III Media Maratón Palas-Melide Os 21 do Camiño

Tras a carreira de onte en A Estrada hoxe despraceime ata Melide onde se disputaba a III Media Maratón Palas-Melide “Os 21 do Camiño”.
O obxectivo na carreira sería desfrutar xa que polo que me foron comentando é unha carreira dura e sumado a calor que ía facer pois aínda sería máis dura.
Unha vez cheguei a Melide para coller o bus que me levaría a Palas de Rei onde comezaba a carreira, atopeime con algún dos compañeiros de equipo que tamén disputaban a proba. Durante o traxecto ata Palas un dos participante que se sentou comigo foime comentando as dificultades da carreira que máis ou menos xa coñecía de velas no foro. Unha vez chegados a Palas recollín o dorsal e a bolsa do corredor, moi completa neste caso con camiseta sen mangas, manguitos e un gymsack. O dorsal nesta ocasión tiña o nome de “Amores”, adicado a miña nai e familia, xa que a última vez que puiden personalizar o dorsal foi adicado a meu pai e familia. Tras recoller o dorsal tiven tempo de descansar un pouco en Palas tirado na sombra xa que a calor rondaba os 30º. 
Despois de quecer un pouco, colocámonos na saída e comezou a carreira. Empecei con un ritmo suave para ir vendo as sensacións que tiña porque nunca correra con tanta calor pero sentíame cómodo e en principio a calor non me afectaba moito polo que a partir do km 2/3 comecei a elevar o ritmo intentando ir cómodo e sabendo a distancia que me faltaba e que a parte final era todo subir. Así os primeiros 10km fun adiantando xente continuamente, destacar o detalle dos aspersores e veciños coas mangueiras para refrescarnos, que facía máis fácil correr con esta calor. Ao paso polo control situado no km 12,3 aproximadamente marquei un tempo de 50:37 o que equivale a un ritmo de 4:07 e pasando no posto 21º polo que ía moi ben sabendo a dureza da carreira e que o obxectivo era desfrutala, ademais sentíame ben co ritmo que levaba. 
Todo se ía vir abaixo a partir do km 14 cando empecei a notar cansancio, sobre todo nos cuadríceps que me provocaron empezar a dar as zancadas máis cortas, intentei mentalmente pensar noutras cousas para esquecerme do cansancio pero foi imposible, cada vez notaba máis cansancio ata chegar o km 17,5 onde me botei a andar a ver se así recuperaban algo as pernas pero creo que iso aínda foi peor, volvía correr e as pernas non respondían nada, aínda así fixen o esforzo de non volver parar polo menos na última baixada onde un dos atletas que me estaba adiantando me dixo que gardara forzas que quedaba unha subida importante e eu aí xa comecei a pensar que non ía dar acabado a carreira e desmotiveime de todo.
Cando cheguei a esa subida practicamente a fixen toda andando porque de pernas cero, non tiña forza nin ánimos para seguir ata o punto de pensar de sentarme nun lado e descansar ou incluso abandonar e iso que só faltaba un km para a meta pero xa estaba fundido. Gracias aos ánimos da xente e dos corredores que me ían pasando volvín “correr” para acabar dignamente pero faltaba o peor cando faltaban 200 metros para chegar a meta súbeseme un xemelgo e teño que facer este ultimo tramo con dor e sen apenas poder pisar ben, intentando disimular algo para polo menos rematar ben, unha vez cruzada a meta xa busquei un sitio onde tirarme e xa estirei bastante tempo para que volvera ao sitio. Despois de recuperar un pouco muscularmente comín todo o que nos deron ao cruzar a meta xa que había que recuperarse do gran esforzo que fixen e fixemos todos nesta carreira, non é habitual que coma moito ao acabar as carreiras pero nesta non sei o motivo pero tiña ganas de comer todo...

O final posto 61º de 550 e 10º da categoría, con un tempo de 1:38:46 o que equivale a un ritmo de 4:41 min/km. Perdín 40 posicións nos últimos km supoño que debido ao esforzo na primeira metade da carreira, a calor e a carreira do día anterior que provocaron que muscularmente me quedase a 0 e pensara en abandonar pero agradecer a todo o público, voluntarios e corredores que me animaron a continuar.

En resumen, para min a media maratón máis dura que corrín pero con gran encanto e organización perfecta con moitos detalles e recordos como a medalla con nome e tempo gravados, camiseta, manguitos, gymsack e avituallamento completo. Para o ano volvo si ou si xa que teño asuntos pendente con esta carreira e acabala como ten que ser, sen andar e co ritmo que levaba ao principio que faríame subir ao podio por categoría... Así que xa teño reto para o ano que ven!

Tamén che pode gustar:

0 comments