorar o tempo que teño na distancia que é de 1:19:23 acadados no 2018.
Cheguei cedo a Pontevedra para poder aparcar tranquilamente e case non atopo sitio porque onde aparcaba sempre este ano non se podía e tiven que buscar outro sitio. Fun recoller o dorsal e xa vin que o tempo non era o mellor para a carreira, estaba o chan mollado, facía aire e a probabilidade de que seguise chovendo era moi alta polo que o obxectivo xa non sabía se ía ser viable. Tras recoller o dorsal estiven dando voltas ata que chegou o momento de cambiarse e poñerse a quecer e de paso pasar por cámara de chamadas para confirmar asistencia no campionato. Chegado o momento funme acercado ao arco de saída, mentres non deixaba de orballar e así tras un disparo ao aire deu comezo a proba.
Foto: Organización |
O percorrido nestes primeiros km xa era diferente ao que fixera da última vez xa que agora hai que ir dar unha volta pola zona do Campus de Pontevedra e despois xa se volvía ao trazado de sempre ata a zona do centro de Pontevedra que agora vas ata a Praza da Peregrina e non se da toda a volta polo centro. Despois cando chegabas a altura das pistas de atletismo onde estaba a meta, os outros anos non se entraba dentro ata a ultima volta e seguías de fronte para dar un rodeo agora entras dentro das pistas en cada volta para saír pola porta lateral. O resto era todo igual agás que con estes cambios os cambios de sentido se facían antes. Algo positivo porque a min non me gusta nada a zona que vai cara Monte Porreiro e era onde máis estaba pegando o aire.
Pois así tras comprobar os cambios remataba a primeira volta onde seguía no grupo cos de Cambados e algún corredor máis, pasando polo Km 10 nun ritmo de 3:43 min/km. As sensacións estaban sendo perfectas algo co que non contaba nada máis chegar a Pontevedra e comprobar o tempo que facía.
Foto: Organización |
Había que facer un último esforzo, o ritmo medio mantíñase nos 3:43 min/km polo que eu ía perfecto. As sensacións xa non eran tan boas sobre todo cando tocou regresar pola estrada de Monte Porreiro, o cansancio xa era notable e agora xa ía apertando ao máximo para que non se me escapara o tempo. A todo isto o aire tamén quere facer apto de presencia e nese tramo comezou a soprar máis. Entramos nas pistas de atletismo para darlle a volta xa dando o último que me quedaba para cruzar a meta coa sensación de dalo todo pero sorprendido co tempo porque non era o que me esperaba.
O resultado final foi:
- Posto xeral: 25º de 144.
- Posto categoría: 7º.
- Tempo: 1:19:47
- Ritmo: 3:47 min/km.
O obxectivo non se conseguiu. Resulta que xusto cando estaba chegando a meta vin o crono que estaba no arco e o tempo non correspondía co ritmo ao que estaba correndo e cando mirei o reloxo resulta que me saíron 300m de máis. Nese momento estaba bastante frustrado xa que polo reloxo corrín como quería pero non me saíu o tempo por algún motivo que descoñezo xa que pode ser que a distancia estivese mal medida, non collera ven a liña da proba para facer a distancia xusta ou ao estar o día anubrado tivera fallos de GPS. En definitiva que o esforzo realizado non tivo o seu premio pero sei que teño o ritmo para poder mellorar nesta distancia xa que ao ritmo que acabei ía para 1:18:30 e creo que incluso a ese tempo lle podo baixar algo ata facer un sub 1:18:00 a partir de aí xa teño que preparar moi ben a proba para seguir baixando.
En canto a carreira quitando o tema da distancia, bastante ben: voluntarios nalgunha zona conflitiva aínda que tiñamos o percorrido moi ben pechado, avituallamentos intermedios e avituallamento final moi completo xa nunha bolsa individual, servizo de gardarroupas, duchas a escasos metros da meta, animación en carreira que co día que estaba é de agradecer ao igual que o público que nos animou durante a proba, boa zona para aparcar, agasallo dunha camiseta técnica e tamén daban unha medalla de madeira por rematar a proba pero eu esa non a teño porque só estaba inscrito no campionato (hai que sacarlle partido a licencia que para algo se paga...)
🏆 Clasificación xeral homes 🏆
- Anxo Castro Varela ... 1:07:48
- Carlos Porto Pazos ... 1:08:10
- Fernando Rial Castro ... 1:08:40
🏆 Clasificación xeral mulleres 🏆
- Beatriz Fernández Gil ... 1:24:54
- Patricia Varela Santiso ... 1:27:55
- Andrea Iglesias Carballido ... 1:28:11
Pd.: Clasificación completa. Fotos cortesía de: Organización. Moitas grazas.
0 comments