Sin-Son 10K 2022
- decembro 18, 2022
- Por: IglesiasAmores
- 0 Comentarios
Tocou regresar a unha proba que me gusta moito facer, non sei o motivo pero a Sin-Son 10K ten algo especial. De feito esta é a miña 8ª participación nesta proba. O percorrido en liña con saída en Portosín e chegada en Porto do Son con un perfil de constantes subidas e baixadas. Como novidade este ano cando te inscribías dábanche a opción de correr un 5K gratis o día anterior que é cando organizan as carreiras de menores e fan a feira do corredor pero no meu caso cos 10K xa me chegaban.
O obxectivo sería:
- Intentar mellorar o tempo que teño nesta proba que é de 35:49 min. acadados no 2018.
O día anterior estiven dubidando se asistir a proba porque estaba algo arrefriado e non estaba ao 100% pero finalmente puxen rumbo a Porto do Son. Cheguei cedo, tanto que creo que fun no primeiro ou no segundo autobús que nos levaría ata Portosín onde estaba situada a saída. O tempo non estaba acompañando nada xa que estaba facendo moito aire. Estando parado había refachos que che facía perder o equilibrio polo que ía ser un gran inconveniente cando nos puxéramos a correr.
Chegada a hora pasamos polo gardarroupas para deixar a chaqueta e a poñerse a quecer para espantar o frío. Cando restaban 10 min. xa me quedei preto da saída para poder saír un pouco adiante xa que había moita xente e aínda que había caixóns de saída mellor quedar ben colocado para evitar tropezóns e así con un disparo ao aire deu comezo a proba.
Arranquei ben pero aos poucos metros empecei a perder moitos postos, pasábanme por todos lados seguramente me puxera demasiado adiante... pero pouco a pouco fun collendo ritmo e a comezar a remontar aínda que había zonas nas que non era fácil porque o vento penalizábame moito e case non me deixaba avanzar. Así foi durante todo o tramo por Portosín onde tiñamos que dar un volta pola zona do porto ata o Km 3 onde xa poñemos rumbo a Porto do Son pasando ao carón dunha praia que se fixo difícil porque o aire levantaba a area e era molesto.
Xa no Km 3,6 aprox. collemos a estrada xeral e comezamos o sube e baixa característico desta proba co gran inconveniente deste ano, o vento viña todo de cara e cando me pillaba un refacho practicamente me deixaba parado que foi o que me pasou nunha subida ao pasar o Km 4, refacho forte que me freou de todo e o grupo que viña por detrás adiantoume fácil mentres eu pelexaba co vento. Tiña que haber levado unhas pesas ou correr cunhas pedras para que non me levase o vento.
Esta foi a dinámica durante toda a carreira unha pelexa constante por intentar manter un ritmo competitivo e vencer o forte vento que estaba facendo. Así chego ao paso do control do Km 5 nun tempo de 19:40 min. que supoñían un ritmo de 3:56 min.
Continuamos subindo e baixando mentres pola cabeza xa ía pensando na longa subida que comezaba no Km 7 pero antes pasamos polo avituallamento intermedio que estaba situado no Km 6,1 aprox. no cal como é habitual non collín nada.
Foto: Kiko Agraso Dios |
Remata a subida Km 8 xa quedaba deixarse levar ata meta e con terreo favorable o ritmo foi moi bo e como ata ese momento fora máis tranquilo puiden ir rápido nestes dous últimos km's gañando máis postos e chegar así a meta onde xa me deixei levar sen importarme o resultado e o tempo porque non era día para mellorar.
O resultado final foi:
- Posto xeral: 95º de 1073
- Posto categoría: 33º
- Tempo: 38:49 min.
- Ritmo: 3:52 min/km
O obxectivo non o conseguín, quedándome a 3 min. do mellor tempo que teño nesta proba pero o día estaba imposible cos refachos de vento e se lle sumamos que non chegaba moi ben polo arrefriado pois creo que non me podo queixar do tempo e rendemento obtido.
En canto a carreira o esperado xa que non notei nada en falta, moi boa organización, autobuses de ida ou de volta, servizo de gardarroupas, voluntarios en todos os cruces cortando o tráfico, avituallamento intermedio con auga, avituallamento final completo con auga, froita, iogur de beber e barrita enerxética ademais de rosca e chocolate quente. Das duchas non podo falar porque non fixen uso delas pero supoño que estaban no mesmo sitio que sempre é están algo lonxe. Este ano tiñamos regalo sorpresa e antes de recoller o avituallamento final había un posto para a concienciación contra a violencia de xénero e estaban regalando sombreiros. Coa recollida de dorsais que podías recoller os días antes, na feira do corredor ou o propio día da carreira viña unha camiseta técnica nunha bolsa gymsack.
🏆 Resultado xeral homes 🏆
- El Mehdi El Nabaoui ... 31:48
- Reyes Estévez López ... 31:56
- Jorge Puig Malvar ... 32:05
🏆 Resultado xeral mulleres 🏆
- Joselyn D. Brea Abreu ... 34:55
- Edymar D. Brea Abreu ... 34:55
- Laura Santos Domínguez ... 35:20
0 comments