V Media Maratón Palas-Melide Os 21 do Camiño

Hai dous anos fixen esta proba na que por mor da calor (30ºC) e correr o día anterior, provocou que sobre o km 17 cando ía en postos de podio, xa non puidese máis e tocou acabar a carreira andando e cos xemelgos cargados (crónica 2015). Este ano regreso a Media Maratón Palas-Melide "Os 21 do Camiño" considerada para moitos a mellor media de España.

Este ano como volvía, pois a meteoroloxía dixo que fixera máis calor que da outra vez e 35ºC para que teñamos que sufrir máis, parece que me ten manía...

Os obxectivos serían:
  • Mellorar o tempo de hai dous anos que é de 1:38:46 aínda que con esta calor vai estar complicado e perigoso xa que poden darse golpes de calor.
  • Non rebentar como hai dous anos no que tiven que poñerme a andar porque xa non daba máis.
  • Intentar reservar forzas para a parte final.
  • Desfrutar todo o posible dunha das mellores media maratón de España.
Unha vez chego a Melide, compro unha auga para seguir hidratándome antes de que comezase a carreira, collo o bus dirección Palas de Rei para recoller o dorsal e esperar a que se dera a saída.
Cando chegan o resto dos compañeiros de equipo que hoxe tamén ían disputar a proba, sacamos a foto de equipo e poñémonos a quecer un pouco, non era que fixera moita falta que estabamos a 35ºC e tiña toda a pinta que ía ser unha carreira de supervivencia.


Rematado o quecemento, ímonos colocando na saída e posiblemente foi unha das carreiras nas que máis cómodo saín xa que, xusto onde estaba a saída onde eu estaba colocado daba o sol e nun lateral había sombra que era onde estaban case todos os corredores. Dáse a conta atrás e arrancamos a carreira, a ver quen sobrevivía.


Arranco pensado en que isto vai ser largo e que tiña que manter un ritmo tranquilo pero a vez, o corpo pedíame comezar a ir rápido polo que intento engancharme a un grupo e aguantar o ritmo e así fago nos primeiros km's ata chegar ao primeiro dos avituallamentos antes de regresar a Palas de Rei onde comezo a tirar perseguindo a Rocío Alvite.


Tras deixar Palas atrás, pasamos polo paseo ao carón do rio, intentando manter ese ritmo e gañando posicións pouco a pouco. Chegamos ao segundo avituallamento xa polo km 7,5 aprox. onde como no anterior collo o botellín de auga para tirarmo pola cabeza e beber un pouco.


E tras este avituallamento, comeza unha boa subida onde empezo a adiantar corredores que lle comeza a chegar e se teñen que botar a andar. Eu de momento ía bastante ben en todos os sentidos incluso tiña ganas de apertar máis pero sabía que se o facía despois ía ter que pagalo.

Despois de subir, tocaba baixar e adentrámonos xa por zonas máis boscosas onde a sombra se agradecía moito e onde ía aproveitando para volver a refrescarme e non notar a calor que estaba a facer.


O problema co que me atopei con isto de coller as botellas de auga e que unha vez rematada non había moito sitio onde tirala e tiña que ir con ela na man ata atopar un contedor onde tirala.

Rematada esta baixada chegamos a subida cronometrada que comezaba no km 11 e remataba no km 12,6 que longa se me fixo a subida, pensei en botarme en andar pero este ano non lle ía tocar, pasos cortos e constantes, sen mirar o que me quedaba por diante e pouco a pouco cheguei a cima incluso gañei unha posición pero tamén perdín unha xa que me adiantou Rocío Alvite e aínda que intento seguirlle o ritmo era moito para min e sobre todo subindo.

Tras acabar esa subida practicamente o máis duro estaba feito, o peor que viña agora era o cansancio acumulado que facía que as costas que quedaban se nos fixeran máis duras. Nunha delas adianto a un corredor que xa se botara a andar onde lle ofrezo a auga que levaba pero dime que non a quere que me ía facer máis falta a min e razón non lle faltaba.

Seguimos o camiño por esas zonas boscosas pero que o levar as gafas non me deixaban ver ben o chan e tiven medo de pisar unha pedra de torcer un nocello pero por sorte non pasou. Tamén ía pasando por debaixo de todas as mangueiras que os veciños sacaron para refrescarnos e que nos fóra máis levadeira a carreira.


Chegamos o pobo de Furelos, onde se estaba celebrando unha feira de época e onde había un gran publico animando e que llo agradezo devolvéndolle o aplauso. Deixando a aldea de Furelos o último posto que tiña a feira era de comida, que maneira de cheirar esa empanada e máis produtos que tiñan, estiven apiques de parar e recuperar as forzas alí xa que ía baleiro de todo.


Deixando Furelos atrás quedaba a zona que hai dous anos fixen practicamente toda andando, desde Furelos ata Melide todo o tempo subindo pero este ano aínda que me notaba sen forza nas pernas pouco a pouco vou subindo e un tramo da pendente me acompaña Cristobal Dafonte que me ofrece auga e me anima a seguir que xa non quedaba nada aínda así, perdo unha posición máis onde o corredor me anima a engancharme a el pero eu xa non podía máis e non son capaz de seguilo.

Recta final, varias miradas cara atrás e con bastante diferencia por detrás déixome levar os últimos metros onde vou aplaudindo dando as gracias por todos os ánimos que estaba recibindo e máis contento quedei ao ver o tempo xa que me esperaba outro.



O final o resultado foi:
  • Posición xeral: 19º de 600.
  • Posición categoría: 5º
  • Tempo: 1:34:41
  • Ritmo: 4:30 min/km

Os obxectivos máis que cumpridos xa que baixei o tempo 3'55'' con 35ºC e intentando tirar ata o final onde as forzas comezaron a fallar pero moi contento co resultado pena foi perder eses 5 postos xa que ía 3º da categoría e volveume a pasar igual que hai dous anos pero como se di "A terceira irá a vencida" polo contando os días para regresar a esta proba e chegar ao podio.

En canto a carreira, todo perfecto, unha organización de 10, voluntarios, veciños con mangueiras para refrescarnos, animación durante a proba, 5 avituallamentos intermedios, avituallamento final completo (cervexa, xamón serrano, melindres, auga, isotónico, iogur de beber, platano), bolsa do corredor incrible (camiseta, manguitos, calcetíns, gymsack, crema de calor, xel enerxético e unha riñonera), medalla finisher e animación para os acompañantes que estaban esperando pola nosa chegada. 
O único que podería criticar sería o moito que hai que andar para chegar as duchas que despois de 21km non quedan moitas ganas de ir ata alí (claramente era mellor coller o coche pero recordábaas máis preto) e que a auga da ducha estaba fervendo, despois de correr a 35ºC meterse nesa auga quente foi complicado.

🏆 Clasificación xeral homes 🏆
  1. Akka Essaadaoui .................................... 1:17:44
  2. Elías Salvador Domínguez Cabral ......... 1:20:14
  3. Victor Hugo Pacheco Martínez .............. 1:20:44
🏆 Clasificación xeral mulleres 🏆
  1. Rocio Alvite Ferreiro .............................. 1:31:22
  2. Raquel Vázquez ...................................... 1:44:03
  3. Mª del Carmen Penas Blanco .................. 1:45:09

Tamén che pode gustar:

0 comments