Trail de San Isidro 2017

Despois de correr onte o Campioanto Galego de 10 Km en ruta celebrado en Padrón, hoxe tocaba desprazarse ata A Pobra do Caramiñal onde se ía celebrar o Trail de San Isidro, proba que xa disputei o ano pasado e que esta ano mantiña os 13 km pero que variaba o percorrido.

Os obxectivos serían:
  • Intentar facer menos tempo que o ano pasado (1:33:36), ainda que ao cambiar de percorrido non sei o que me vou atopar. 
  • Desfrutar da natureza. 
  • Intentar non perderme como fago sempre nos trails. 😅
Desta vez non me despracei só, xa que fun con un amigo (Alberto Pereiras Pena) que ía disputar o seu primeiro trail.
Unha vez chegamos, fomos recoller o dorsal e ver o ambiente que había nos arredores.


Tras recoller o dorsal, fómonos cambiar e dirixirnos cara a saída para esperar a que fora a hora de poñerse a quecer un pouco para non saír en frío.


Chegada a hora poñémonos a quecer, aínda que en parado sopraba unha brisa moi fría, cando te poñías a correr facía calor, polo que esperaba ter que cruzar varias veces o rio para refrescarme como o ano pasado que tamén fixera moi bo tempo.


Acabamos o quecemento e xa vemos como se comeza a colocar a xente para a saída, así que intento poñerme na zona media porque sei que isto sempre se me fai largo e duro e había tempo para correr e desfrutar das paisaxes.


Dáse a saída e comezo tranquilo, xa que nada máis arrancar tiñamos unha boa subida por asfalto e me da tempo a rirme dos comentarios que se ían dicindo no grupo.


Unha vez abandonamos o asfalto, prodúcese un parón xa que había que pasar en fila de un e isto provoca un embotellamento polo que imos pasando pouco a pouco e a partir de aí comezar a correr xa por monte, onde comezo a gañar posicións e sentíndome moi cómodo xa que de momento o terreo non era moi técnico e as forzas estaban intactas.
Tras pasar o primeiro km xa temos que mollar os pes como o ano pasado, aínda que hai quen intenta evitala pero sabendo como foi o ano pasado ía ser imposible non mollarse polo que eu xa vou directo a auga.


Agora viña outra subida pero de momento ao ter aínda forza, decido facela correndo ata onde dea e se vía que se alargaba pois botarse a andar que foi o que pasou, chagado a un punto non houbo máis remedio que andar xa que senón ía acabar coas pernas na primeira subida. 
Logo tocaba baixar un pouco onde vou perseguindo a outro compañeiro de carreiras que xa me abrira camiño no Cross dos Menhires este ano.


Tras esta baixada viña a subida máis importante e larga da carreira onde íamos todos andando e en fila de un, e onde tiñas que pisar ben porque como perderas un pouco o equilibrio podías caer cara atrás e que a piques me pasa, menos mal que me botei man ao chan e puiden seguir subindo.


Esta subida remataba no km 4 onde viña a primeira baixada técnica sobre pedras e onde tiña que mirar moi ben onde pisar para non torcer un nocello cousa que traxicamente me pasou. Tras pasar os primeiro metros de baixada nun salto ata outra pedra fállame o nocello e dobrase para fora, inmediatamente o corredor que tiña detrás xa me pregunta como estou porque se deu conta que o torcín moito, aparto o que podo do camiño e tócome o nocello para ver se inchou, non lle noto nada estraño e intento continuar, aínda que cando pisaba me doía ía intentar chegar ata o avituallamento mentres comprobaba se daba seguido ou non. O nocello quedoume moi sensible e estaba resultando moi complicado baixar, ademais ía controlando a xente que viña por detrás e deixándoa pasar, xa que tiven que ir máis despacio e controlar máis onde pisaba.
Consigo chegar ao avituallemento que estaba na metade doutra subida, mentres estaba subindo apenas me doia polo que unha vez que me atopo no avituallamento decido seguir e rematar a carreira como fose, así a tivera que facer andando.


Tras acabar de subir ao punto máis alto, quedaba o peor e onde máis sufrín, baixar. A baixada foi moi técnica e un esvarón podía provocar que baixaras de vez uns cuantos metros. Ao ter que facer forza, o nocello doía bastante e fun baixando como puiden, deixando pasar a toda a xente que viña por detrás para non molestar, o bo era que unha vez baixara xa esta a carreira feita e quedaba unha parte na que era máis fácil correr.


Aínda quedaba algunha sorpresa polo camiño como o paso por unha pequena ponte que xa daba a entender que estabamos preto e xa non tan metidos no monte.


Houbo que cruzar por última vez o rio pisando sobre unha pedras pero no que te tiñas que mollar si ou si e que un esvarón podía provocar unha boa molladura, logo iríamos pola beira do rio ata subir ao camiño mediante unha corda para axudar. 
A partir de aí xa era todo correr e só quedaría volver a mollarse a falta de 1 km para a meta, por un camiño duns 200 metros que estaba anegado ata a altura do nocello.


Unha vez rematado ese treito queda unha pequena costa en asfalto pero como as forzas xa ían xustas, fágoa andando.



Agora só quedaba uns 500 metros para a chegada a meta, onde recuperei algunha posición e parecía que o nocello me deixaba correr ben.



O resultado final foi:
  • Posición xeral: 82º de 245.
  • Posición categoría: 56º.
  • Tempo: 1:31:12.
  • Ritmo: 6:46 min/km.

Os obxectivos cumpridos xa que baixei o tempo do ano pasado, non me perdín e ao ter que ir máis despacio puiden desfrutar máis da natureza e paisaxes. O malo foi a torcedura no nocello que ao arrefriar despois da carreira, custábame moito apoiar pero tras a visita ao fisioterapeuta quedei máis tranquilo xa que non chegou a haber un esguince e con unha semana de descanso, frío e antiflamatorio debería estar listo para seguir dando guerra e intentar chegar a seguinte cita da Arousa Trail Series 2017 en Bealo (Boiro).

Rematada a carreira, mentres se recuperaban as forzas, houbo tempo de comparar impresións co amigo que debutaba e que quedou moi contento coa experiencia e con moitas ganas de volver ao monte a pesar de caer un par de veces (o que pasa por levar zapatillas de asfalto).


Información técnica:
  • Distancia: 13 km
  • Desnivel +: 680 m.
  • Pendiente máxima: 37,9%
  • Pendiente media: 10,5%

🏆 Clasificación xeral homes 🏆
  1. Loís Rodríguez Boga ...................... 1:08:59
  2. Jose M. Fernandez Sampedro ......... 1:09:51
  3. Juan J. Barral Varela ....................... 1:10:57
🏆 Clasificación xeral mulleres 🏆
  1. Alejandra Seoane Rial .................... 1:30:11
  2. Serafina Pereira Giralda ................. 1:35:40
  3. Bea Amado ..................................... 1:36:40

Tamén che pode gustar:

0 comments