XLIII Carreira Pedestre de Santiago

Despois dunhas malas sensacións no Campionato Galego de 10K, tocou regresar a unha das probas máis míticas de Galicia, a Carreira Pedestre de Santiago. O percorrido serían 12Km nun trazado algo esixente sobre todo na última parte cando nos temos que enfrontar a subida de Vite a falta de 3Km.

O obxectivo sería:
  • Intentar mellorar o tempo que teño nesta proba que é de 44:24 min. acadados no 2019.
Coa idea de ir facer uns planos da Catedral e do ambiente previo da carreira fun cedo, ou iso era o que pensaba... Cando ía camiño da Catedral atopeime cuns compañeiros que ía cara o gardarroupas, eu xa vía que os corredores estaban comezando a quecer e xa cambiados algo que me estrañaba pola hora que era. E falando cos compañeiros resulta que eu andaba enganado e a carreira non era as 11h como tiña na cabeza que era as 10h. Esquézome de gravar a Catedral e volvo correndo para o coche a cambiarme e poñerme a quecer porque xa ía xusto de tempo. Aínda por enriba tiña o dorsal dun compañeiro de equipo e andaba todo moi xusto por sorte deume tempo a facer todo menos a gravación previa pero cheguei a saída que era o importante.

Tras un quecemento express, vou para o caixón que me tocaba, o número 1 e así sen avisar de que ían dar a saída arrancou a proba.


Arranquei sen boas sensacións imaxino que sería por comezar case en frío xa que non quentei todo o que me gustaría e notei as pernas un pouco pesadas durante a subida de Xoán XXIII incluso rematada a subida pola rúa de San Caetano non acababa de atoparme cómodo. Todo foi cambiando a partir dese primeiro km xa con terreo máis favorable pouco a pouco ía indo máis rápido e gañando postos que perdera na saída.


Xa polo Km 4, chegando a Praza de Galicia, axudado por un compañeiro de equipo consigo alcanzar a un grupo que levaba por adiante. Este grupo ía moi rápido tanto que me puxen na cola e ía a remolque intentando manterme nel. De feito dende o Km 1 que case me vou a un ritmo de 4:00 min/km a partir de aí comecei a rodar a ritmos por debaixo de 3:30 min/km así é como os primeiros 5Km fago un tempo de 17:45 min. que só sería 12 seg. máis lento que a miña mellor marca nesa distancia.


A partir de Km 5 a cousa xa se volvía máis dura, comezamos a subida ata o zona do Campus, despois mentres imos polo Campus tíñamos unha zona para recuperar e afrontamos outras subida cara a Alameda, forte baixada e xa íamos pola Rúa de Galeras onde estaba o avituallamento intermedio Km 7,6 aprox.

Foto: Suso (Atletismo Sar)

Dende o Km 8 xa comezabamos a subir, esta é unha subida non moi dura pero si longa onde a túa cabeza non esta nesta subida senón que xa vas pensando en que un km máis adiante comeza a subida de Vite e non sabes se apertar un pouco aquí ou reservarte para Vite. Como seguía metido no grupo con outros corredores intentaba aguantar o ritmo sen forzar máis da conta.


Xusto antes de comezar Vite había unha pequena recta chan onde se podía recuperar un pouco o alento para afrontar a subida. Comecei a subida de Vite con ganas e de momento ía bastante ben mantendo a distancia cos corredores que levaba por adiante e así foron pasando os metros sen que me adiantase ninguén polo que creo que subín bastante ben.


Rematada a subida de Vite, km 9,9 aprox., xa todo o que quedaba era moi favorable pero había que esperar un pouco a apertar porque levaba as pernas como pedras despois da subida. Tras uns metros para recuperar un pouco as pernas e o alento, comezamos a apertar de novo xa sen descanso pola zona vella, axudado polo gran número de espectadores que había. Por sorte o chan estaba practicamente seco e non había problemas nos xiros a falta de 500m perdo un par de postos pero eu xa ía dando todo o que me quedaba nas pernas. 

Foto: RunPhotos Galicia
Incluso na recta de meta perdo outro posto pero non estaba eu para poñerme a sprintar... e así cruzo a liña de meta sorprendido co tempo e satisfeito de como foi a carreira.

O resultado final foi:
  • Posto xeral: 82º de 1762.
  • Posto categoría: 27º.
  • Tempo: 44:39 min.
  • Ritmo: 3:43 min/km.
O obxectivo non se conseguiu pero quedeime moi preto, a 15 seg de mellorar. Sinceramente pensei que me ía saír peor tempo e ao final case o consigo. As sensación foron moi boas agás nos primeiro km's que non conseguía atoparme cómodo despois pouco a pouco fun mellorando ata acadar este resultado.

En canto a carreira ben había voluntarios nos cruces e sobre todo na zona vella controlando aos peóns para que non se cruzasen mentres estabamos correndo, avituallamento intermedio con auga e avituallamento final con auga, froita e isotónico, servizo de gardarroupas, dous sitios onde ducharse, medalla finisher e agasallo dunha camiseta de algodón coa recollida de dorsal.


🏆 Clasificación xeral homes 🏆
  1. Pablo Otero Fariña ... 36:59
  2. Anxo Castro Varela ... 37:02
  3. Esteban Iglesia Vila ... 37:13
🏆 Clasificación xeral mulleres 🏆
  1. Joselyn D. Brea Abreu ... 40:54
  2. Edymar Brea Abreu ... 41:03
  3. Laura Santos Domínguez ... 41:10
Pd.: Clasificación completa. Fotos cortesía de: Suso (Atletismo Sar) e RunPhotos Galicia. Moitas grazas.

Tamén che pode gustar:

0 comments