VI Memorial Manuel Bergueiro

Despois de intentar buscar mellorar a miña mellor marca persoal nos 10 km en Riveira, hoxe tocou desprazarse ata A Estrada para disputar a VI Memorial Manuel Bergueiro sobre unha distancia de 9,6 km e sobre un circuíto ao que teríamos que dar 3 voltas. Os obxectivos serán ver como me quedaron as pernas despois da carreira de onte e segundo me vaia atopando, ir incrementando o ritmo para intentar mellorar o tempo do ano pasado (34:16 min) e seguir sumando km's para o Campionato de Media Maratón de Pontevedra que se celebra para a semana. 
Unha vez cheguei A Estrada fun polo dorsal, cambieime e xa me puxen a quecer xa que cheguei co tempo xusto. Cando estaba a quecer, fun falando con compañeiros de equipos e amigos das carreiras, mentres comprobaba como estaban as pernas. Unha vez fomos chamados para saír coloqueime na zona media, xa que decidín facer unha carreira de menos a máis sempre que as pernas foran respondendo. 
Tras darse a saída salgo con precaución, xa que ao saír no medio, había moita xente coa que poder tropezar e unha vez se vai estirando o grupo comezo a marcar un ritmo constante pero non moi rápido para que as pernas comecen a traballar pouco a pouco. 


Durante a primeira volta gaño moitas posicións e marco un tempo de 11:43 minutos que equivale a un ritmo de 3:40 min/km, facendo a 31º mellor primeira volta de todos os participantes, bastante ben para saír no medio e ir controlando o ritmo para que as pernas se foran adaptando. 


Decido seguir co mesmo ritmo, xa que seguía gañando posicións ademais as pernas ían ben, sen cansancio da carreira de onte. Na parte final desta segunda volta xa me estaba custando chegar aos corredores que levaba por diante pero sen forzar xa que quería facer a última volta o máis rápido que puidese. 
Esta segunda volta fágoa nun tempo de 11:46 minutos que equivale un ritmo de 3:41 min/km, facendo a 20º mellor segunda volta e fixen 3 segundos máis que na primeira volta a pesar de que me daba a sensación de que a estaba a facer un pouco máis rápido. 


Agora tocaba dar a última volta e tanto de pernas como de sensación me atopaba bastante ben. Tras comezar a volta empezo a tirar moi forte e vexo que a uns 200/300 metros se atopa un compañeiro de equipo, polo que o poño como obxectivo e intento collelo e así tirar forte ata chegar onde el. 


Había momentos nos que me atopaba a 100 metros del pero non acabada de chegar a onde el. Sigo gañando algunha posición e na última recta incremento máis o ritmo para darlle caza pero que finalmente non dou chegado. Esta última volta douna en 11:27 minutos que supón un ritmo de 3:35 min/km a 16º mellor volta, facendo 21 segundos menos que a anterior volta e acabando con moi boas sensacións. 


O final chego na posición 21º de 138 e 8º da categoría con un tempo de 34:55 minutos que equivale a un ritmo de 3:38 min/km. Os obxectivos, a pesar de non lograr mellorar o tempo do ano pasado, quedándome a 39 segundos pero quedei moi contento co resultado e sobre todo coas sensacións que fun tendo na carreira e acabando con unha última volta moi boa. 
En canto a carreira moi ben organizada, ao pasar polo centro do pobo e había bastante xente animando para ser a hora que era.

Clasificación xeral homes:
  1. Gonzalo Basconcelo ............... 30:05
  2. Akka Essaadaoui .................... 30:34
  3. Cristian Diaz .......................... 30:47
Clasificación xeral mulleres:
  1. Ana María Ocampo ................. 38:18
  2. Agueda Blanco ........................ 38:52
  3. Isabel Saez .............................. 40:15
PD: Fotos cortesía de Jorge Carreira e RunPhotos Galicia. Grazas!!

Tamén che pode gustar:

0 comments