Camiño a Santiago (Lalín - Santiago)

A isto pódeselle chamar “loucura” ou “non ter que facer” pero decidimos facerlle caso a Otero e facer a trote as últimas dúas etapas do Camiño de Santiago, na variante do Camiño Sanabrés que vai dende Lalín ata Santiago completando así uns 55 km aprox. 
O día chegou, venres as 8:15 am xa en pé para comezar a aventura, diríxome cara A Bandeira onde quedara cos amigos (Otero e Alberto) para despois desprazarnos ata Lalín e arrancar. Mentres íamos cara Lalín xa nos íamos fixando por onde teríamos que ir e pensando que todo esa viaxe que estabamos facendo en coche cara Lalín, despois teriámolo que volver a facer ao revés e a pé... 
Xa en Lalín acabamos de prepararnos, sacamos a rigorosa foto de comezo e arrancamos as 10:00 am con unha temperatura de 1ºC (que ben se estaba na cama).


Comezamos percorrendo o paseo fluvial Pontiñas de Lalín para entrar en calor, xa que a verdadeira etapa comezaba uns 5 km despois no albergue de A Laxe. Despois de pasar polo albergue continuariamos uns metros pola nacional e logo 2 km por pistas ata chegar a Prado.
En Prado volveríamos a ir pola nacional ata meternos noutro desvio que nos levaría por pistas ata meternos nunha zona forestal onde teríamos que cruzar a antiga ponte de Taboada sobre o río Deza, afluente do Ulla.



Tras cruzar a ponte, veu unha subida entre pedras e moita auga na que algún de nos xa probou se estaba fría ou non. Ao acabar de subir veríamos as primeiras casas de Taboada e logo volveríamos a ter que percorrer uns metros a nacional e coller outra pista forestal durante uns 2 km para chegar ao Albergue de Transfontao.
Tras pasar o albergue metémonos por un camiño empedrado e cheo de auga, posiblemente foi o momento máis divertido da viaxe, xa que despois de intentar non mollarnos indo de pedra en pedra, foi imposible non probar a auga nos nosos pés e ao ver que xa os tiñamos mollados xa cruzamos polo medio do “riachuelo” como se non houbese auga, importándonos moi pouco mollarnos.


Despois da diversión de mollarnos como nenos pequenos, continuamos a viaxe e tras seguir pola pista forestal durante 2 km chegamos a Silleda, pola que teremos que atravesar ata chegar de novo a nacional para ir alternando pistas con nacional cerca de 1 km ata chegar a Nudesa onde collemos un desvío que nos levará a unha aldea.
Ata aquí todo parecía ir ben pero un dos compañeiros comezou a notar molestias no xeonllo e tivemos que baixar o ritmo que levabamos mentres decidía se ao chegar a Bandeira se quedaba e non remata a aventura ou buscaba unha solución para rematar. A 2 km desta aldea teremos que cruzar o rio Toxa, afluente do río Deza para chegar a aldea de Chapa. Unha vez alí decidimos que habería que comer algo polo que pararíamos en Bandeira e decidir o futuro do noso compañeiro lesionado.


Tras chegar a Bandeira fomos ao Café Bar Arume onde pillamos uns bocadillos para ir comendo polo camiño e non perder moito tempo. Mentres esperamos a opción escollida polo compañeiro lesionado foi que tiña que rematar a aventura si ou si, polo que decidiu pasar pola casa, pillar a bicicleta e rematar con nós este desafío.



Ao abandonar Bandeira e baixando A Casela fomos comendo tranquilos ata que acabamos e volvemos a trotar por pistas de asfalto e sendeiros ata Dornelas, aí eu comecei a sentirme mal, supoño que sería comer e seguir trotando que ao estómago non lle gustou moito, pero pouco a pouco foi pasando. Tras pasar Dornelas seguimos cara San Miguel de Castro.


Despois de pasar San Miguel de Castro chegamos a Ponte Ulla e adentrarnos na provincia de A Coruña. Tras un forte descenso podemos ver a capela de Gundián, onde fixemos un alto para desviarnos do camiño e cruzar o rio Ulla pola ponte do tren, en vez de por onde tiñamos que ir xa que así poderíamos desfrutar dunhas grandes vistas non aptas para xente con vertigo e visitar o mirador de Gundián.



Despois de abandonar Ponte Ulla, temos que ir pola nacional uns 400 metros de subida constante ata coller un desvío tamén subindo. Neste punto as forzas abandonáronos e tivemos que ir andando, iso si, andando rápido que cada vez quedaba menos tempo de sol... Tras percorrer 4 km de pistas continuamente subindo chegamos a capela de Santiaguiño onde hai unha fonte polo que fixemos unha repostaxe para cambiar a auga que levabamos. Uns metros máis adiante está o albergue de Outeiro no que finaliza a penúltima etapa.
Ata aí levábamos percorrido uns 38 km, as forzas xa non existían e pasousenos pola cabeza quedarse no albergue pero ao final seguimos xa que só restaban 16 km para chegar, pero 16 km máis duros xa que íamos sen forzas e con dor en músculos que non sabía nin que existían. Despois de percorrer uns 4 km chegamos a outro “charco” pero desta vez xa non había ganas de mollarse, os compañeiros pasaron polo muro e eu pola finca do lado intentado mollarme o menos posible porque xa empezaba a facer frío e podía levarme a coller un resfriado.


Uns metros máis adiante do charco e chegando ao asfalto, pódese ver a dereita o preto que estamos do Pico Sacro, habendo tempo e ganas sempre se pode ir visitalo e contemplar as vistas pero desta vez a nós non nos tocaba ir.


A partir de aquí vaise case todo o tempo por pistas asfaltadas ata chegar a Susana, onde imos preto de 1 km pola nacional ata cruzala para logo pasar por debaixo dela e non volver a vela, xa que se vai todo por pistas. Tras cruzar unha vía do tren chegamos a Vixoi, primeira aldea do concello de Santiago. 
Xa só falta 6 km pero que se fixeron eternos xa que o cansancio era moi grande e as pernas xa ían soas, impulsadas polas ganas de chegar e acabar o antes posible. Tras chegar a Angrois fixemos un alto nun bar para pillar algo de comer xa que as barritas e os xeles que levabamos xa se terminaran e o corpo comezaba a pedir azucre. Dende Angrois xa só faltaban 3 km e tras chegar a un camiño empedrado ao fondo por fin se ve a Catedral, a viaxe estaba chagando a súa fin. 
Despois de cruzar a rúa da Ponte do Sar, afrontamos unha dura subida para chegar a zona vella de Santiago e só queda desfrutar destes últimos metros para chegar a trote cos brazos en alto a Praza do Obradoiro.


Despois dunhas 9 horas de camiño e case 55 km dos que uns 25 km os fixemos a trote e outros andando a ritmo elevado conseguimos chegar ao destino, aínda que nalgúns momentos a cabeza nos dicía que era mellor parar e volver, continuamos guiados polas ganas e forza de superación, que fixo que lograramos este reto. Unha vez rematamos, seguramente os tres pensamos que nunca máis fariamos algo así pero despois de descansar, ¿por que non volver a intentalo ou facer o Camiño desde Francia? algo que teño moitas ganas facer.

PD: Agradecementos a un compañeiro que despois de traballar nos veu a recoller para poder volver a casa e no que tivemos que xogar ao Tetris para poder meter a bicicleta no maletero. Gracias Neiro!!

Tamén che pode gustar:

0 comments