IX CorreSan - Nocturna Cidade Vella
- novembro 05, 2022
- Por: IglesiasAmores
- 0 Comentarios
Volvía ao calendario o circuíto de carreiras de Santiago, o CorreSan xa na súa 9ª edición. Para a primeira proba tocou desprazarse a Praza do Obradoiro onde estaba a saída e a meta da Carreira Nocturna Cidade Vella sobre unha distancia de 5,5 Km en un percorrido de 2 voltas.
O obxectivo sería:
- Intentar quedar o mellor posible para ver que opcións hai para a clasificación do circuíto.
Cheguei cedo para buscar un bo sitio onde aparcar e despois de dar un par de voltas tiven sorte e aparquei xusto ao lado de onde estaban as duchas. Despois fun ata o Obradoiro para ver se había gardarroupas xa que a noite estaba fresca e había que abrigarse ao rematar a proba pero non había. Volvín ao coche cambiarme e xa a poñerse a quecer. Chegado o momento coloqueime na saída bastante adiante pero nesta proba é mellor saír adiante porque polas estreitas rúas de Santiago que hai o comezo e coa cantidade de corredores que había, sempre é complicado poder avanzar nos primeiros metros. Así tras o pistoletazo deu comezo a proba.
Arranquei mal, perdendo bastantes postos pero preferín ir con precaución para non acabar no chan. Pasados os primeiros metros cando comezamos a subir xa se empeza a atopar máis espazos polo que comecei a marcar o meu ritmo. Non me estaba sentindo moi cómodo e así é como o primeiro km, intentando recuperar postos me saíu a 3:51 min/km lonxe do meu ritmo habitual pero é un dos problemas desta proba. Moita xente, rúas estreitas e de noite que fai que te teñas que fixar máis onde pisas.
Pasado o primeiro km pouco a pouco fun recuperando postos e o ritmo comezaba a ser mellor pero seguía sen sentirme ben. Era unha sensación como se estivese indo ao máximo pero cando miraba o ritmo non era o que tiña que ser. Así foron pasando os Km's e pola Alameda aínda había ir con máis precaución porque había menos luz e o terreo non era que fose moi bo para fiarte. Saímos da Alameda e xa con rumbo a meta polo casco vello para rematar a primeira volta nun tempo de 10:16 min.
A segunda volta foi máis do mesmo, recuperando postos e tirando con todo o que tiña que non era moito, as pernas non querían ir... Así remato a segunda das voltas nun tempo de 10:18 min. dous segundos máis que na primeira volta polo que parece que fun a un rirmo controlado pero a verdade é que era o que había.
O resultado final foi:
- Posto xeral: 40º de 567.
- Posto categoría: 12º.
- Tempo: 20:34 min.
- Ritmo: 3:44 min/km.
O obxectivo por sensacións e como foi a proba creo que non foi conseguido xa que non me sentín nada ben durante toda a proba. Mellorei o tempo que tiña nesta proba pero é que o tempo que tiña fora acompañando a un amigo e era fácil melloralo. Haberá que esperar a clasificación do circuíto para ver que opcións hai pero vai estar complicado. Seguramente esta sexa a proba que non me conte para a clasificación xa que só contan os 3 mellores resultados das 4 proba que hai a non ser que non poida asistir a algunha das que queda.
En canto a carreira máis ou menos. O positivo é a localización, duchas relativamente preto e gran cantidade de xente que nos anima, sobre todo polo zona vella pero houbo moitos puntos que hai que corrixir. O avituallamento final só chegou para os primeiros corredores, máis da metade quedaron sen el. Non había servizo de gardarroupas que nunha proba nocturna no mes de novembro creo que xa fai falta para poder abrigarse ao rematar e ir as duchas. Había un obstáculo que non estaba marcado e que nin ninguén avisaba do perigo que a min persoalmente non me influíu porque o vin non sei como porque ía gravando antes de cruzar cara a Alameda pero escoitei que houbo corredores que tropezaron e caeron. A recollida de dorsais había que ir a un centro comercial por el e dixeron que non os daban na zona da saída e finalmente si que deron algún. O agasallo era unha camiseta técnica negra, cando saímos a adestrar temos que facernos ver non ir camuflados que despois ven tráfico e múltanos por non levar chaleco reflectante...
🏆 Clasificación xeral homes 🏆
- Antón Gómez González ... 17:56
- Pedro Liste Monteagudo ... 18:02
- Amador Pena Torreira ... 18:18
🏆 Clasificación xeral mulleres 🏆
- Tina Fernández Barreiros ... 20:38
- Carol Santos Villalón ... 21:04
- Ainoa Gontán Iglesias ... 21:11
Pd.: Clasificación completa. Fotos cortesía de: Fernanda Rivera (PabloRiosEventos). Moitas grazas.
0 comments