XXX Carreira Popular do Gundián

Tocou regresar a proba na que nun 2013 comecei nisto de correr e xa van 10 anos sen parar. Despraceime ata Vedra concretamente ata Ponte Ulla onde se ía celebrar a XXX Carreira Popular do Gundián. Sobre unha distancia de 5Km e que dende o ano pasado mudaba de percorrido porque xa non se pode cruzar pola vía do tren.

O obxectivo sería:
  • Intentar apertar o que me deixen as pernas xa que quedei bastante esgotado do Trail Desafío Vértice da semana pasada.

🏆 O MEU RESULTADO 🏆
  • Posto xeral: 15º de 131.
  • Posto categoría: 3º
  • Tempo: 20:17 min.
  • Ritmo: 4:00 min/km
O obxectivo conseguido aínda que pensei que ía chegar mellor a meta, o problema foi o cambio do percorrido xa que apertei moito ao principio e cando chegou a parte das subidas xa ía tocado. Así na última subida do Gundián perdín tres postos pero eu xa non tiña máis nas pernas. Aínda así, moi satisfeito co posto xa que conseguín ser 3º da categoría o malo que só lle daban premio aos dous primeiros, raro, pero é o que hai.

🏁 PERCORRIDO 🏁

O percorrido con saída en Ponte Ulla e xa comezamos subindo pero pendente fácil de facer, logo viña unha zona rápida dando unha volta polo lugar de Reboredo e volta cara Ponte Ulla, onde seguimos de fronte e comeza a parte dura. Subida case ata o Miradoiro de Gundián, forte baixada e recta para recuperar un pouco. Pasamos polo lugar da saída e poñemos rumbo a Subida de Gundián, case 1Km con algún tramo moi duro ata chegar a Capela de Gundián onde estaba a meta.

✅ PUNTOS POSITIVOS ✅ 
  • Voluntarios nos cruces.
  • Avituallamento intermedio con auga, que nunha proba de 5K non é habitual.
  • Avituallamento final completo e nunha bolsa individual para cada corredor.
  • Medalla finisher.
  • Agasallo dunha camiseta.
❌ PUNTOS A MELLORAR ❌
  • Información da carreira. Aínda que teñen un web falta algo de información como os horarios que só avisaron por Facebook ata que hora se daban os dorsais.
  • Servizo de gardarroupas. Creo que sería algo que todos ían agradecer para deixar as cousas e que as subisen ata a meta para poder cambiarse ao rematar xa que non hai duchas.
  • Non hai servizo de duchas.
  • Premios nos podio aos dous primeiros das categorías, aínda que xa o poñía no regulamento e raro xa que polo normal sempre é aos tres primeiros.
🏆 Clasificación xeral homes 🏆
  1. Amadeo Abal Chaves ... 17:57
  2. Alejandro Pesado Fernández ... 18:18
  3. Sergio Requeijo Requeijo ... 18:30
🏆 Clasificación xeral mulleres 🏆
  1. Sabela Castelo López ... 20:05
  2. Inés Ramos Trasar ... 21:30
  3. Lucía Peón Santomé ... 22:53
Pd.: Clasificación completa. Moitas grazas por pasarte e vémonos nas carreiras. ✌️

Tamén che pode gustar:

0 comments