IV San Silvestre Compostelana

Acábase o ano e toca disputar a última proba do ano, para iso desprázome ata Santiago de Compostela onde se celebra a IV San Silvestre Compostelana sobre unha distancia de 5,5 km aprox. 
O circuíto sería novo, saíndo dende a Praza do Obradoiro, rematando no mesmo sitio e percorrendo a zona vella e a Alameda. 

Os obxectivos serían desfrutar do ambiente festivo e da carreira, ademais intentaría quedar o mellor posible a diferenza do ano pasado onde só fun a trotar un pouco. 

Unha vez cheguei e consigo aparcar, xa me cambio e vou para o lugar da saída a trote e así xa aproveitaba e ía quecendo. 
Polo comiño sentíame observado xa que ía disfrazado de Mamá Noel, había xente que se ría e me saudaba, sobretodo os turistas. 
Cando conseguín chegar a Praza do Obradoiro xa me sentín máis cómodo porque o raro era ver a xente sen disfraz. 

Cando fomos chamados para a saída, vou rápido para poder colocarme ben e non quedar moi atrasado. Tras o “show pirotécnico” onde nos desexaban Feliz 2017 e onde houbo o perigo de que ardera o arco de meta, dáse a saída.


Cústame arrancar e ao haber tanta xente tomo con máis precaución, vou perdendo posicións pero non pasaba nada que aínda quedaba moita carreira. 
Tras os primeiros metros comeza a haber máis espazos e comezo a tirar e a gañar posicións. 
Todo foi ben ata a altura da Praza de Galicia, o esforzo de correr tamén pola mañá comezaba a pasar factura e xa comezaba a notar bastante cansancio, aínda así sigo tirando forte sen saber o que quedaba por subir xa que nunca fora pola Rúa de Entremuros, bueno minto, só chegara ata onde está o Tarasca pero por motivos non deportivos 😁. 
Esa pendente chegoume ben e a partir de aí deixeime levar e intentando que os perseguidores non me alcanzasen pero as pernas dixeron basta e o último km xa fun máis relaxado e desfrutando de toda a xente que estaba animando pola zona vella.


O resultado final foi:
  • Posición xeral: 53º de 1787.
  • Posición categoría: 52º.
  • Tempo: 20:48 minutos.
  • Ritmo: 3:47 min/km.
Os obxectivos ben, xa que aínda que sufrín máis do esperado e non contaba con tantas subidas, desfrutei moitísimo do ambiente e de toda a xente que estaba animando e aínda que me relaxei no último km o ritmo que marquei bastante ben, conforme.

Como anécdota, había partes da carreira onde ía saudando a os rapaces pequenos que animaban e zonas polas que a min me pegaba a risa xa que escoitaba os comentarios da xente cando pasaba.
Posiblemente foi unha das carreiras nas que máis desfrutei do ambiente, incluso cando volvía cara o coche había quen me seguía animando.

En canto a carreira, máis dura do que esperaba pero ben organizada, con voluntarios nos cruces para parar coches e a xente non se cruzase no medio do circuíto e ao final chocolate para todos aínda que eu non collín.

🏆 Clasificación xeral homes 🏆
  1. Pedro Nimo Del Oro .................. 17:36
  2. Diego Barreiro Carneiro ............ 17:47
  3. Arturo Ramos Rey ..................... 17:55


🏆 Clasificación xeral mulleres 🏆
  1. Raquel Suárez Pedrosa .............. 20:03
  2. Inés Castaño García ................... 21:06
  3. Esther Pedrosa Carrete .............. 21:14
PD: Clasificación completa. Fotos cortesía da Organización da San Silvestre de Santiago. Moitas Grazas!!! 👏👏

Tamén che pode gustar:

0 comments