V Carreira Cross Popular do Nadal

Desta vez tocou desprazarse ata Riveira para disputar a V Carreira Popular do Nadal “Campo a través” sobre unha distancia de 6 km aprox. nun circuíto ao que teríamos que dar 3 voltas percorrendo: pista, herba e zona de monte. 
Os obxectivos serán desfrutar, xa que este tipo de probas non son moi abundantes e estrear as novas zapatillas de cross para ir afacéndome a elas de cara a posibles probas e campionatos de cross. 
Unha vez cheguei as pistas de atletismo de A Fieiteira en Riveira, recollín o dorsal, cambieime e decidín que zapatillas usar xa que vin a moitos dos que ía participar con zapatillas normais ou de trail, ata que vin a algún que ía usar cravos e decidín poñelos eu tamén. Tras un pouco de quecemento deuse a saída. 
Arranquei tranquilo xa que non sabía ben que me ía atopar no circuíto e como me ían ir as zapatillas que estaba a estrear. Ao saír relaxado quedeime sen poder avanzar moitas posicións na primeira volta xa que ao ser camiños estreitos é máis difícil gañar posicións.
Unha vez dada a primeira volta e de comprobar o circuíto, comecei a dar zapatilla gañando posicións continuamente tanto na zona da pista, pola herba do campo de fútbol ou na zona do monte onde había que ter máis coidado para non torcer un nocello pero que era a zona máis entretida e onde máis se podía desfrutar.

Na última volta apenas gañei posicións e intentei alcanzar a outro participante que levaba por diante na zona do monte, non fun capaz xa que levaba moita vantaxe e ao chegar a parte final na zona da pista e da herba decidín conservar a posición e aguantar o ritmo para que non me collera o que viña por atrás.

O final posto 17º de 124 e 9º da categoría con un tempo de 25:30 minutos o que equivale a un ritmo de 4:15. Os obxectivos cumpridos xa que desfrutei moito desta proba, con moi boas sensacións e as zapatillas resultáronme moi cómodas polo que espero que me dean bos resultados en futuros campionatos de cross.

Resumindo, gran carreira e gran organización a do club Santa Uxía Atletismo, seguramente volva a disputar esta carreira xa que me gustou moito o circuíto realizado tendo de todo, zona técnica, zona rápida e pasando por tartán, herba, monte. 
PD: Fotos cortesía de Santa Uxía Atletismo e Ramón Pérez. Grazas!!

Tamén che pode gustar:

0 comments