CorreSan '15 - Nocturna Cidade Vella

Desta vez tocou desprazarse ata Santiago de Compostela, onde se disputaba a primeira proba do circuíto CorreSan a Carreira Nocturna Cidade Vella, que este ano cambiou o circuíto, dúas voltas ata completar os 5,5 km que ten a carreira, e o lugar de saída e meta que agora está na Praza do Obradoiro. 
O obxectivo sería acabar o máis adiante posible xa que non puiden preparala moito, intentando quedar por diante da xente que estea inscrita ao circuíto CorreSan para sumar menos puntos e desfrutar da zona vella de Santiago. 
Unha vez chegamos a Praza do Obradoiro, despois de ir saudando a compañeiros e amigos que tamén ían correr, dispuxémonos a quecer todo con normalidade ata que oín a chamada para que foramos para o lugar da saída, cando me atopo con toda a xente xa colocada para saír e me tiven que poñer practicamente no fondo de todo polo que o os obxectivos que tiña de principio ían estar complicados e intentaría facer a carreira como se fora a sprint seguido, adiantando a toda a xente que me fora posible, dicir que quedar no fondo posiblemente foi culpa miña por non recordar a carreira do ano pasado que xa estaba na saída 20 minutos antes de saír e aínda así saín no medio da xente... Pero en fin, un novo reto e a ver como se desenvolvía a carreira. 
Cando se deu a saída tardei case un minuto en cruzar a liña de saída e ía andando porque era imposible correr ata pasar 200 metros onde parecía que se podía ir avanzando mellor pero sempre con precaución para non caer. Cando chegamos a Alameda foi cando realmente empecei a marcar o meu ritmo e xa estabamos no km 1, polo que me quedaban 4,5 km para remontar posicións, ao paso polo km 1,65 marquei un tempo de 7:30 o que equivale a un ritmo de 4:33 min/km moi lonxe dos meus ritmos de carreira e incluso alto comparando cos do adestramento. A sensación que tiven dende aí foi de ir a bastante rápido xa que ía pasando a xente con menos ritmo co meu e iso animábame a seguir tirando forte e seguir progresando, incluso na costa forte que había pasaba a xente fácil. Polo paso pola primeira volta no km 2,75, marquei un tempo de 11:33 o que equivale un ritmo de 4:12 min/km polo que xa ía baixando o ritmo que marquei no anterior punto de control aínda que sei que ía moito máis rápido supoño que sobre os 3:40 min/km pero se quería seguir adiantando tiña que manter o ritmo forte que impuxen dende o km 1. Cada vez había máis espazos por onde pasar e menos xente polo que seguir co ritmo era fácil e sen molestias nin cansancio supoño que porque ía enfadado comigo mesmo por non recordar de coller sitio e xa non sentía dor nin nada e só quería seguir avanzando. No seguinte punto de control xa no km 4,4 marquei un tempo de 17:33 o que equivale ir a un ritmo de 3:59 min/km, oficialmente xa estaba correndo por debaixo dos 4 minutos e agora só quedaba chegar a meta polo que fun a todo o que me quedaba e cheguei cun sprint duns 200 metros para acabar ben a carreira. 
O final posición 106 de 785 e 40 da categoría con un tempo oficial de 21:38 e un tempo neto de 20:57 o que equivale un ritmo de 3:56 min/km. Os obxectivos ben xa que foi o máis adiante que din chegado e desfrutei moito a partir do km 1 cando xa se podía correr, antes fun seguido encerrado e con precaución de non tropezar e caer.
Resumindo boa carreira, aínda que non quedei contento co resultado porque sei que podía estar moito máis adiante se saíra onde tiña que saír pero foi o que tocou e hai que conformarse... Agora na próxima do CorreSan toca remontar posicións no circuíto, sabendo que teño que ir a full en todas se quero estar nas posicións de adiante, aínda que pola cabeza hai bastante nivel e vai ser difícil chegar. En canto ao novo circuíto da nocturna, moito mellor evitando moitas aglomeracións na saída e cunha costa interesante, espero que este novo circuíto se manteña.

Tamén che pode gustar:

0 comments