XVII Carreira Popular Mar de Boiro
- decembro 04, 2022
- Por: IglesiasAmores
- 0 Comentarios
Tocou participar na última proba do Circuíto de Carreiras Barbanza - Arousa que nesta ocasión sería a XVII Carreira Popular Mar de Boiro sobre unha distancia de 10Km que xa fixen varios anos e na que o mellor tempo que teño nesta proba é de 35:58 min. acadados no 2021. Percorrido rápido pero enganoso xa que a última parte é máis dura e pagas o esforzo da primeira parte onde é moi rápido.
O obxectivo sería:
- Xa descartado o podio no circuíto, tocará intentar mellorar o tempo que teño nesta proba (35:58 min.)
Cheguei ben de tempo e aínda puiden dar unha volta polo paseo de Barraña no cal íamos ir correndo despois. Tras recoller o dorsal e saudar a algún compañeiro de carreira que andaban por alí, xa me fun cambiar. O día estaba frío, de feito cando saín da casa o coche marcaba -2ºC pero xa en Boiro estábamos sobre 4ºC. Levaba térmica, luvas, manguitos e buff para a garganta, non quería pasar frío coma a semana anterior no Cross de Ribadavia. Unha vez cambiado xa me puxen a quecer. Quedaba pouco tempo polo que un pouco de trote e para a liña de saída. Non me puxen moi adiante porque sabía que non estaba para ir moi rápido e quería evitar saír a tope e logo sufrir na parte final da proba. Así case sen darme de conta arrancou a proba.
Arranquei con precaución xa que ao saír un pouco máis atrasado había máis aglomeración pero pasados uns metros cando xa se empeza a estirar todo o grupo de corredores, comecei a marcar un ritmo que a min me parecía tranquilo pero que non o era... estabamos correndo a 3:30 min/km pero fácil, o terreo é certo que axudaba pero non daba a sensación de estar indo a ese ritmo.
Cando cheguei ao Km 1, un pouco antes de entrar no paseo de Barraña, xa quitei as luvas porque levaba as mans quentes e tamén me sentía incómodo para poder gravar durante a proba. Entramos no paseo de Barraña e intento manter o ritmo pero en realidade eu non sabía que estaba indo rápido xa que por esa zona todos imos moi rápidos e non estaba mirando o reloxo. Durante o paseo de Barraña gaño moitos postos e cando saímos del sobre o Km 2,8 xa estaba máis ou menos no posto que debería porque xa me estaba custando chegar aos seguintes corredores.
Km 3 e comezamos a primeira subida, sempre custa un pouco esta subida porque che rompe o ritmo co que viñas dende o comezo da proba e as pernas teñen que adaptarse de novo. Estivemos subindo ata o Km 4,5 aprox. con algún falso chan polo medio para coller alento onde conseguín gañar algún posto pero xa sería dos últimos que ía ser capaz de conseguir.
A partir de aí volvemos ao terreo favorable pasando o punto de control no Km 5 e o avituallamento intermedio no Km 5,6 aprox. Xa entrabamos nunha segunda parte de carreira onde era un constante sube e baixa e onde pagas o esforzo da primeira parte polo que se saíches moi rápido agora tocaría sufrir.
Cando empecei a facer esta proba sempre me pasaba o mesmo e nesta parte petaba, posiblemente tampouco tiña o fondo que teño agora pero era chegar a esta zona e comezar a perder postos e a sufrir por chegar a meta. Agora como xa a coñezo, corro máis con cabeza e aínda que sigo sufrindo porque os ritmo son máis altos e sempre quero chegar o máis adiante posible xa non sufro como antes.
Desta vez perdín algún posto na longa recta con continuo sube e baixa pero sempre con tendencia a estar subindo ata que chegamos ao Km 8,6 aprox. onde nos atopamos unha forte baixada para dar comezo a subida máis dura desta carreira xa que é a que máis pendente ten e ademais esta na parte final da proba cando xa imos pedindo a hora. Comezaba no Km 9 e son uns 300 m. pero que duros se fan... Subín como puiden xa non estaba para esforzarme moito máis pero sabía que unha vez rematásemos esta subida xa era todo favorable ata meta. Perdín outro posto neste tramo e xa a deixarse levar ata meta, onde case recupero ese posto perdido pero xa non había moito máis nas pernas e houbo que conformarse.
- Posto xeral: 57º de 367
- Posto categoría: 15º
- Tempo: 37:09 min.
- Ritmo: 3:42 min/km.
O obxectivo non se conseguiu pero xa era o que contaba porque non estou adestrando moito e agora é o que hai. Antes da carreira contaba de andar sobre 37 min e ao final foi o que fixen se chego a querer facelo neste tempo non me saía... As sensación foron boas agás nos últimos km's que xa comezaba a notar a fatiga e a non ser capaz de aguantar o ritmo polo que toca meterlle km's nos adestramento para gañar un pouco de fondo.
Como dixen ao comezo esta era a última proba do circuíto Barbanza - Arousa na que finalmente acadei o 7º lugar empatado a puntos co 6º clasificado que sería o máximo ao que podía chegar xa que os que quedaron máis arriba xa están en outra liga.
En canto a carreira o esperado, moi boa organización, recollida de dorsais áxil, voluntarios nos cruces perigosos, avituallamento intermedio con auga, avituallamento final moi completo e incluso chocolate quente que hoxe si que prestaba polo frío que facía. Agasallo dunha camiseta técnica e duchas relativamente preto aínda que algo pasou neste punto porque parecía que non se informou no pavillón ou algo así porque ninguén sabía se eran alí as duchas como o foi sempre e houbo un pouco de descontrol neste sentido.
🏆 Clasificación xeral homes 🏆
- Amadeo Abal Chaves ... 31:41
- Denis Incutti Tellado ... 31:44
- Víctor Ramos Sambade ... 31:55
🏆 Clasificación xeral mulleres 🏆
- Rocio Alvite Ferreiro ... 38:40
- Ariana González Verde ... 38:50
- Silvia García Lorenzo ... 39:03
Pd.: Clasificación completa. Moitas grazas.
0 comments