XXXVII Carreira da Pascua

Despois de un mes sen competir e pasando varias veces polo fisioterapeuta, hoxe volvo a competición para axudar ao equipo na clasificación por equipos da XXXVII Carreira Popular da Pascua de Padrón, sobre unha distancia de 13,3 km e que contaba coa participación de Reyes Estévez. 
Os obxectivo serían quedar o máis adiante posible para sumar menos puntos na clasificación por equipos, ver como respondía despois da tendinites da pata de ganso e intentar desfrutar o máximo na volta as carreiras, que xa botaba moito de menos. 
Unha vez cheguei a Padrón fun recoller o dorsal e ver as carreiras das categorías inferiores mentres chegaba a hora para cambiarse e poñerse a quecer. Unha vez que me cambiei tocaba quecer un pouco antes de poñerse a correr en serio, desta vez durante todo o quecemento fun cun compañeiro do Atletismo +9 Moraña, foi un quecemento entretido botando uns contos. No momento do quecemento comezou a chover e que non pararía ata rematar a carreira (nin que o fixeran adrede).
Na saída coloqueime máis adiante do que debería xa que non sabía como ía aguantar despois de un mes parado, tras o pistoletazo de saída deu comezo a carreira e como se ve na foto Reyes Estevéz saíu rápido (camiseta laranxa).


Os primeiros metros polas calles empedradas de Padrón, máis que calles parecían ríos xa que estaba caendo unha boa... intentei evitar mollar moito os pes pero foi imposible e tras un km de carreira xa me daba igual os charcos que pisaba. Neste 1º km deume a sensación de perder bastantes posicións pero non me preocupou moito xa que a carreira ía ser longa e o meu obxectivo era ver como respondía despois da lesión. 


Tras ir a un ritmo constante comezaba a gañar posicións, ía cómodo co ritmo e seguín así ata o km 3 aprox. onde chegou un compañeiro de Silleda que me dixo que intentara ir con el. Tiven que subir un pouco o ritmo pero ía aguantando ben e sen apenas molestias, ademais xa estaba gañando moitas posicións que perdera na saída.


Fun co compañeiro ata a metade da carreira aprox. xa que el despois apertou un pouco máis para chegar a un grupo numeroso que ía diante pero a min xa me estaba chegando, aínda que por respiración ía moi ben e o corpo me pedía ir máis rápido, comecei a notar algo de molestia moi leve que por medo a volver a recaer, quedeime mantendo o ritmo e non seguín o compañeiro no  momento no que a chuvia era máis forte e o vento era insoportable xa que sopraba moi forte.


O resto da carreira foi máis tranquila xa que ía marcando un ritmo que me fora cómodo rodar, no que as molestias non foran a máis e ata parecía que ía parar de chover, aínda así corrín algún km cun compañeiro de equipo ata que se quedou atrás e como vin que as pernas comezaban a responder ben de novo, tirei un pouco máis para gañar posicións para o equipo. 
Neses momentos finais ía moi ben tirando “forte” e ata me daba tempo a saudar ao cámara que fixo unha gran labor estando en tres puntos da carreira el só, aguantando do paraugas e sacándonos unhas fotos incribles a pesar das inclemencias meteorolóxicas. 


No último km íame acercando a outro corredor e entre os aplausos e os ánimos da xente me tentou facer un sprint para ver se conseguía adiantalo pero tiven que usar a cabeza e non forzar máis, xa que non estou recuperado de todo e hai que ter precaución para non recaer, polo que tras mirar cara atrás e ver que non viña ninguén cerca decidín manter posición e rematar a carreira do esperado regreso.


O final posto 72º de 384 e 13º da categoría, con un tempo de 52:58 min que equivale a un ritmo de 3:59 min/km. Os obxectivos cumpridos, xa que esperaba unha peor posición, en canto ao tempo só tardei 1:36 min máis ca o ano pasado no que estaba en perfectas condicións e desfrutei moito da carreira na que ao principio non tiña moitas ganas de mollarme pero despois fíxose entretido correr con tanta auga. En canto a sensacións máis ou menos, a momentos ía moi cómodo, sen molestias nin nada pero supoño que sería por non ir forzando e noutros momentos pois algo si que molestaba polo que hai que seguir coa recuperación e facer exercicios para fortalecer a zona.
Tras esperar para ver os resultados por equipos, nos que o ano pasado fomos segundo, este ano tivémonos que conformar con ser terceiros pero moi contento por poder axudar ao equipo a lograr esta terceira posición.


Clasificación xeral homes:
  1. Antonio Serrat Seoane ............. 41:57
  2. Uxío Abuin Ares ...................... 43:18
  3. Luis Miguel Velasquez ............ 44:21
Clasificación xeral mulleres:
  1. Joselyn Brea Abreu .................. 51:19
  2. Camila Alonso Aradas ............. 51:20
  3. Rocio Alvite Ferreiro ............... 51:30
PD: Fotos cortesía de: Carreira Populares Concello de Padrón e de Jorge Carreira. Grazas!!

Tamén che pode gustar:

0 comments