V CorreSan - Monte Pedroso

Tocaba disputar a terceira e penúltima proba do circuíto CorreSan e para iso tivemos que desprazarme ata o Monte Pedroso, alí tiñamos que disputar a carreira que serían 4,5 km de subida constante. Este ano a carreira será máis dura comparada cos anos anteriores xa que saímos dende máis abaixo e todos xuntos, perdendo a modalidade de cronoescalada que ata agora así se fixera. 
Os obxectivos será quedar o mellor posible de cara a clasificación do circuíto e intentar saír forte dende o comezo para comparar se me equivoquei de estratexia a semana pasada na Carreira de Gundián xa que as dúas carreiras son de fortes subidas e de distancias similares. 
Cheguei xusto de tempo, trotei un pouco para non saír en frío e xa me coloquei na saída. Unha vez que arrancamos, comezo a gañar moitos postos a pesar de non saír como tiña pensado xa que todos saímos tranquilos e por iso estaba a gañar tantos postos no comezo da proba, ata chegar case a zona de cabeza onde decidín afrouxar un pouco e manter ritmo porque se a xente de cabeza ía tranquila por algo será. 



Tras a primeira subida tocaba facer un circuíto pola Granxa do Xesto, no que subiamos e baixabamos pero sobretodo subiamos, era a única zona onde nos podíamos tomar un respiro pero no meu caso foi onde comecei a tirar de novo e a gañar posicións. 
Unha vez rematada a zona da Granxa do Xesto tocaba outra vez asfalto para seguir subindo sen descanso ata as antenas onde estaba situada a meta. Esta última parte é a máis dura porque segundo vas avanzando a inclinación da subida tamén e se gastaches moitas forzas ao comezo pódelo pasar mal e perder tempo e posicións. Eu mantiven un ritmo forte pero constante cousa, que fixo que gañara algunha posición máis. A falta de 500 m mira cara atrás e vexo que me viñan recortando polo que cando noto que xa están cerca miña fago un sprint en subida que fai que gañe unha posición máis e que non me consigan adiantar.



O final acadei o posto 18° de 244 e 6° da categoría con un tempo de 20:08 que equivale a un ritmo de 4:28 min/km. Os obxectivos cumpridos xa que aínda que non saín tan forte como esperaba, foi mellor así controlando un pouco para despois poder tirar máis forte e acabar sprintando. En canto a posición moi ben recortando puntos pero polas contas que teño feitas teño practicamente imposible chegar ao podio xa que debo ir 6 e teño ao terceiro clasificado a 31 puntos, a falta dunha carreira é imposible a non ser que os que levo por diante na clasificación non corran a última proba e eu quede dos primeiros, cousa que dubido e outro dos inconvenientes é que a última proba cadra un día antes da media maratón de Pontevedra que este ano é Campionato Galego e hai que ir rebaixar a marca que teño. 



En canto a carreira gustoume saír dende máis abaixo e incrementar a dureza aínda que volvería a cronoescalada xa que facía que fora unha proba única e así é unha carreira máis. A organización moi ben pero botei de menos algo sólido no avituallamento en meta.


Clasificación xeral homes:
  1. Cristian Muíño Varela ............................ 17:57
  2. Richard Daniel Oliva Denis ................... 18:12
  3. Miguel Penedo Taboada ......................... 18:22
Clasificación xeral mulleres:
  1. Aurea Retamal Muñíz ........................... 23:09
  2. Lara Buig Fernández ............................. 23:37
  3. María Tarrio Martínez ........................... 24:00
PD: Fotos cortesía de La Voz de Galicia. Grazas!!

Tamén che pode gustar:

0 comments