XIII Carreira Popular Concello de Padrón

Hoxe despraceime ata Padrón onde se celebraba a XIII Carreira Popular Concello de Padrón10k. Tras estar xa case recuperado da gripe e dos xemelgos todo apuntaba a que era unha boa tarde para bater a MMP nos 10 km xa que a carreira estaba homologada. A miña marca é de 38:25 aínda que xa teño feito marcas por debaixo, están sen homologar o obxectivo que quería superar era facela por debaixo dos 36 minutos.
Día de calor en Padrón que despois de tantas carreiras con chuvia ou temperaturas suaves xa se agradecía. Tras realizar o quecemento e colocarme no meu caixón, deuse a saída. Todo ía ben, no km 1 creo que ía con un ritmo cómodo, intentando buscar sitios para pasar a corredores e coller o ritmo para bater a marca. A partir do km 2 xa levaba ritmo para conseguir a marca e sentíame ben, sen molestias nos xemelgos nin sóleos polo que xa estaba recuperado da sobrecarga da semana anterior.
Todo foi ben ata que no km 4,5 empecei a sentir molestias no abdome e xa empecei a pensar que me ía pasar como a semana pasaba en Xinzo de Limia e darme flato. Efectivamente, tras ver o tempo polo paso da primeira volta 18:46 (para un tempo de 37 e medio aprox.) e aguantar as aparencias diante do público asistente na zona de meta, vinme abaixo e tiven que baixar o ritmo moito para intentar que o flato desaparecera.
Mentres presionaba e me daba “masaxes” na zona, vía como o globo de sub-38 me adiantaba e moitos corredores máis, algún animándome e ofrecéndome auga pero a dor non pasaba e incluso me pasou o globo de sub-42 polo que unha vez que me pasou este globo, xa din a carreira por perdida e o meu obxectivo era recuperarme canto antes e facer un tempo aceptable aínda que pola miña cabeza pasaba sempre a opción de retirarme. 
Tras 3,5 km con un ritmo moi baixo practicamente andando parecía que a dor estaba a desaparecer e empecei a subir o ritmo os pouco pero as molestias seguían aí, polo que decidín aguantar un ritmo algo máis elevado mentres exercía forza na zona afectada para intentar que non me doera moito. Isto fixo que puidera adiantar a algún atleta e cando quedaban 500 metros para a meta xa non tiña dor e fíxenos practicamente a sprint para acabar ben, esta última volta levoume 22:59, 4 minutos máis que na primeira volta. 
O final posto 205 de 632 e 50 da miña categoría con un tempo de 41:49 moi lonxe das miñas marcas e un ritmo de 4:10 min/km. Moi decepcionado co meu resultado e rendemento aínda así mellorei en 30 segundo a miña marca nesta carreira do ano pasado que tamén chegaba tras unha lesión de xeonllo e foi para coller confianza.

Resumindo que o meu estado despois das semanas que tiven gripe deixáronme moi tocado e puido influír tamén a calor que fixo polo que esta semana vai tocar adestrar duramente para intentar facer MMP o domingo no Porriño. En canto a carreira o asfalto con moitos baches, zona de badéns e unha zona de adoquines que non é moi idónea para correr e facer marca e o avituallamento final moi lento polo resto sen ningún problema.

Tamén che pode gustar:

0 comments