XLV Carreira do San Martiño
- novembro 20, 2022
- Por: IglesiasAmores
- 0 Comentarios
Regreso tras un parón por catarro que me impediu asistir a Carreira Popular de Negreira e aínda sen estar ao 100% tocou desprazarse ata Ourense onde se celebraba a Carreira do San Martiño proba sobre 10Km e distancia homologada onde teño o mellor tempo nesta distancia acadado no 2018.
O obxectivo sería:
- Intentar mellorar o tempo que teño nesta distancia que é de 35:50 min acadados no 2018.
Quería chegar con tempo a Ourense pero ao final foi todo bastante xusto. Cheguei din unha volta para ver o ambiente e xa volvín para cambiarme e poñerme a quecer. O dorsal xa o recollera nos días previos porque nesta carreira non se entregan no mesmo día. Mentres estou quecendo vou saudando a moitos compañeiros de carreiras que tamén ían disputar a proba e cando restan 15 min. para o comezo da proba xa somos chamados para os caixóns de saída nos cales non había control ningún só para o primeiro caixón, o resto podíase poñer onde quixese...
Coma sempre que fixen esta proba quedei colocado no lado esquerdo da ponte, todos van para o dereito porque é máis recto e supoño que algún metro menos se fai pero así evito aglomeracións e practicamente quedo situado debaixo do arco de saída e tras un pistoletazo arrancou a proba.
Arranquei ben e rápido comezo a gañar postos, tanto que case quedo primeiro do lado esquerdo da ponte, unha sensación rara pero polo outro lado había unha morea de corredores polo que xa vía máis ou menos por onde estaba. Rematado o paso pola ponte e tras pasar a rotonda que hai, xa nos agrupamos todos e a subir cara a estación de tren. Custoume subir, igual aínda estaba frío xa que todo o quecemento foise tras estar 15 min. esperando a que deran a saída.
Tras a subida ata a estación tramo favorable ata rematar de cruzar a ponte romana onde comezamos outra subida con menos inclinación pero que se fai moi longa. O positivo é que nesta zona sempre hai unha gran cantidade de xente animando e súbese mellor. Rematamos sobre o Km 2,5 e empezaba outra zona favorable onde comecei a tirar máis forte para ver con que tempo ía chegar ao Km 5 e así saber se ía haber opción a mellorar o tempo pero a partir do Km 4 acabouse todo o que tiña, como se notan as dúas semanas sen adestrar polo catarro... Xa non tiña máis forzas e non notaba que a respiración fose tan fluída coma sempre. Así cheguei ao Km 5 onde estaba o punto de control facendo un tempo de 18:30 min. polo que de conseguir facer o mesmo tempo nos derradeiros Km's ía irme a uns 37 min aprox. e como xa estaba indo a menos, dinme de conta que non ía haber opcións.
Sabendo que xa ía estar practicamente complicado decidín non forzar máis da conta e intentar manter o ritmo ata o final, isto fixo que comezase a perder uns cuantos postos. Tras pasar a Praza Maior o ambiente era espectacular non recordaba en ningunha das outras edicións a tanta xente animando. Eu xa ía en modo "paseo" en ritmos de 3:45/3:50 min/km e así fun ata a chegada a meta onde outra vez o ambiente era espectacular.
- Posto xeral: 118º de 2585
- Posto categoría: 43º
- Tempo: 37:26 min.
- Ritmo: 3:44 min/km
O obxectivo non se cumpriu quedándome a 1:36 min do obxectivo. Como se notou o tempo sen adestrar e que aínda non estou recuperado ao 100% pero había que intentalo xa que era a última oportunidade deste ano a mellorar o tempo nesta distancia. Agora tocará seguir adestrando para recuperar o perdido e chegar o mellor posible ao próximo intento que se todo vai ben seguramente sexa dentro de tres meses.
En canto a carreira bastante ben, o circuíto estaba cortado moi ben, avituallamento intermedio no Km 5, o avituallamento final moi completo pero sen sólido, gustoume o cambio de localizacións do avituallamento final non sei se o último ano xa fora así pero que sexa recto en vez de meterse cara o pavillón creo que está moito mellor e evita aglomeracións. Servizo de gardarroupas e duchas ao carón da meta. Agasallo dunha camiseta técnica.
Hai dous puntos que non me acaban de convencer, un é o tema da entrega de dorsais que non se pode realizar o propio día da proba e no momento da inscrición tes que decidir se o vas recoller en Ourense os días previos, recollelo nun establecemento de Decathlon pagando un extra ou que cho envíen a casa pagando moito máis. Creo que non custa nada poder recollelos o día da carreira que por exemplo na pedestre de Santiago si que se podía recoller o mesmo día. O outro punto é o tema dos caixóns de saída, estou a favor de que se poñan porque cando se dá a saída xa arrancas a ritmo e non hai que ir sorteando corredores pero si se respectan. Só había unha liña de persoas delimitando o caixón 1 do resto onde te podías poñer onde quixeses creo que se debería poñer algún tipo de control para que se salga onde se ten que saír ou eliminar os caixóns porque non ten sentido.
🏆 Clasificación xeral homes 🏆
- Nuno Filipe Costa ... 30:19
- Jorge Puig Malvar ... 30:32
- Esteban Iglesia Vila ... 30:33
🏆 Clasificación xeral mulleres 🏆
- Joselyn Brea Abreu ... 33:25
- Alice Finot ... 34:19
- María Cedrón ... 36:25
Pd.: Clasificación completa. Fotos cortesía de: Tito Picouto. Moitas grazas.
0 comments