VIII Carreira Popular Concello de Rianxo

Tras correr dous días antes na Pedestre de Santiago, tocou participar na terceira proba do Circuíto Barbanza Arousa que nesta ocasión sería a Carreira Popular Concello de Rianxo. Sobre unha distancia de 10Km nun percorrido de tres voltas.

O obxectivo sería:
  • Intentar mellorar o mellor tempo que teño nesta proba que é de 35:55 min acadados no 2018.
Cheguei moi cedo a Rianxo coa idea de gravar un pouco os sitios que vira máis emblemáticos para o vídeo de Youtube. Cando chegou o momento de cambiarse volvín para o coche, cambieime e sen saber porque, cerrei o maleteiro e as chaves dentro co coche pechado... Por sorte xa tiña o dorsal e tamén tiña a cámara fora polo que puiden correr e gravar a proba. Uns minutos antes falara con un compañeiro que fun buscar para que me deixara o teléfono para chamar a meus pais para que me viñeran traer a chave de reposto. Tras esta "aventura" xa me puxen a quecer dando unha volta ao percorrido que tiñamos que facer e xa a quedar preto da saída mentres acababan de chegar a meta os rapaces que estaban en carreira.

Foto: Concello de Rianxo
Coloqueime bastante adiante xa que a saída aí é algo complicada pola cantidade de xente que corre e porque a rúa polo que imos non é moi ancha. Así tras o pistoletazo de saída, arrancou a proba.

Comecei con calma e precaución para non tropezar con ningún corredor pero pasados os primeiros 100m cando xa nos empezamos a estirar, empecei a gañar postos e a marcar un ritmo un pouco máis forte. Non sabía como ían responder as pernas despois da pedestre pero as sensacións estaban sendo boas. Durante a primeira volta fun gañando bastantes postos e facendo un tempo de 12:17 min.

Foto: Concello de Rianxo
Na segunda volta ao ver que as sensacións estaban sendo boas, intentei apertar un pouco máis o que provocou que seguise gañando algunha posición e rematara esta terceira volta nun tempo de 12:13 min. un pouquiño máis rápido.

A terceira volta xa din todo o que me quedaba só gañei un par de postos pero xa estaba en posicións que era máis complicado achegarse ao seguinte corredor. Aínda así un pouco antes de entrar no casco de Rianxo comecei a apertar ao máximo o que fixo que ese último km o fixera en 3:30 min/km e rematando esta terceira e última volta no mesmo tempo que a segunda.

Foto: Concello de Rianxo
O resultado final foi:
  • Posto xeral: 36º de 306.
  • Posto categoría: 9º
  • Tempo: 36:42 min.
  • Ritmo: 3:40 min/km
O obxectivo non se conseguiu e quedeime a 47 seg. do tempo a mellorar pero non está nada mal sabendo que dous días antes estaba competindo na Pedestre de Santiago. Ademais fixen unha carreira de menos a máis facendo o último km case a 3:30 min/km. 

En canto a carreira ben, voluntarios nalgún cruce, avituallamento intermedio con auga, avituallamento final moi completo ata chocolate quente nos deron, só faltaban os churros... servizo de gardarroupas, duchas ao carón da meta, aparcadoiro exclusivo para os corredores e camiseta técnica de agasallo.


🏆 Clasificación xeral homes 🏆
  1. Pablo Otero Fariña ... 31:44
  2. Hugo García Souto ... 31:53
  3. Rubén Diz Díaz ... 32:11
🏆 Clasificación xeral mulleres 🏆
  1. Sandra Mosquera Losada ... 37:13
  2. Silvia García Lorenzo ... 39:04
  3. Rocio Alvite Ferreiro ... 39:20
Pd.: Clasificación completa. Fotos cortesía de: Concello de Rianxo. Moitas grazas.

Tamén che pode gustar:

0 comments