XIII Carreira Solidaria do Arenteiro
- decembro 11, 2022
- Por: IglesiasAmores
- 0 Comentarios
Tocou participar nunha proba que levaba moito tempo sen facer xa que dende o 2018 non volvía por estes lares. Despraceime ata O Carballiño para participar na XIII Carreira Solidaria do Arenteiro proba organizada polo equipo no que actualmente estou é que ten unha distancia de 10Km tirando a duros. Coma todos os anos a hora de recoller o dorsal había que entregar un mínimo de 1Kg de alimentos non perecedoiros para Cáritas e este ano como novidade tamén había proba de 5Km.
O obxectivo sería:
- Intentar mellorar o tempo que teño nesta proba que é de 37:35 min. acadados no 2015.
Cheguei a O Carballiño ben de tempo, fun recoller o dorsal e entregar os alimentos. Mentres ía saudando a gran cantidade de compañeiros que estaban xa por alí. Cando recollín o dorsal vin que tiña un problema co chip que tiven que ir solucionar cos encargados do cronometraxe (abaixo máis info*). Arranxado o tema, aínda tiven de dar unha volta mentres chegaba a hora de cambiarse. A verdade é que non tiña moitas ganas de quitarme a roupa porque estaba facendo bastante frío. Xa cambiado un pouco de trote para espantar o frío e para a liña de saída onde estaban os compañeiros de equipo sacando unha foto de grupo.
Non me coloquei moi adiante porque quería saír un pouco máis tranquilo e porque como dixen ao comezo este ano había tamén un 5K e a saída era conxunta polo que igual me poñía seguir o ritmo de alguén que fora para esa proba e ía sufrir por rematar. Así tras unha conta atrás deu comezo a proba.
Arranquei ben, e tras o xiro que estaba a poucos metros xa comezo a recuperar postos. A primeira parte da proba era bastante favorable o que fixo que fose a moi bo ritmo durante ese tempo, de feito o primeiro km e o terceiro saíronme a 3:29 min/km e 3:25 min/km respectivamente. Sobre o Km 2,6 collemos un desvío que xa nos levaría cara o paseo polo rio Arenteiro.
Pasado ese punto íamos camiño da pasarela de madeira que este ano tamén estaba moi esvaradía tanto que tras pasar eu un dos corredores que viña por detrás caeu.
Xusto antes de chegar a ponte para cruzar o rio Arenteiro esta o punto km 5 no que paso nun tempo de 18:26 min. que supoñía un ritmo de 3:41 min/km. Subimos a ponte con precaución porque tamén estaba bastante esvaradía e tras facer uns xiros por alí, pasamos por debaixo da ponte.
Cando saímos do paseo e volvemos ao asfalto polo Km 5,8 estábanos esperando o avituallamento con auga no cal non me deteño. As sensación seguían sendo bastante boas xa non era o ritmo do principio pero mantiña posición xa que por adiante estaban lonxe. Dende o avituallamento o terreo era completamente chan pero na miña cabeza xa estaba a subida que nos esperaba.
Chegamos ao Km 7 e comezou a subida que estaba esperando posiblemente a máis dura da proba. Subida duns 300m e con bastante inclinación na que forcei de máis porque ía "pelexando" por posición. Subín bastante ben pero quedei coas pernas desfeitas por sorte tras chegar arriba viña unha baixada para intentar recuperar o alento e as pernas.
Foto: Docasar Fotografía |
O último km xa fun por inercia e mirando cara atrás por toda a subida a meta para non perder máis postos que finalmente consigo e chegar satisfeito co rendemento obtido.
- Posto xeral: 15º de 212
- Posto categoría: 2º 🏆
- Tempo: 38:46
- Ritmo: 3:53 min/km
O obxectivo non o conseguín xa que me quedei a 1:11 min. do mellor tempo que teño pero sorprendentemente acadei un segundo posto na categoría que non me esperaba para nada e primeira vez que consigo podio nesta proba. En canto as sensación foron bastante boas ata que chegou a subida do km 7 onde igual me esforcei de máis e o resto da proba xa ía por inercia.
En canto a carreira bastante ben, voluntarios nos cruces perigosos, avituallamento intermedio con auga, avituallamento final moi completo con auga, isotónico, froita, biscoito e chocolate quente. Duchas moi lonxe pero tiñan micro bus para acercarnos e volvernos a traer ata a zona de meta e agasallo dunha camiseta técnica que a min non me gustou porque é negra.
*Problema co chip: Carreira cronometrada con Championchip Norte, a quen lle comprei o chip amarelo na carreira de Vilagarcía (30/07/2022) para non ter que estar pagando 1€ de aluguer cada vez que faga unha proba nas que estea esta empresa. O día da proba de Vilagarcía non me deron ese chip porque dixeron que tiveran un problema co transporte e que se me ía entregar na próxima carreira. Uns días antes mandeilles un correo para que soubesen que ía ir a esta proba onde facía falta o chip e que non o tiña coa resposta de que se me ía entregar na próxima proba. Cando recollín o dorsal, sorpresa, por alí non había chip ningún, tiven que ir onde os responsable comentarlle a situación e tiven que pagar polo aluguer doutro chip para poder correr... Esperarei a seguinte proba a ver se mo dan, aínda que tamén o podían mandar por correo que cando non entregas o chip en aluguer é o que temos que facer ben podían facer o mesmo xa que foi o seu problema non entregarmo senón a ver que fago porque será por carreiras...
🏆 Clasificación xeral homes 🏆
- Albino Fernández García ... 34:31
- Javier de Dios Rodriguez ... 34:51
- Ricardo Fortes Montenegro ... 36:03
🏆 Clasificación xeral mulleres 🏆
- Antía Rodríguez Abad ... 39:25
- Marta Solla ... 46:39
- Marta Mojon Benavides ... 47:27
Pd.: Clasificación completa. Fotos cortesía de: Fotuchis, Docasar Fotografía e ZeusOurense. Moitas grazas.
0 comments