XII Carreira Virxe da Guía

Desta vez tocou desprazarse ata Carreira (Ribeira) onde se disputaba a XII Carreira Popular Virxe da Guía con un circuíto de 10 km.
O obxectivo na carreira sería en principio desfrutar xa que esta é a segunda carreira do finde e as pernas están algo cansas pero unha vez que me poña as zapatillas e me cambio xa non hai dor nin cansancio e sempre se intenta dar o mellor polo que como sempre intentarase subir ao podio que ultimamente non me baixo del e a ver se podo seguir coa racha.
Día de calor que se facía agradable para correr e para que o público animase aínda durante o transcurso da proba fixo bastante aire.
Unha vez chegados alí, cambieime, púxenme a quentar e a saudar a coñecidos e corredores que coma min hoxe estaban a dobrar carreira neste finde. Tras colocarnos na saída, comezou a carreira, coloqueime bastante adiante para saír ben e non ter que forzar moito para gañar posicións xa que polo que me dixeran era un percorrido bastante duro. Os dous primeiros km fíxenos máis tranquilo para que as pernas se foran quentando ben, a partir de aí empecei a apertar e a gañar posicións, sobre todo nas costas que parece que é o meu punto forte e máis se mentres estamos a subir nos teñen escritas palabras para que continuemos apertando como cando soben os portos de montaña os ciclistas, moi bo detalle ese. 
Antes do paso polo avituallamento adianteille ao corredor que onte na carreira das letras de Santiago quedou de terceiro, isto motivoume bastante polo que seguín apertando a ver se daba collido ao seguinte corredor pero as pernas empezaron a fallar e sumando o vento que viña todo de fronte facíame máis complicada a progresión polo que nos dous últimos km me adiantaron dous corredores e porque o seguinte viña moito máis atrás senón seguro que me pasaban máis, cheguei nas últimas pero cheguei.
O final posto 10º de 110 e 2º da categoría, novo podio para seguir coa racha pero sabendo que podía dar máis se non fora competir onte na Carreira das Letras así que moi contento con este resultado nunha carreira moi dura, con un tempo de 38:09 o que equivale a un ritmo de 3:49, conseguindo os obxectivos marcados para esta carreira sobre todo o de desfrutar xa que me encanta correr con vistas ao mar.
Polo visto cada ano nesta carreira se lle fai unha homenaxe a alguén este ano durante a entrega de premios fíxose unha homenaxe a Matías Regueira Boo pola súa traxectoria deportiva.
Resumindo é unha carreira moi dura con constantes subidas e baixadas fortes pero que está moi ben organizada, un trato ao corredor excelente, moi bo avituallamento final con bocadillos de nocilla e un circuíto bonito con vistas ao mar. Seguramente volva participar nesta carreira e intentar mellorar o resultado.

Tamén che pode gustar:

0 comments