VII San Silvestre Compostelana

Despois de participar pola mañá na San Silvestre de Silleda. Pola tarde tocou ir rematar o ano participando na VII San Silvestre Compostelana. Sobre un percorrido de 5,4 Km con inicio e fin na Praza do Obradoiro e percorrendo o casco vello e a Alameda. Esta sería a miña última participación nunha proba coa camiseta do CD. Pinarium.

O obxectivo sería:
  • Tomala como unha segunda sesión de adestramento.
  • Desfrutar do último día do ano correndo.
Cheguei a Santiago con tempo xa que tiña que facer uns recados antes. De camiño a Praza do Obradoiro xa se vía moita xente disfrazada para pasalo ben na carreira. Eu este ano só ía ir co tradicional gorro de Papá Noel xa que ningún dos amigos viña e decidín ir a correr algo máis en serio.

Xa na Praza do Obradoiro respirábase un gran ambiente festivo e acabei de cambiarme para poñerme a quentar que xa ían sendo horas. Cando faltaban uns 5 min. funme colocando na liña de saída. Posicioneime bastante adiante nunha 3ª/4ª fila, creo que nunca saíra tan adiante nesta proba pero se queres ir rápido dende o comezo e evitar atrancos no principio hai que poñerse por esas posicións. Así tras acender a máquina de "neve" e unha conta atrás, deu comezo a proba.

Foto: Organización
Arranquei bastante ben aínda que tomando precaución porque se saíu moi rápido e coas rúas empedradas podías levar algunha sorpresa en forma de caída. Durante os primeiros 500m estaba a un ritmo demasiado alto e confirmeino cando mirei o reloxo e vin que marcaba un ritmo de 3:15 min/km nese momento xa levantei o pé porque a ese ritmo ía durar pouco tempo e despois ía acabar arrastrándome para chegar a meta.

A pesar de ir a uns ritmos máis acordes a min, seguía gañando postos sobre todo cando chegamos a Alameda, Km 1,5 xa que antes polo casco vello as rúas son máis estreitas e hai que ir sempre con precaución tanto por mirar ben onde se pisa como polo público que anda polas rúas para non levar a ningún por diante que xa non sería a primeira vez que hai algún contratempo. Durante todo o tramo pola alameda sentíame bastante ben e estaba tirando forte para seguir gañando postos.

Foto: Organización
Tras saír da Alameda Km 2,5 as forzas comezaron a ir a menos, claramente a proba que fixen pola mañá estábame pasando factura. Intentaba manter o ritmo para seguir gañando postos pero mentres percorriamos a rúa dende a Praza de Galicia ata volver a meternos no casco vello vin como xa non conseguía recuperar postos e estábame quedando estancado.

Chegamos novamente ao casco vello, Km 3,9 e as forzas agora si, comezaron a ir a menos. Empecei a perder algún posto, a miña sensación era de ir a tope pero os ritmos xa estaban máis preto dos 4:00 min/km. Así fun durante todo este tramo ata chegar a meta, chegando moi canso pero satisfeito.

O resultado final foi:
  • Posto xeral: 26º de 1949.
  • Posto categoría: 23º.
  • Tempo: 19:23 min.
  • Ritmo: 3:31 min/km
O obxectivo cumprido aínda que se notou moito a fatiga da carreira da mañá, conseguín un bo rendemento e as sensacións coas que acabei son de que en nada volvo estarei rendendo a un bo nivel.


🏆 Clasificación xeral homes 🏆
  1. Andrés Cendan Llorens ... 17:15
  2. Antón Gómez González ... 17:34
  3. Rodrigo Fraga Odriozola ... 17:45
🏆 Clasificación xeral mulleres 🏆
  1. Tina Fernández ... 19:07
  2. Marta Prieto ... 19:18
  3. Inés Castaño García ... 20:43
Pd: Clasificación completa. Fotos cortesía de: Organización San Silvestre de Santiago. Moitas gracias.

Tamén che pode gustar:

0 comments