XXII Carreira Popular de Pontecesures

Primeira carreira do ano e nova aventura cun equipo novo xa que deixei de formar parte do Atletismo Arenteiro para incorporarme ao Club Deportivo Brión.
Desta vez tocou desprazarse ata Pontecesures onde se ía celebrar a proba solidaria XXII Carreira Popular de Pontecesures "Run for Them" onde todo o recadado ía destinado a Cáritas. A distancia sería de 4Km ou 8Km que no meu caso tocou a distancia longa. Xa teño feito esta proba noutras anos e a última vez que participei foi no 2020 na cal acadei o mellor tempo que teño nesta carreira.

Os obxectivos serían:
  • Intentar mellorar o tempo que teño nesta proba que é de 27:42 min. acadados no 2020.
  • Quedar no mellor posto posible para a clasificación por equipos.
Cheguei a Pontecesures con tempo de sobra, fun recoller o dorsal e xa me fun atopando cos novos compañeiros de equipo que moitos non coñezo. Regreso para cambiarme, aínda que moitas ganas non tiña xa que estaba unha mañá con néboa e bastante frío de feito cando xa estaba quentando tiña as mans vermellas do frío... pouco a pouco imos entrando en temperatura axudado tamén de que a néboa se ía dispersando e chegada a hora funme colocando na saída.

Aínda que o percorrido era o mesmo a saída estaba máis atrasada que nas outras edicións, era o único cambio que había. Coloqueime ben na zona de adiante pero dando marxe aos que ían facer a proba de 4Km para non engancharme a algún corredor que fora facer esa proba e despois sufrir na segunda volta. Así tras unha conta atrás deu comezo a proba.


Saín con moitos atrancos xa que o novo sitio da saída era máis estreito que o anterior e non había moito sitio para comezar a marcar o ritmo. Pasados os primeiro metros con precaución para non tropezar comezou a haber máis espazo e empecei a recuperar postos. 

Aos 600m cheguei a altura dun compañeiro onde fun falando con el uns metros xa que na última proba que coincidiramos acabara un pouco tocado e tras informarme do seu estado, continuamos a recuperación de postos. 


Km 1,2 e comezamos a subida que tiña esta proba de case 1Km ata o campo de fútbol. Subida dura na segunda metade xa que a primeira parte vaise subindo ben, logo ben un pequeno descanso para recuperar o alento e a última parte con moita maior inclinación para acabar de rompernos o ritmo. Nesta primeira volta fun subindo bastante ben coa mirada no seguinte corredor aínda que non sabía se estaba na proba de 4K ou na miña de 8K.

Rematada a subida tocou baixar, baixada forte ata a altura da vía do tren Km 2,5. Aí o terreo volvíase practicamente chan pero picaba un pouco cara abaixo polo que o ritmo seguía sendo moi rápido. Cambio de sentido cruzando a vía do tren e volvemos polo outro lado polo que agora o terreo picaba un pouco cara arriba pero se ías ben de pernas podías manter mais ou menos o ritmo.

Facemos outro cambio de sentido pasado o Km 3, xa só quedaba 1Km para rematar a primeira volta, estes últimos metros xa eran máis polo pobo e onde os veciños estaban nas xanelas animando. 
Km 3,4, último xiro para encarar a longa recta de meta onde cruzamos facendo a primeira volta nun tempo de 14:25 min que supoñía un ritmo de 3:42 min/km faltándolle uns metros para facer os 4Km.

A segunda volta case ía en solitario, había un corredor ao que estaba intentado alcanzar e por detrás si que viña un corredor pegado ao que parecía que lle estaba marcando o ritmo. 

Foto: Atletismo Sar
Na subida este corredor adiántame, tiven que apertar os dentes para que non se me escapase moito. Na baixada fun recuperando o terreo perdido e a altura da vía do tren consigo recuperar o posto e incluso adiantar tamén outro corredor. Agora tocaba manter ese posto porque por adiante xa non había máis que facer.

O último km fun tirando case a tope, reservando un pouco para a longa recta de meta e cando cheguei a ela xa fun tirando con todo o que tiña e mirando cada pouco para atrás para asegurar o posto e finalmente conseguino facendo esta segunda volta máis rápido nun tempo de 14:13 min.


O resultado final foi:
  • Posto xeral: 21º de 162.
  • Posto categoría: 10º
  • Tempo: 28:38 min.
  • Ritmo: 3:40 min/km
Obxectivos conseguidos a medias xa que non conseguín mellorar o tempo que tiña nesta proba quedándome a 56 seg. de conseguilo pero en cambio si que puiden aportar para que o equipo conseguise ser 3º. Así que comezamos con bo pé a andadura no CD Brión con un podio e pola miña parte toca ir collendo máis ritmo de cara a obxectivos futuros.

Foto: Concello de Pontecesures
En canto a carreira, recollida de dorsais áxil, voluntarios nos cruces pechando o tráfico, avituallamento final con auga e barrita enerxética, duchas en dous puntos aínda que non fixen uso delas, agasallo dunha camiseta técnica e o máis importante que é solidaria xa que todo o recadado era para Cáritas. A mellorar aínda que eu non acostumo a facer uso del non había avituallamento intermedio, na entrega de premios parece que non se poñían de acordo coas categorías, a ubicación da saída máis estreita que na última edición que participei case que prefería o outro sitio e o avituallamento final cambialo de sitio porque eu nin o vin cando acabei, sei o que había porque preguntei por el e o vin despois.


🏆 Clasificación xeral homes 🏆
  1. Manuel Piñeiro Fiel ... 26:00
  2. Alberto García Gaciño ... 26:03
  3. Juan C. Mosquera Dopazo ... 26:15
🏆 Clasificación xeral mulleres 🏆
  1. Elena Veres Ojea ... 32:07
  2. Mar Arzua ... 32:30
  3. Marga Villaverde Rosales ... 32:37
Pd.: Clasificación completa. Fotos cortesía de: Atletismo Sar e Concello de Pontecesures. Moitas grazas.

Tamén che pode gustar:

0 comments