XX Carreira Popular de Pontecesures

Tocou disputar a XX Carreira Popular de Pontecesures sobre un circuíto de 4 Km no que segundo te inscribías podías dar unha ou dúas voltas. No meu caso anoteime aos 8 Km xa que son máis de distancias longas. Este ano a proba tiña un carácter reivindicativo na loita contra a violencia de xénero e a solidariedade cas vítimas.

O obxectivo sería:
  • Fun sen un obxectivo claro polo que intentaría apertar dende o comezo e ver como ía evolucionando a proba.
Cheguei a Pontecesures cedo, xa que fixeron un chamamento para ir con tempo e poder facilitarlle o traballo a hora de repartir os dorsais. Nese punto non teño problema porque sempre intento ir con tempo para poder aparcar con maior facilidade e evitar imprevistos.

Tras recoller o dorsal, fun con meus pais a unha cafetería porque fóra non se aguantaba co frío. Cando restaban uns 20 min. para o inicio da proba, funme cambiar e rapidamente a correr porque ía quedar conxelado. Cando estaba trotando polo sol, íase ben pero a sombra o frío era intenso.

Chegada a hora achegueime a liña de saída onde non me quixen colocar moi adiante porque como a saída dos corredores que ían facer 4Km e 8Km era conxunta, preferín darlle espazo aos que ían facer só 4 Km para non verme forzado a un ritmo que despois non ía dar aguantado.

Con algún atraso, supoño que cerrando as rúas que íamos percorrer, e con unha conta atrás arrancou a proba.

Foto: Concello de Pontecesures
Arranquei con bastantes atrancos e sen atopar moito sitio por onde poder a comezar a gañar postos. Polo que empecei a buscar as zonas exteriores para poder comezar a marcar o meu ritmo, así, tras dous xiros e co pelotón xa estirándose fun polo lado exterior aínda que tivera que facer máis metros pero comecei a gañar moitos postos.

Foto: Concello de Pontecesures
Así no paso polo Km 1 marco un ritmo de 3:32 min/km, nada mal para os problemas na saída que tiven. O trazado de momento era chan pero no Km 1,2 comezamos a subir cara o campo de fútbol, con algunha zona onde a pendente era realmente dura. Tras subir o terreo xa era todo favorable, primeiro cunha baixada logo zonas chans aínda que había un falso llano onde parecía que picaba un pouco cara arriba pero permitía seguir indo rápido. Así fago o paso por meta Km 3,9 con un tempo de 14:01 min. sen chegar ao km 4 polo que o percorrido lle faltaban uns metros.

Foto: Concello de Pontecesures
Comezando a segunda volta xa sabía quenes eran os rivais que quedaban por adiante polo que ía forzando para seguir gañando postos. Así conseguín gañar uns cuantos postos máis ata que estiven durante preto de 2 Km intentando chegar ao correr de adiante. Dábame a impresión de que era da mesma categoría ca min polo que estaba forzando moito para chegar a súa altura. Consigo alcanzalo na longa recta final onde o adianto pero nos metros finais tras un disputado sprint consígueme adiantar de todas formas cheguei moi satisfeito coa carreira que acababa de facer. Así remato a proba facendo a segunda volta en 13:39 min., 22 seg. máis rápido que na primeira volta.

Foto: Concello de Pontecesures
O resultado final foi:
  • Posto xeral: 17º de 246
  • Posto categoría: 5º.
  • Tempo: 27:42 min.
  • Ritmo: 3:27 min/km
Obxectivo cumprido, conseguín facer unha carreira de menos a máis acadando un gran rendemento que me sorprendeu e quedeime a 19 seg. do podio polo que pouco a pouco xa volvo a estar a un bo nivel. Ademais polo km 5 só pasei a 10 seg. da miña marca polo que espero que para febreiro xa poida intentar buscar obxectivos máis ambiciosos.

🏆 Clasificación xeral homes 🏆
  1. Juan C. Mosquera Dopazo ... 25:33
  2. Manuel Lorenzo López ... 25:37
  3. Paulino Folgar Torres ... 25:56
🏆 Clasificación xeral mulleres 🏆
  1. Ángeles Castro Rosales ... 31:19
  2. Elena Matalobos Redondo ... 32:43
  3. Verónica Calvo Dopazo ... 32:48
PD: Clasificación completa. Fotos cortesía de: Concello de Pontecesures. Moitas gracias.

Tamén che pode gustar:

0 comments